23 de maio de 2023

Parásitos do público

Disponher dos recursos públicos (de todas e de todos) para outros fins que non sexan os de cubrir as necesidades ou dereitos básicos da comunidade nun momento de moita dificultade, tamén é un xeito violencia.
Usar eses mesmos recursos públicos con un propósito estritamente privado, ou por ser máis claros, empregar o dinheiro de todas e todos para o beneficio dunha persoa ou dumha banda, é corrupción da máis vella, cutre e casposa.
Que te collan metendo a man no caixón dos cartos e que a única resposta sexa sementar máis odio e crispación, tentando desviar a atención sen pudor ningún á hora de mentir na sede da soberanía municipal, é dunha vileza inusitada amais dumha total falta de dignidade.

Usar un coche que pagamos todas e todos, gardado no garaxe que pagamos todas e todos, con gasolina que pagamos todas e todos, con un suposto [e ilegal] inhibidor de radares que pagamos (sen sabelo) entre todas e todos para ir ver a quien-tú-sabes, é un comportamento que se sitúa para alén do desfalco e da indecencia. Facelo incumprindo a lexislación en seguridade viaria, numha mostra de extrema arrogancia por parte de quen se cre por enriba da lei en cada momento da súa vida, xa é síntoma dumha absoluta falta de respecto e mesmo dalgún desequilibrio mental.
Un despiste é o que nos leva a coller o autobús da Valenzá no canto do da Cunha. Pulverizar durante horas a velocidade máxima á que sabes que poderías ir [no quilómetro de estrada que che permita ir máis rápido en todo o Estado], e ponhendo en risco a vida doutras persoas que poidan cruzarse no caminho… directamente, non ten calificativo. A irresponsabilidade alíase aquí coa mala fe e vese agravada pola condición de representante público e alto cargo dun dos 2 partidos que ten redactado a maior parte da lexislación do Estado.

 

Corrupción, malversación, delito, vileza, indecencia… son algumhas das definicións que -sen dúbida- poderían virnos á cabeza para estes comportamentos sen que ningún deles faltara á verdade.

Os dous responsables de que a cidade e a provincia estean como están agora mesmo (xunto a Zamora, a provincia máis envellecida do Estado e a terceira máis avellentada de Europa; coa pensión media máis baixa de toda Espanha ou despois de Melilla e Cádiz, a que ten umha menor taxa de emprego do Reino), están xogando máis unha vez coa nosa ignorancia, coa nosa indiferencia e coa nosa paciencia. A provincia que non é quen de superar a poboación que tinhamos despois da guerra cos franceses, hai 200 anos, seguirá vendo como -mentres poidan- han seguir botando os cartos de todas e de todos polo fregadeiro. Un fregadeiro que tamén pagamos todas e todos, dentro dunha casa que pagamos todas e todos, iluminada día e noite con enerxía que pagamos todas e todos, e con un coche no garaxe que pagamos todas e todos para que "o máis listo" poida ir cando lle pete a facer o que mellor lle apeteza.

E agora, segue votando corrupción como quen xoga a umha tómbola trucada, esperando a que algún día lle toque algo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario