23 de maio de 2023

Parásitos do público

Disponher dos recursos públicos (de todas e de todos) para outros fins que non sexan os de cubrir as necesidades ou dereitos básicos da comunidade nun momento de moita dificultade, tamén é un xeito violencia.
Usar eses mesmos recursos públicos con un propósito estritamente privado, ou por ser máis claros, empregar o dinheiro de todas e todos para o beneficio dunha persoa ou dumha banda, é corrupción da máis vella, cutre e casposa.
Que te collan metendo a man no caixón dos cartos e que a única resposta sexa sementar máis odio e crispación, tentando desviar a atención sen pudor ningún á hora de mentir na sede da soberanía municipal, é dunha vileza inusitada amais dumha total falta de dignidade.

Usar un coche que pagamos todas e todos, gardado no garaxe que pagamos todas e todos, con gasolina que pagamos todas e todos, con un suposto [e ilegal] inhibidor de radares que pagamos (sen sabelo) entre todas e todos para ir ver a quien-tú-sabes, é un comportamento que se sitúa para alén do desfalco e da indecencia. Facelo incumprindo a lexislación en seguridade viaria, numha mostra de extrema arrogancia por parte de quen se cre por enriba da lei en cada momento da súa vida, xa é síntoma dumha absoluta falta de respecto e mesmo dalgún desequilibrio mental.
Un despiste é o que nos leva a coller o autobús da Valenzá no canto do da Cunha. Pulverizar durante horas a velocidade máxima á que sabes que poderías ir [no quilómetro de estrada que che permita ir máis rápido en todo o Estado], e ponhendo en risco a vida doutras persoas que poidan cruzarse no caminho… directamente, non ten calificativo. A irresponsabilidade alíase aquí coa mala fe e vese agravada pola condición de representante público e alto cargo dun dos 2 partidos que ten redactado a maior parte da lexislación do Estado.

28 de abr. de 2023

Infinitos campos

 

Donde nos llevó la imaginación,
donde con los ojos cerrados
se divisan infinitos campos.
Donde se creó la primera luz,
germinó la semilla de cielo azul,
volveré a ese lugar donde nací.

Antonio Vega


Moito tenhen mudado as cousas de cando era máis mozo e chegaba a crer que os trens eran animais mitolóxicos que simbolizaban a fuxida ou a liberdade. Naqueles anos, podías fumar tranquilamente no autobús ou na consulta do médico (aducindo umha xenerosa contribución co Estado); sabías reconhecer o dereito á sexualidade da túa noiva (contigo, claro, que para iso era "túa") e non tinhas que preocuparte nunca de descubrir se umha foto estaba trucada nin de discernir entre novas reais e alburgadas, pois para iso estaban os mass media que nos guiaban no noso xeito de pensar e interpretar a realidade.

Por moito que renunciemos a elas, estas conductas han seguir formando parte da nosa verdadeira patria, influíndo no noso padrón de comportamento xunto ás daquela fauna típica que se repetía en cada lugar, en cada bar, en cada cuadrilla… como umha pátina estendida por todel e que -coas particularidades propias de cada época- resultou ser umha constante en cada xeración. Entre as especies daquel microsistema estaba o "guapo", que non perdía ocasión de admirarse en cada anaco de vidro que se cruzara no seu caminho, colocando lentamente o cabelo mentres exhalaba coa mesma cadencia o fume do seu cigarro. Tampouco podía faltar o "primo", o primeiro en dar tabaco ou aportar fondos para calquera gasto, tentando agochar en moitas ocasións, as carencias que sufría na súa casa ou nas súas emocións. E, por suposto, o "fantasma", que entraba no bar con aquel movemento acompasado ao ritmo das chaves e, despois de golpear con forza a barra, aseguraba ter ido a Madrí a noite anterior en 4 horas, algo só posible pola súa pericia sen igual e por baixar o Padornelo "a 160, chaval".

19 de abr. de 2023

Ka-ching!

A expresión inglesa ka-ching fai referencia ao son dumha caixa rexistradora. Popularizada -anos atrás- pola canción da canadense Shania Town, emprégase xeralmente como umha especie de exclamación cando alguén está ganhando moitos cartos. Na capital termal de Galicia, onde gustamos especialmente de calquera lingua que non sexa a nosa, só nos falta por descubrir quen está facendo caixa, porque a sobreelevada factura dos excesos que estamos vivindo no último par de anos, xa sabemos abondo que imos ter que pagala entre todas e todos nós.

Mentres sigo tendo que agardar longas esperas e colas na rúa para acceder ao Rexistro do meu concello (algo que non ocorría 10 anos atrás, por exemplo), observo con incredulidade a renovación do firme no parque de San Lázaro… por terceira vez en pouco máis de 20 anos [Ka-ching!]. E mentres as organizacións sociais da cidade non dan abondo a compartir alimentos básicos coa multitude que acode na procura dun pouco de esperanza, alguén sobe o volume das orquestras máis caras do mercado (que pagas ti e pago eu, claro) para que non escoitemos as miserias e as necesidades das nosas veciñas e dos nosos veciños [Ka-ching!].

25 anos non son nada

 

Alén das máscaras adivínase a mesma especie humana:
trátase do ser humán diferente nas súas innumerables encarnacións

Lucian Boia

 

O 31 de xaneiro de 1999 tinha lugar o primeiro Domingo Fareleiro nas Eiroás. No antigo souto do pazo -reconvertido na actual praza do barrio- non chegabamos a umha ducia as persoas que tentabamos arrincar coa celebración dumha festa que, no seu día, disque concitaba a presenza masiva das veciñas e veciños dos arredores, conformando -xa que logo- un dos 4 puntos nos arredores da cidade -canda Seixalbo, Vilarnaz e Parada de Amoeiro– nos que as repetidas prohibicións do franquismo non pareceran facer o efecto desexado.

Na procura de actuacións que nos axudaran a reforzar a autoestima do barrio foi como deramos coa apócema que combinaba elementos herdados do lugar coa pretendida dinamización da actual barriada do norte ourensán. O Entroido, ese microsistema no que se enxertan distintas pólas do noso ciclo festivo, facilitando a pervivencia das tradicións nesa especie de quermese entre a rexouba e o ritual, axiña veu a se converter numha das principais identidades daquel pequeno barrio. Un barrio que medrara ao longo do século XX con xente procedente -principalmente- do noroeste da provincia ourensá e do sul da luguesa.

19 de nov. de 2022

Desprestige

 

Lembro que era polo medio da semana. Na capital galaicoateniense estaba tendo lugar a 7ª edición do festival de cinema (o mesmo que deixamos esvaecer despois de soterrar millóns de euros na súa fallida organización) e un forte temporal deixaba varios incidentes no resto do país, entre os que salientaba a tráxica morte de 2 mulleres na Corunha ao caír un guindastre sobre o seu edificio. Despois do xantar, os “partes” horarios falaban discretamente dun petroleiro á deriva a 28 millas de Fisterra. Umha distancia demasiado cercana mesmo para un galego do interior, que contaxiaba dumha preocupación crecente na medida que iamos asimilando que o que sse nos vinha enriba era un buque con umha greta no casco, escorado 45 graos e cargado con 70.000 Tm3 de Mazut-100, un combustible pesado, de baixa calidade e altamente contaminante.

Coincidía este feito con umha época na que a serie de moda na TVG (e talvez en toda a grella televisiva) era Mareas Vivas, umha ficción localizada en plena Costa da Morte, con aqueles 2 alter-egos de Laxe e Corme (Portozás e Cormelle) que entraban nos nosos fogares cada luns pola noite, tocando a “fibra xenética” mesmo de quen nunca chegariamos a imaxinar que a robaliza e a lubina son o mesmo peixe en distinto idioma. Entre os méritos daquela serie, incluiría sen dubidar o incremento da nosa autoestima por ofrecernos un producto audiovisual digno; que falaba de nós e na nosa lingua, con aquel seseo nerio-bergantinhán que aprendimos a imitar con orgullo, descubrindo quen somos sen complexos e con certa admiración, pouco tempo antes de que a división comercial dumha gran cadea de supermercados nos convidara a vivirmos como galegos.

10 de out. de 2022

ProbAlfa

 

Antonte deume por ir ao concello de Ourense a preguntar pola exposición pública da proposta sobre a renovación do servizo de autobuses. Proba alfa, disque lle chaman. Non sei se o nome resposta a algún complexo de masculinidade ou simplesmente é un acrónimo da comida preferida dos asnos, pero despois de perder a acostumada hora dando tombos polas dependencias municipais, recuperei aquela sensación case esquecida de impotencia e inutilidade, amais do desinterese crecente diante dumha institución que non deixa de desilusionarme cada vez que me achego a ela.

A aventura comezou coa entrada na casa que Alfonso XIII definira como un edificio que non tinha máis que escaleiras, para atoparme con umha sensación de baleiro que só conhecía das visitas á casa grande fóra do horario laboral ou mesmo cando o edificio era usado como camerino nas actuacións que tinhan lugar na praza maior. Nos escasos 5 minutos que estiven alí dentro non tiven que cruzarme nin falar con ninguén. Atrás no tempo quedaba o bule-bule de veciñas e veciños facendo pequenas colas nos portelos de atención ao público, o elevador un tanto limitado que non daba abasto a comunicar coas distintas plantas de oficinas ou o fluír continuo de traballadoras/es e axentes sociais dumha cidade aínda viva. Non querería ponherme morrinhento, pero o desfile de saúdos que tinhas que cruzar ao entrar na Casa grande tamén facía que sentiras a Casa máis túa… máis da comunidade. Antonte, máis ben, semellaba umha baldía e tétrica edificación que non convidaba a permanecer nela.

7 de ago. de 2022

Memoria de peixe

Se tiveramos que facer un exercicio de síntese sobre a evolución da cidade nas últimas décadas, moi probablemente destacaramos a peonalización das rúas do centro urbano e a recuperación (mal e a medias) dumha certa identidade vinculada ao río e ao termalismo. Sobre os recursos hídricos, semella que nos resignamos con aquel letreiro termal que alguén chantou na entrada da cidade, aínda que nunca chegaramos a saber que raio significaba aquilo. Pouco a pouco, todas as arroutadas que ían converter á "Atenas-termal-daChispa-dasPontes-edasBurgas-deGaliza" numha produtora de riqueza, saúde e intelixencia por milleiros, foron desaugando polo sumidoiro. Anos despois, comprobamos que o único que coincide con aquelas promesas venturosas é que os emigrantes que producimos (eses si son a milleiros) marchan formados, sanos e coa muda limpa, voltando nas vacacións para ver á familia e engrosar -de paso- o incrible número de turistas que visitan Ourense para mergullarse na cidade da auga, aínda que non sexamos quen nin sequera de termos as instalacións abertas.

No que atinxe á peonalización do viario, a cousa non foi moito mellor. Xa houbera que emprendela con nocturnidade na madrugada dun martes de outubro de 1989, con certo sentimento de culpa e pedindo perdón por mellorar a calidade de vida da ilustre poboación "galaico-ateniense". Aquel acto de cimentación dun tramo da actual rúa do Paseo, provocara a resposta inmediata por parte do PP (ao tempo AP-CdG, en proceso de reconversión), mobilizando a quen ocupara meses atrás a concellaría de Cultura para enarbolar a bandeira dumha extravagante axitación cidadá, talvez motivados pola revolta que estaba tendo lugar en Allariz e que ía mudar radicalmente o futuro desa vila ou talvez pola inminente convocatoria electoral que colocaría a Manuel Fraga na presidencia da Xunta, apagón de datos incluido, aínda que iso é asunto doutro artigo. Os mesmos protagonistas que anos máis tarde machacaron (e seguen machacando) as nosas orellas con alburgadas tales como que "o cliente non entrará se non se pode fumar", "se subimos os salarios, medrará o desemprego" ou o máis actual "o cliente non virá se temos o ar acondicionado a 27 graos", eran os que prometían no ano 89 que os comercios pecharían por ducias coa peonalización daqueles escasos 100 metros da rúa do Paseo.

6 de ago. de 2022

Os bos xestores

 

Soa como o título dumha mala película da época do destape. Umha daquelas nas que calquera excusa (ou mesmo ningumha) servía para sacar umha teta na pantalla e alborotar un galinheiro que acumulaba 4 décadas de represión e cativerio.

E en certo xeito ten un aquel de semellanza. Aqueles zoom mareantes que á penas deixaban ver o que prometían, combinan á perfección co olor a Soberano e con estes parásitos do público que pregoan como papagaios as bondades dun liberalismo económico do que son crentes pero non praticantes. O principio de orquestración, recollido no endecálogo da propaganda nazi atribuido a Goebbels, reza que “a propaganda debe limitarse a un número pequeno de ideas e repetilas incansablemente, presentadas umha e outra vez desde diferentes perspectivas pero sempre converxendo sobre o mesmo conceito. Sen fisuras nin dúbidas”. Neste sentido, estamos cansos de escoitar o importante labor de xestión e produtividade que acumulan ás súas costas, aínda que se pararamos a analizar un cuarto de hora, descubririamos que na maior parte dos casos nunca crearon un emprego nin desenvolveron actividade ningumha lonxe dos espazos públicos ou semi-públicos (máis conhecidos como chiringuitos) próximos aos seus respectivos partidos políticos.