10 de out. de 2022

ProbAlfa

 

Antonte deume por ir ao concello de Ourense a preguntar pola exposición pública da proposta sobre a renovación do servizo de autobuses. Proba alfa, disque lle chaman. Non sei se o nome resposta a algún complexo de masculinidade ou simplesmente é un acrónimo da comida preferida dos asnos, pero despois de perder a acostumada hora dando tombos polas dependencias municipais, recuperei aquela sensación case esquecida de impotencia e inutilidade, amais do desinterese crecente diante dumha institución que non deixa de desilusionarme cada vez que me achego a ela.

A aventura comezou coa entrada na casa que Alfonso XIII definira como un edificio que non tinha máis que escaleiras, para atoparme con umha sensación de baleiro que só conhecía das visitas á casa grande fóra do horario laboral ou mesmo cando o edificio era usado como camerino nas actuacións que tinhan lugar na praza maior. Nos escasos 5 minutos que estiven alí dentro non tiven que cruzarme nin falar con ninguén. Atrás no tempo quedaba o bule-bule de veciñas e veciños facendo pequenas colas nos portelos de atención ao público, o elevador un tanto limitado que non daba abasto a comunicar coas distintas plantas de oficinas ou o fluír continuo de traballadoras/es e axentes sociais dumha cidade aínda viva. Non querería ponherme morrinhento, pero o desfile de saúdos que tinhas que cruzar ao entrar na Casa grande tamén facía que sentiras a Casa máis túa… máis da comunidade. Antonte, máis ben, semellaba umha baldía e tétrica edificación que non convidaba a permanecer nela.

O que parece seguir igual é a dificultade de conseguir información municipal cada vez que te achegas ao "núcleo irradiador" da Atenas galaica. Despois dun anaco tentando saber onde podía consultar ese proxecto "revolucionario" do servizo público de transportes, cuxa exposición pública tanto se cacarexara nos últimos días através das redes sociais e dalgún medio de comunicación, descubrín que nada sabían do asunto no portelo de "Información", o que xa me fixo sospeitar que a cousa non ía rematar ben. Tras adoptar umha certa expresión de sorpresa ante a minha insistente consulta, o funcionario municipal indicoume que me dirixira ao Rexistro Xeral e preguntara alí, dito o cal puido seguir atendendo tranquilamente o seu móbil, que seguro demandaba (ou ofrecía) algo máis importante que a minha insana curiosidade.

O Rexistro Xeral do concello de Ourense atópase actualmente na esquina da Praza Maior coa rúa do Dr. Marañón, un local que chegou a albergar á Escola de Artes e Oficios da Deputación ou mesmo a aquel festival de cinema que organizaba o concello de Ourense. Desde hai algúns anos, máis que un portelo para facilitar a vida de vecinhas e vecinhos, este Rexistro parece un escudo que defende á institución dos seus "inimigos". Con pesar, fomos vendo como se incrementaba (até límites insostibles) o tempo necesario para rexistrar un escrito, como se instalaba un dispensador de turnos (que nunca optimizou o traballo) ou como se sacaba á xente do edificio de todas e de todos (facéndoa agardar no medio da praza mentres chovía [ou mexaban] por ela). A isto foron sumándose as estendidas práticas da "cita previa" ou do "aforo limitado", que a pandemia da COVID19 nos deixou en forma de agasallo administrativo. Uns "costumes" que se non vulneran un dereito fundamental, cando menos, atacan o máis común dos sentidos dumha cidade que leva demasiado tempo dirixíndose cara umha traxedia anunciada.

Non quero despistarme do asunto que me trae até aquí. O caso é que no Rexistro do concello nada sabían tampouco daquel innovador proxecto que ía modernizar o transporte na capital termal da IA. Por sorte (non todo van ser desgrazas), umha traballadora atenta, nunha refinada atención que sen dúbida ten a ver coas súas características persoais máis que co seu posto de traballo, decidiu perder uns minutos comigo para pescudar o que había de realidade naquela suposta exposición pública e na chamada da primeira autoridade da cidade a facermos suxestións ao proxecto do carrito, que diría o meu pai.

Resultado: Non hai tal exposición pública alén da propaganda exposta na páxina web do concello. Nin horarios, nin paradas das linhas, nin mapas, nin número de autobuses, nin datos do número de viaxeiras/os nos que se basa a proposta… por expoñer nin sequera está exposto o tipo de vehículo ou de vehículos que supostamente van conformar a nova flota do transporte público ourensán. E por iso, non puiden facer proposta ningumha, pois proponher sobre o que se desconhece é moi atrevido, por non empregar outros calificativos, e case sempre produce un resultado tan inútil como o dumha proposta inexistente.

Tal como aquel edificio de 80 plantas, a inminente apertura da praza de abastos da Ponte, a candidatura para albergar a Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial ou este proxecto do carrito, semellan propostas/arroutadas que entre todas á penas suman umha ducia de folios de contidos e datos serios. Como dirían os vecinhos do sul, não têm pernas para andar. Son foguetes de pólvora mollada que lanza quen aspira a seguir parasitando do público, na procura de altofalantes que non tenhan tempo ou non lles preocupe saber se hai algo serio -ou sequera real- en cada umha desas propostas.

Temos que recuperar a normalidade no concello de Ourense. Cómpre que a dilixencia e a eficacia transversalicen toda relación entre Administración e administrada/o. É preciso que a transparencia e a participación sexan algo máis que slogans nas campanhas de turno. E urxe que a capacidade política se instaure na institución através dumha planificación estratéxica seria que implique a renuncia ás arroutadas, principalmente nos tempos duros que están por vir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario