18 de set. de 2018

Vaite a Alemania, Pepe


Hai uns días, a cabeceira dun xornal local ofrecíanos un titular que parecía saído daquel “Curso de ética periodística” co que Juanjo de la Iglesia nos axudaba a discernir –através dun humor punzante e comprometido- se nos atopabamos diante dun texto escrito por un xornalista ou polo gabinete de prensa dun partido ou dumha institución calquera.

A cabeceira en cuestión dicía que “descende o paro en Ourense, naqueles lugares que perden poboación”; ou sexa, facía un paralelismo entre o incremento poboacional e a suba do número de desempregados, o que -indirectamente- nos convidaba a pensar que talvez academos o pleno emprego o día que deixemos a provincia deserta. Non sei se foi maior a perplexidade ou o escepticismo provocados en min por semellante circunloquio, que me convidaba a tomar a pílula azul antes de regresar á Matrix e ver a merma demográfica como umha oportunidade para xerar emprego.

Nese momento de escolla entre as pílulas azul e vermella, atopeime diante dumha variante da aposta de Pascal; asumindo que a Economía e o Emprego son unha cuestión de azar e aínda que non saibamos de certo se o despoboamento é umha das causas da reactivación económica, o racional é apostar a que a perda de poboación afectará positivamente á economía ourensá porque, aínda que a posibilidade sexa extremadamente pequena, sería compensada pola grande ganancia acadada (a saída do túnel da provincia). E dito sexa de paso, mentres pasen os anos e vaiamos confirmando o contrario, os políticos responsables do desastre xa non estarán ocupando cadeira ningumha nas institucións cando lle toque fechar a porta ao último ourensán en emigrar.

Este conto, na provincia máis envellecida do Estado, co maior número de pensionistas e coa pensión media de xubilación máis baixa, non deixa de ter un aquel de aldraxe, (porno duro, que diría un bon amigo) para umha situación a cada paso máis insostíbel e con menos solución de futuro. Máis aínda, cando apesar dos múltiples recursos económicos, sociais, turísticos e culturais que posúe, á penas pode acoller hoxe ao mesmo número de habitantes que vivían en Ourense hai máis de 200 anos.  

Emulando a aquel programa que nos fixo vivir momentos inesquecibles nas tardes dominicais, sería bon rematar o post convidando a quen fora oportuno a empregar un titular máis entendible e acorde coa realidade do noso territorio (con perdón de Juanjo de la Iglesia e do equipo de guionistas do CQC). As cifras do desemprego son teimudas e seguen ofrecendo un panorama desolador na provincia de Ourense; un territorio que sofre un incremento xeralizado do paro e só ve invertido este dato naqueles lugares nos que as únicas persoas que non emigran, son aquelas que están xubiladas ou tenhen traballo. Algumha proposta de titular, pois, sería algo así:

A suba do desemprego en Ourense só se ve aminorada nos concellos que perden poboación
ou
O incremento xeralizado do desemprego provoca o unha forte emigración no rural ourensán.


Claro que, se o que se persegue é facer umha versión moderna da aposta de Pascal, ou directamente, ensinarlle as saídas (ou a saída) de Ourense ás paradas e aos parados, que non se corten, e aposten por algo máis directo como:

Canta máis xente se vaia para Alemanha, máis baixará o desemprego en Ourense.


2 comentarios: