4 de abr. de 2017

A cidade na que non pasa nada


Como cada manhá, o sol sae por tras do Montealegre. Mentres, as cafetarías da vella Auria prepáranse para albergar a superficialidade, os chismes e o glamour de escaparate provocados por aqueles que noutrora (como chegara a dicirme un alcalde de Ourense) "non valían para outra cousa" e hogano son responsables de administrar o concello e a vida dos seus habitantes. Nalgún lugar dos arrabaldes, érguese a persiana dumha pequena empresa da que viven 6 familias e que nunca mereceu atención por parte da Administración local... mesmo os seus propietarios non saberían ben como proceder se tiveran que perder os 50 minutos necesarios para rexistrar umha instancia calquera no concello. E, quen sabe, talvez umha persoa maior se feche na casa, desbotando a idea de saír a dar un paseo por medo a ser atropelada, pois ela é a responsábel, tal e como se encarga de lembrarlle o concello de Ourense na súa agresiva campanha de “concienciación”, en consonancia coas campanhas semellantes para a prevención de incendios ou para o uso lúdico dos espazos públicos.

Así esperta cada día a cidade na que non pasa nada. Umha cidade que vai recollendo umha pequena parte das persoas que abandonan o rural dumha provincia que ten hoxe a mesma poboación que tinha hai 200 anos, aínda que isto non abonde para maquillar o déficit demográfico provocado pola –talvez- maior emigración da Historia no noso territorio. Umha cidade con moito que ofrecer para turistas, antropólogos ou psicólogos, mais con poucas propostas para as persoas que habitan e conforman o territorio.
 
E desta deriva algo deberan ter que dicir as persoas e entidades que componhen a provincia. Un presidente da Deputación que, para alén de imputacións, sospeitas e certezas, ten a insolencia de ofrecer un emprego na institución de todos os ourensáns a cambio de sexo, sen sentir o mínimo pudor ao participar nos días internacionais contra da violencia de xénero que cumpran. Un alcalde que semella agochar baixo milleiros de selfies as eivas das que adoece o goberno municipal talvez máis inactivo das últimas décadas. Umha Administración que segue creando o espazo ideal da burocracia en bucle, dificultando e cargando de responsabilidades cada vez máis a vida do administrado. Umha patronal, guiada por liberais deses que se aproveitan do público e que bailan ao son de quen asina concesións nos boletins oficiais. E tamén umha cidadanía á que “ben nos vale” umha situación que á penas ten marxe para xustificala con un “podía ser pior”.
 
Entrementres, paseninho, seguen desaparecendo estranguladas e/ou menosprezadas, as poucas iniciativas culturais que sobrevivían e tinguían con algo de cor umha cidade e umha provincia murchas que, antes de que a minha filla sexa maior de idade e conforme ás previsións do INE, vai ter tantos ourensáns vivindo fóra do territorio como nos 8.489 núcleos de poboación que conforman Ourense (ou a “ourensanía”, que nesta deriva náufraga igual aparece algún iluminado ao que lle dea por mudar o nome).
 
A provincia, líder mundial na produción de lousa, noutrora líder europea en produción de castanhas, chea de vinhedos e denominacións de orixe, entre os 5 territorios do mundo con máis arte románica e nos primeiros europeos con máis surxencias termais, esmorece pouco a pouco nas mans de quen despois de 30 anos ten demostrado non saber [querer] gobernar nin administrar o territorio.
 
Pero iso é algo que nos importa pouco aos poucos ourensáns que quedamos vivindo aquí. Talvez mellor que en ningún outro lugar, facemos bon aquilo de quen non goberna, fai oposición. E aquí seguimos, agardando que chegue o día no que poidamos “gobernar” ou, polo menos, deixar de opositar. 
 
Tempo hai e espazo para ir repasando a extensa fauna coa que contamos entre os que entenden o público como umha propiedade e os estómagos agradecidos; do espía do Twitter ao enchufado reconvertido en activista radical contra o nepotismo...
 
E seguimos.

2 comentarios:

  1. Obrigado, Carlos!! E aínda me parece que se queda curto, cómpre reprimirse un pouco para non dar "mala [pior] imaxe". Cumpría ir aireando a casa, ou?

    ResponderEliminar