7 de ago. de 2022

Memoria de peixe

Se tiveramos que facer un exercicio de síntese sobre a evolución da cidade nas últimas décadas, moi probablemente destacaramos a peonalización das rúas do centro urbano e a recuperación (mal e a medias) dumha certa identidade vinculada ao río e ao termalismo. Sobre os recursos hídricos, semella que nos resignamos con aquel letreiro termal que alguén chantou na entrada da cidade, aínda que nunca chegaramos a saber que raio significaba aquilo. Pouco a pouco, todas as arroutadas que ían converter á "Atenas-termal-daChispa-dasPontes-edasBurgas-deGaliza" numha produtora de riqueza, saúde e intelixencia por milleiros, foron desaugando polo sumidoiro. Anos despois, comprobamos que o único que coincide con aquelas promesas venturosas é que os emigrantes que producimos (eses si son a milleiros) marchan formados, sanos e coa muda limpa, voltando nas vacacións para ver á familia e engrosar -de paso- o incrible número de turistas que visitan Ourense para mergullarse na cidade da auga, aínda que non sexamos quen nin sequera de termos as instalacións abertas.

No que atinxe á peonalización do viario, a cousa non foi moito mellor. Xa houbera que emprendela con nocturnidade na madrugada dun martes de outubro de 1989, con certo sentimento de culpa e pedindo perdón por mellorar a calidade de vida da ilustre poboación "galaico-ateniense". Aquel acto de cimentación dun tramo da actual rúa do Paseo, provocara a resposta inmediata por parte do PP (ao tempo AP-CdG, en proceso de reconversión), mobilizando a quen ocupara meses atrás a concellaría de Cultura para enarbolar a bandeira dumha extravagante axitación cidadá, talvez motivados pola revolta que estaba tendo lugar en Allariz e que ía mudar radicalmente o futuro desa vila ou talvez pola inminente convocatoria electoral que colocaría a Manuel Fraga na presidencia da Xunta, apagón de datos incluido, aínda que iso é asunto doutro artigo. Os mesmos protagonistas que anos máis tarde machacaron (e seguen machacando) as nosas orellas con alburgadas tales como que "o cliente non entrará se non se pode fumar", "se subimos os salarios, medrará o desemprego" ou o máis actual "o cliente non virá se temos o ar acondicionado a 27 graos", eran os que prometían no ano 89 que os comercios pecharían por ducias coa peonalización daqueles escasos 100 metros da rúa do Paseo.

Non é para enorgullecerse, aínda que si é de xustiza lembrar e conhecer como se foi construíndo a única cidade galega que na actualidade perde poboación. Na metade daquel accidental mandato no que Ourense tivera 3 alcaldes, a triste anécdota do concelleiro "popular" Carlos Trapote armado dunha pá canda un grupo de comerciantes das rúas do Paseo e do Progreso (daquela aínda Calvo Sotelo e Gral. Franco), parece que non enche de orgullo a ninguén, polo que axinha ficou sepultada pola Historia. A mobilización contra do alcalde do PSdG (naquel momento Manuel Veiga Pombo) implicara a varios axentes sociais da cidade, como fora o caso da Cámara de Comercio, que decidira expresarlle a súa reprobación, ou da A VV San Lázaro, que chegara a calificar as obras como umha mostra da "prepotencia á que nos ten acostumados o concello".

Aquela peonalización era tan necesaria como necesario foi o esquecemento daqueles feitos. Proba diso é o lonxe que parece quedar na nosa memoria aquel Paseo ateigado de vehículos, estacionados e en circulación, ou os soares envellecidos nunha das principais arterias dumha cidade aínda en crecemento demográfico positivo. Aquela humanización da cidade só puido ir a máis, incrementando pouco a pouco o número de rúas recuperadas para as persoas. Polo menos até a visionaria decisión do actual alcalde, coa que decidira suprimir os bolardos de entrada na cidade vella, facilitando o tránsito continuado de vehículos como xa non lembrabamos desde moitos anos atrás.

Sexa como for, esta situación pasará. E probablemente para acompanhar á anécdota dos salvadores da cidade que querían picar o cemento da rúa do Paseo. Voltaremos a peonalizar as rúas, por lóxica e por sentido común, e aínda sumaremos moitos outros espazos libres de fumes, dos malos e dos piores (oxalá todos os problemas foran ese). O que xa non parece ter tan fácil solución é a memoria histórica de peixe que ten a cidade, umha especie de amnesia anterógrada provocada e promovida -talvez- pola mediocridade que ten ocupado os postos de responsabilidade política e administrativa nas ultimas décadas. Unha desmemoria que non nos permite honrar os ombreiros sobre os que caminhamos día a día, non nos deixa lembrar o que non fixemos ben para non repetilo nin nos deixa construír un proxecto de cidade sostible e coherente baseada na identidade das persoas e dos feitos que conformaron a cidade que habitamos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario