3 de xul. de 2019

#OurenSmart

Umha cidade ou umha provincia intelixente non se mide polo número de selfies dos seus políticos nas redes sociais, senón -e entre outras cousas- polo aproveitamento, a optimización e a posta en valor dos seus recursos.
A Ourense, á ourensanía ou como raio lle dean en chamar a este territorio que non para de producir emigrantes despois de gastar miles de euros na súa formación, queren colgarlle umha desas etiquetas que tan ben campan nun hashtag do twitter, aínda que despois non estea claro a que se refiren. Mentres vemos como esmorecen os recursos que nos debían/poderían situar como potencia mundial na produción de lousa ou castaña e na posesión de surxencias termais ou patrimonio románico, imos valorando se o vocablo smart non se referirá máis á situación de proído, queimado… máis acorde ás augas que manan do chan antes de marchar polo sumidoiro ou a un dos maiores sectores económicos do país, consistente en rendabilizar o monte através do lume.

Estes feitos, por si mesmos, ben nos podían levar a pensar máis en OurenSilly ou OurenFoolish, que non soan nada mal e mesturan o inglés (esa lingua tan internacional que tamén é a oficial do papanatismo) coa nosa língua propia, da que nos avergonhamos menos se a mesturamos con calquera fala estranxeira.


Hai umhas semanas tiven ocasión de departir con un político local que concorría ás eleccións municipais do pasado 26 de maio. Falamos sobre a parálise na que se atopa a cidade, sobre a merma demográfica, sobre o emprego precario, sobre o limiar da pobreza… e ao inquerirlle polas súas propostas en materia de política cultural, atopeime coa desafortunada resposta (e non por iso, menos habitual) de que “eles non querían facer política, e menos coa Cultura”… OMG! Ao chegar a este punto, saltáronlle os ollos das órbitas ao emoji que xa case domina a minha área de Broca, antes de decatarme que ese é o nivel: os políticos renuncian á Política… Talvez tenhan escoitado tantas mensaxes maniqueas e insidiosas, habituais nos novos parlamentos televisivos, que xa interiorizaron por completo ese discurso baleiro e demagogo dos líderes que nunca molestan ao Poder, deses salvapatrias con bandeirinhas nos pulsos e contas correntes en Panamá que, entre falacias e medias verdades, van convidándonos a non meternos en Política, pois xa haberá abondo quen o faga por nós.

O problema xa non é que pensen no elefante, senón que nacen con el dentro e... claro, cando chegan á política non perciben umha realidade distinta da observada a 3 metros de altura e adornada con trompa, colmillos e un par de orellas ben xeitosas, que á penas serven para espantar as moscas, porque o de escoitar tampouco o levan nada ben.

Para alén dos farragosos procesos burrocráticos e administrativos que pouco a pouco están acabando co capital social da cidade e da provincia, amais de provocar a desaparición de boa parte dos eventos culturais de maior calado que nos custaron moitos esforzos, moitos anos e moitos euros das arcas públicas, quería hoxe ponher o foco nun par de iniciativas en forma de libro que nos alegraron o ano e ilustran ben -ao meu ver- a falla de intelixencia amosada polas administracións que pagamos entre todas e todos. 


Refírome a dúas edicións que, pola calidade dos contidos, polas temáticas escollidas e polo traballo ben feito dos autores, ben merecen ocupar un espazo en calquera biblioteca que se precie. Trátase de Kallaikos, de Paco Boluda e de Gran Hotel Roma, de Fernando Valcárcel González. En calquera cidade normal, por pouco smart que fora, a Administración tería asumido ambas edicións por completo, se aínda non tivera sido capaz de producir desde dentro uns traballos semellantes. Polo interese artístico, divulgativo e histórico de ambas obras, a procura da simbiose entre o creador/investigador e o político, si podería ter construido neste caso un smart-selfie. Pero estamos en Ourense. Entre os políticos que non queren facer Política e os que só queren facer política “para os seus”, a única alternativa que tiveron os autores referidos foi a de custear por completo sendas auto-edicións, que -dito sexa de paso- están a ter umha enorme acollida, mérito case exclusivo do Paco e do Fernando.

Mentres, no “Ourense oficial” seguimos presentando modelos de smart para o noso territorio, e recollendo premios que nos auto-otorgamos para poder encher con máis selfies/selfish as nosas redes sociais e podermos dicir que somos unha cidade e unha provincia intelixente.
 
Agardamos, por enésima vez (somos así de pacientes e confiados, talvez intoxicados por un exceso de radón) que os novos governos (e os vellos tamén) de Ourense saiban desprenderse do elefante que os aprisiona e aposten polos seus recursos e pola revitalización dos seus territorios. Poida que así non precisemos tantas marcas ridículas para aparentar que facemos algo, mentres vemos como a provincia se funde ao ritmo da orquestra que non deixa de tocar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario