19 de nov. de 2022

Desprestige

 

Lembro que era polo medio da semana. Na capital galaicoateniense estaba tendo lugar a 7ª edición do festival de cinema (o mesmo que deixamos esvaecer despois de soterrar millóns de euros na súa fallida organización) e un forte temporal deixaba varios incidentes no resto do país, entre os que salientaba a tráxica morte de 2 mulleres na Corunha ao caír un guindastre sobre o seu edificio. Despois do xantar, os “partes” horarios falaban discretamente dun petroleiro á deriva a 28 millas de Fisterra. Umha distancia demasiado cercana mesmo para un galego do interior, que contaxiaba dumha preocupación crecente na medida que iamos asimilando que o que sse nos vinha enriba era un buque con umha greta no casco, escorado 45 graos e cargado con 70.000 Tm3 de Mazut-100, un combustible pesado, de baixa calidade e altamente contaminante.

Coincidía este feito con umha época na que a serie de moda na TVG (e talvez en toda a grella televisiva) era Mareas Vivas, umha ficción localizada en plena Costa da Morte, con aqueles 2 alter-egos de Laxe e Corme (Portozás e Cormelle) que entraban nos nosos fogares cada luns pola noite, tocando a “fibra xenética” mesmo de quen nunca chegariamos a imaxinar que a robaliza e a lubina son o mesmo peixe en distinto idioma. Entre os méritos daquela serie, incluiría sen dubidar o incremento da nosa autoestima por ofrecernos un producto audiovisual digno; que falaba de nós e na nosa lingua, con aquel seseo nerio-bergantinhán que aprendimos a imitar con orgullo, descubrindo quen somos sen complexos e con certa admiración, pouco tempo antes de que a división comercial dumha gran cadea de supermercados nos convidara a vivirmos como galegos.

Voltando á efeméride que me fai hoxe 20 anos máis novo, lembro con moita nitidez aqueles días de carraxe, de raiba e de impotencia. Lembro a choiva e os ceos escuros, anunciando talvez umha tristura que ía tinguir até a nosa bandeira. Lembro aqueles noticiarios contraditorios e incoherentes que sementaron desafección, desilusión e desconfianza entre umha poboación desconcertada. Lembro con certa ansiedade aquelas 6 xornadas que precederon ao afundimento do petroleiro e aquela banda de responsables irresponsables, encarnados nos primeiros negacionistas do S. XXI, tomando decisións entre o absurdo e o dramático na procura dos límites desa enorme chaira que sería o terraplaneta para deixar o barco no bordo e perdelo de vista para sempre.

Os numerosos naufraxios do pasado, con especial referencia ao Mar Exeo, ao Casón ou ao Urquiola, xa foran incidentes suficientemente graves para termos desenhado e activado as medidas necesarias que evitaran ou paliaran os riscos sociais e medioambientais que o corredor de Fisterra seguía sufrindo no ano 2002 e que -en boa medida- segue soportando na actualidade. Lonxe disto, o tránsito marítimo baixo bandeira de conveniencia increméntase ano tras ano e as convencións que procuran mellorar as condicións e a seguridade deste tráfico, agardan por un número de estados suficientes para seren aprobadas. Umha situación que nunca vai darse neste mundo suicida que procura deixar un planeta cheo de billetes cando xa non quede ningún exemplar desta especie exterminadora sobre a faz da Terra.

En certo modo, o ridículo da situación non foi máis que un exemplo do disparatado día a día do tránsito marítimo, ademais dumha demostración das cousas verdadeiramente “importantes” neste mundo que estamos destruíndo pouco a pouco. O barco (por certo, dos mesmos propietarios que o Mar Exeo, que ardera fronte á cidade da Corunha 10 anos antes) era dumha empresa grega, con domicilio fiscal en Liberia e bandeira das Bahamas, que transportaba mercadoría suiza con tripulación filipina entre Estonia e Xibraltar. Malia as federacións sindicais de traballadores do transporte denuncian o incumprimento da Convención de Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar, que establece a necesaria existencia dun vínculo xenuino entre a propiedade da embarcación e a bandeira que enarbola, as navieiras seguen rexistrando os barcos en países diferentes aos que pertencen para acollérense a umha lexislación exenta de taxas e máis laxa no que atinxe aos dereitos dos traballadores e ao respecto co medio ambiente. O Prestige partiu por onde tinha o último remendo, aquel que servira para “branquear” os permisos e saír ao mar conformando un perigo flotante máis para -por exemplo- o litoral galego.


E voltando -como as ondas do noso mar- a aquel 13 de novembro do mayday do Prestige, lembro como despois de sacar á tripulación do buque, numha sucesión de feitos moi contestada polas xentes do mar, empezou a manobra frustrada en múltiples ocasións de remolque do barco. A inminente convocatoria electoral, 6 meses despois, talvez provocou a ausencia dumha determinación amparada no sentido común e na procura de minimizar o risco,
provocando umha serie de improvisacións irresponsables dos gobernos de Santiago e Madrid que deron pés á pior catástrofe medioambiental na Historia do Estado espanhol.

Ao día seguinte, co Prestige xa a 2 ou 3 millas de Muxía, os remolcadores conseguiron enganchar a nave e, contra das intencións do capitán do barco e dalgunhas voces do mar, “mandala ao quinto pino“ por umha decisión disque ministerial. Un Quinto Pino ao que nunca chegou na súa segunda deriva aquel Prestige roto, cos motores en marcha e ciscando fuel durante 6 días fronte ao litoral galego. Primeiro ao Norte, despois ao Sul, despois ao Sudoeste… Umha navegación errática provocada polas queixas francesas e portuguesas, que xa comezaban a ver con preocupación a improvisada xestión do Estado vecinho que ameazaba con provocar umha marea negra que arruninaría a pesca, o medio ambiente e a plataforma continental para os seguintes anos, amais de ocasionar probablemente máis dumha enfermidade respiratoria da que non se realizou ningún seguimento nin estudo até onde temos conhecemento

Como adoita ser habitual neste país onde a culpa sempre é do maquinista, do pianista ou do último mono, o capitán do Prestige foi detido pola Garda-civil tan axinha como foi trasladado a terra firme. Despois da detención de Apostolos Mangouras e mentres o presidente da Xunta, Manuel Fraga, decidía ir de caza nesa mesma fin de semana á finca do duque de Fernán Núñez (que manía ten esta xente co aquel de ir pegarlle tiros aos animais), o Prestige emprendía caminho firme cara os confíns do terraplaneta, na procura dumha alfombra suficientemente grande que puidera tapar máis de 50 millóns de quilogramos do pior combustible que somos quen de producir. Hoxe que hai tanto francotirador na política e que xa pasaron 20 anos daquel desastre, talvez sexa un bo momento para reflexionar sobre as dimisións provocadas pola nefasta xestión do Prestige. Nin a primeira. Ninguén asumiu ningún tipo de responsabilidade, nin pola mala xestión, nin pola ausencia de medidas, nin polas falsidades verquidas nos medios de comunicación… Lonxe disto, todas as persoas que tiveron certo protagonismo naquela chapuza que provocou a maior marea negra que viu o noso litoral, acadaron un reconhecemento ou un ascenso persoal que pagamos entre todas e todos. Medallas Galicia, postos de representación en Europa, dirección de Corpos do Estado ou mesmo a presidencia do Goberno.

No hay playas manchadas de chapapote” aseguraba cortante Federico Trillo mentres o chapapote case entraba literalmente nas casas do litoral galego, como querendo imponher umha mentira para agochar o acúmulo de decisións erróneas e de chapuzas que nos ían colocar no epicentro dun dos máis grandes desastres ecolóxicos e medioambientais da historia. O mesmo ministro de Defensa que proponhía -sen despeinarse- “bombardearlo con aviones Harrier o F-18 para producir el incendio del combustible o el hundimiento“. afinaba ben no coro do absurdo co resto de corresponsables da xestión da traxedia; e así o Ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete alegrábase con descaro da “rápida actuación de las autoridades españolas” impedindo umha catástrofe ecolóxica como ocorrera en épocas anteriores,”no se prevén grandes problemas en las aguas españolas ni ningún problema para los recursos pesqueros” vaticinou quen despois daquilo seguiu á fronte do Ministerio e posteriormente pasou a representar ao Estado español no Parlamento Europeo, voltando anos máis tarde a ocupar a carteira de Agricultura e Medio Ambiente no goberno de Mariano Rajoy, voceiro daquel goberno do Prestige, que chegou finalmente á presidencia de Espanha no ano 2011.

 

O 1 de decembro, mentres a maior marea negra da Historia chegaba ás areas galegas, 200.000 persoas berraban Nunca Máis numha Compostela esaxeradamente tomada polos corpos e forzas de seguridade, mostra talvez do complexo de culpabilidade instalado nos principais postos de decisión do país e do Estado. Talvez mellor ca ninguén, o Xosé Manuel Beiras atopara a frase perfecta para definir o que sucedeu naquelas semanas do outono de 2002, cando afirmara: “desaparecido o Estado, emerxeu a Nación”.

Hoxe, 20 anos despois do afundimento, caminho do Quinto Pino, o desprestixe é para os xestores que mentiron e provocaron o pior desastre ambiental da Historia, para aqueles medios de comunicación que primaron os intereses dos primeiros falseando a información e para un capital especulativo e destructivo que non ten escrúpulos en ponher en risco o planeta que habitamos por meros intereses egoístas e vanidosos.

Para a cidadanía, toda a dignidade e o orgullo da que foron merecentes, con banda sonora de Luar na lubre e a súa Memoria da noite ou aínda do grupo Vantroi e do seu Chapapote de corrido, algumhas das numerosas creacións xurdidas a raíz do movemento cívico Nunca Máis, iniciativa que conformou umha aguillada para umha sociedade até aquel entón aletargada. A autoestima, o traballo en equipo, as [aínda insuficientes] mudanzas lexislativas, as indemnizacións ás/aos traballadoras/es do mar, as inversións (menores das prometidas, pero importantes) ou a visibilización da solidaridade colectiva, propugnada no artigo 45 da Constitución Española foron responsabilidade exclusiva dos milleiros de persoas, asociacións e colectivos que souberon facer valer a súa soberanía e o imprescindible do seu traballo en prol do ben común.

Non nos afundiremos NUNCA MÁIS. Non nos humillaredes NUNCA MÁIS.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario