6 de ago. de 2022

Os bos xestores

 

Soa como o título dumha mala película da época do destape. Umha daquelas nas que calquera excusa (ou mesmo ningumha) servía para sacar umha teta na pantalla e alborotar un galinheiro que acumulaba 4 décadas de represión e cativerio.

E en certo xeito ten un aquel de semellanza. Aqueles zoom mareantes que á penas deixaban ver o que prometían, combinan á perfección co olor a Soberano e con estes parásitos do público que pregoan como papagaios as bondades dun liberalismo económico do que son crentes pero non praticantes. O principio de orquestración, recollido no endecálogo da propaganda nazi atribuido a Goebbels, reza que “a propaganda debe limitarse a un número pequeno de ideas e repetilas incansablemente, presentadas umha e outra vez desde diferentes perspectivas pero sempre converxendo sobre o mesmo conceito. Sen fisuras nin dúbidas”. Neste sentido, estamos cansos de escoitar o importante labor de xestión e produtividade que acumulan ás súas costas, aínda que se pararamos a analizar un cuarto de hora, descubririamos que na maior parte dos casos nunca crearon un emprego nin desenvolveron actividade ningumha lonxe dos espazos públicos ou semi-públicos (máis conhecidos como chiringuitos) próximos aos seus respectivos partidos políticos.

Ser liberal cos cartos de todos é fácil, tan fácil como era para os tercios de Flandes disparar con pólvora do rei ou tan fácil como é vulgarizar e difundir medias verdades cando se posúen a maioría dos medios de comunicación. O que xa non debe ser tan fácil (non sendo un hipócrita ou un canalla) é dicirlle aos millóns de telespanholitos que nunca formaron parte desa elite vividora, que tenhen que traballar máis horas, cobrar menor salario e renunciar a umha parte dos servizos públicos, precisamente pola mala xestión dos seus responsables.

Entre os “bos xestores” de hoxe é habitual atopar aos enchufados de onte e aos delincuentes de manhá. Os mesmos “bos xestores” que entallan no noso cerebro esas mensaxes curtas, simples e infundadas como se dun dogma de fe se tratara, só perseguen o control dos recursos públicos e do aparato do Estado para empregalos como mellor lles convenha, aínda que isto implique chantaxear, extorsionar, espiar ou empregar de xeito arbitrario ao Poder xudicial. E se, de paso, poden distraer uns milloncinhos por Panamá e outros polas Illas Caimán, pois mellor para os seus fillos, que parece que os roubos doen menos cando se trata do dinheiro de todas e de todos.

Non hai posibilidade de que perdan un día de soldo (fixeran algo para ganhalo ou non). De non ser cos cartos dumha administración, ha ser cos recursos doutra, pero non ha pasar un día da súa vida sen percibir os emolumentos detraídos dos fondos públicos para alimentar o seu estómago e a súa falsa fama de bos xestores. Exemplos temos abondo, por enriba das nosas posibilidades. Concelleiros que empezan a cobrar da Deputación xusto ao día seguinte de deixaren o goberno municipal; representantes do nacional-catolicismo máis rancio chupando dun teto no que non cren, e sen ter claras as súas atribucións ou aquel presidente que despois de 3 meses ausente das súas funcións pola súa “viaxe a Génova”, decide reclamarlle ao Parlamento galego o soldo de 10 días nos que non pisou a Cámara.

Polo demais, a tropa segue igual; mantendo o sorriso de anuncio de dentífrico e erguendo as nosas copas nos bares (agora que emborracharse xa se ve como umha liberdade e case como un dereito) para defendermos aos nosos gurús, mentres rexeitamos meternos en política, que xa haberá parásitos [ou bos xestores] abondo que o fagan por nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario