8 de feb. de 2018

#Entroido. Cara onde imos?


- Bon día. “Oficina-de-turismo-e-desenvolvemento-económico-de-Ourense-e-todas-e-cada-umha-das-súas-comarcas-dígame?”. E visite o noso entroido ancestral, porcierto.
- Bon día. Mire, chamaba porque o ano pasado fun a un entroido que publicitaban na súa campanha e resultou que nin saíron as máscaras nin siquera houbo moita festa. E este ano quería ir ao seguro. Ouvín falar do Entroido de Viana do Bolo...

- Venha a Viana, entroido ancestral....
- Pois alá vou, logo. Podería indicarme como chegar, por favor?
- Até alí non chega o transporte regular... Tería vostede que coller un taxi...
- Uff! Igual se me vai de presuposto. E o de Vilarinho de Conso, que tamén ouvín cousas boas? 

- Pois tampouco chega tren nin autobús, pero talvez poida empregar o mesmo taxi, igual lle fai prezo...
- Deixe, deixe... será mellor ir a un deses que levan tantos anos promocionando... Podería dicirme onde durmir en Laza?
- Ehem! Pois... se atopa sitio, talvez poida durmir en Verín... e despois coller un taxi para ir e vir de Laza.
- E na cidade? Que me di deses entroidos de barrio nas Eiroás, Seixalbo ou A Ponte?
- Pois... este ano concretamente non sabemos moi ben como irán... Os actuais xestores do concello de Ourense non mantenhen as colaboracións que a Administración municipal tinha con eles e non sabemos como influirá isto nas organizacións.
- Dame medo seguir preguntando, porque tenho a sensación de que se carga cada Entroido que nomeo...
- Pero oiga, sempre pode ir ao museo do entroido [cachis, tamén o chimpamos] ou ver calquera dos nosos magníficos folletos... Que raio! Se lle é moito máis bonito ver así os entroidos e, ademais, pode velos cando queira. A min persoalmente,
laverdá, nunca me gustaron un carafio esas festas tan anárquicas e populares. Penso que sería muito mellor se se deixaran de tanta troula e puderamos montar un buen-museo con umha exposición permanente (ou itinerante) sobre o que foi umha das festas máis importantes da nosa Cultura.
- Que me di?...
- Xa lle dixen que tamén pode vir o día
X? Ese día reunimos a un feixe de máscaras para tirar umha foto cos nosos políticos. É un acto formidable, e ao rematar vostede tamén poderá facerse un selfie con algumha das máscaras do noso Entroido
...

A conversa é ficticia... pero non tanto. Neste mundo feliz, conformado pola provincia con máis idade do conxunto do Estado (por enriba dos 50 anos de media), coa pensión de xubilación máis baixa de España (729 € de media) e con menos poboación da que tinha hai 200 anos, aínda temos humor para festas.

Dentro do ciclo festivo, a nosa festa máis querida ten sabor a farelo e patrimonio, arrecende a pólvora e cocido e ten son de chocas e de bombos. É o Entroido. As festas e máscaras de inverno -que viven na provincia de Ourense umha orxía de representacións- tenhen tamén neste territorio un inimigo común vestido de despoboamento no rural, con traxe fachendoso de técnico da administración que despreza o Entroido e con abrigo de político que non é quen de dinamizar o seu territorio para impedir que milleiros de persoas emigren cada ano na procura dun posto de traballo. Esta é a crúa realidade coa que se atopan cada ano os centos de persoas e comisións de festas que traballan para manter viva umha tradición que en Ourense vívese dun xeito especial.
Ven como se baleiran as súas aldeas, ao tempo que quedan sen servizos básicos de ensino, saúde ou transporte, dificultando a vida da heroica e minguada poboación. Sofren os procesos farragosos dumha burocracia adocenada que está conseguindo esnaquizar o pouco capital social que lle queda activo a esta cidade e provincia. E escoitan, vaia se escoitan, o que “había que facer” mentres ninguén fai nada. Polo de agora, os vecinhos dalá volven polo Entroido. Outra cousa será saber como respostan as xeracións futuras, nacidas lonxe da terra, cando xa non haxa ninguén aquí para ponher en orde o farelo, a pólvora, o cocido, as chocas e os bombos.
O Entroido berra, e as cento e umha manifestacións que componhen o acervo cultural na provincia de Ourense acompanhan este berro. Queren ser algo máis ca un selfie. Queren ocupar un espazo maior do que umha exposición museística sobre o esplendor do noso pasado e queren ser umha manifestación cultural e festiva viva dentro dumha provincia viva.

4 comentarios:

  1. Parabéns polo artigo. Hai que tentar un cambio, e para iso, cada palabra, cada xesto, e cada acción conta. Niso estamos.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas, Virgilio! Cumpren moitas palabras e xestos, pero sobre todo, as accións precisas para evitar ver como a sociedade e o territorio se esvaece diante dos nosos ollos. Grazas novamente, polas túas palabras e polo teu traballo.

    ResponderEliminar