18 de nov. de 2011

Alea iacta est, ou non?


Seica hoxe remata a campanha eleitoral. Alá van 15 días de malgasto e derroche inútil que non lle serviron a ningún espanhol para clarexar as súas preferencias ideolóxicas á hora de elexir ao timonel que colla con azos este lander chamado España.

Saímos da campanha igual ca entramos. Convencidos do que di o noso gurú (cadaquén o seu), e repetindo até a saciedade consignas que ben poderían formar parte dun beaudeville mediocre e cutre; frases e aseveracións que –se fosemos quen de nos abstraer por un momento deste mundo- sentiriamos vergonha de teren saído da nosa boca.


Sirva como exemplo o debate entre Rajoy (o “hilillos de plastilina”, daquel governo que nos meteu numha guerra que ninguén quería, ademáis de malvender a prezos de risa as poucas empresas públicas que xeneraban pingües beneficios ao Estado) e Rubalcaba (corresponsábel dos maiores recortes sociais sufridos en Espanha en toda a democracia, ademáis da nefasta xestión da situación económica), que centrou o interese por varias xornadas desta campanha. Para alén de opinións sobre o antidemocrático da ausencia doutras forzas políticas, da estéril presenza dun moderador que non fai nada ou da ausencia total de propostas firmes (que tampouco quero entrar demasiado na crítica do show); quédome coa cara de parvo que che se pón cuando ao minuto de rematar ese tal debate, a prática totalidade dos medios de comunicación centran as súas propias lides en discutir sobre quen ganhou. Quen ganhou o que? Non era un debate para conhecer as propostas, posicións, ideas e contra-propostas de cada candidato?  As vitorias non son o día das eleccións?

Aínda que, certo é que se nos acostumamos a entender que o debate é entre dous e xenera un ganhador e un perdedor... sumámoslle as tendencias marcadas polos enquéritos debidamente cocinhados...e voilà: cuase excusariamos un proceso eleitoral.

Mentres, os mercados -eses monstros que lembran por múltiples motivos a “os innombrábeis” do filme O Bosque- campan ás súas anchas e xa se animan a especular abertamente coa díbida e mesmo a dar golpes de Estado en países da rexión “máis avanzada do mundo”.

Por outra parte, a nova-vella Europa (esa que Alemanha abraza un chisco menos desde que se lle abriron as portas do mercado chinés), zozobra sen ter mui claro se o fin do túnel é umha Europa de 2 velocidades (Merkel dixit), umha ruptura definitiva do Euro ou a recuperación paulatina da “normalidade”. Aínda que, claro, isto último faise difícil de crer coas medidas que se toman no día a día. Que o BCE lle empreste dinheiro ao 1,5% a cualquer banco para que este –á súa vez- llo empreste a cualquer Estado ao 7%... pois iso, que non ten nome. Mais que sigamos sen permitir que o propio BCE empreste o dinheiro directamente aos Estados (ao 1,5%) ou merque díbida no primario (e non no mercado secundario) é verdadeiramente de esquizofrénicos suicidas.

Tampouco tranquiliza que os berces da democracia e da civilización europea (Grecia e Italia) estén intervidos polos mercados. Que Lucas Papademos, Mario Dragh e Mario Monti tenhan en común no seu curriculum o teren traballado para Goldman Sachs (un dos grandes dos innombrabeis) é un feito non por agardado menos duro e máis alarmante. A minha percepción de que estamos inmersos en período de revolución e agardando se a saída toma un cariz máis social ou máis próximo ao anarco-capitalismo, desmorónase por momentos percebindo que o fin da revolución está demasiado próximo.

E mentres seguiremos debatendo sobre quen vestiu de xeito máis adecuado para pedirnos o voto ou sobre quen xesticula mellor cuando mira á cámara.

Contodo, non quer ser isto un canto ao infortunio. Máis ca nunca, o domingo exercerei o meu direito ao voto, como gostaría que fixeramos un grande número de cidadáns (cicais así, outro galo cantara).

3 comentarios:

  1. Creo que a estas alturas estamos todos xa cansos e derrotados; eu xa votei, e o fixen por un partido minoritario... Ogallá a sociedade se dera conta da gravidade da situación na que vivimos e fixeran o mesmo, pero penso que, polo menos o 20N, nada vai cambiar.
    Votei porque non quero contribuir coa miña abstención a que se favoreza ás duas grandes sectas, pero estou perdendo a fe no sistema que rexe este país.

    ResponderEliminar
  2. Leixo, sabes que comparto en boa medida o que dis. Por iso agora máis aínda os pasos deben ser firmes ante os trocos que se albiscan.
    Como sei que gostas da leitura, para estes tempos permítome recomendar a releitura de Karl Polanyi, "A grande transformación"

    ResponderEliminar
  3. Suscribo totalmente o que eiqui ben dis, parece que o noso destino está xa decidido, pero, non somos nos os que temos a capacidade para trocar isto?. É unha mágoa que o que parece que debera ser o sentir maioritario dos españois, non se vexa reflejado no resultado eleitoral. Será que todavía non estamos o sufientemente preparados para conseguilo ou é que o aparello que temos que vencer é demasiado poderoso?. Debemos ser conscientes que a información que nos chega habería sempre que filtrala e interpretala, para evitar na medida do posible ser marionetas do sistema. Unha aperta

    ResponderEliminar