19 de abr. de 2023

Ka-ching!

A expresión inglesa ka-ching fai referencia ao son dumha caixa rexistradora. Popularizada -anos atrás- pola canción da canadense Shania Town, emprégase xeralmente como umha especie de exclamación cando alguén está ganhando moitos cartos. Na capital termal de Galicia, onde gustamos especialmente de calquera lingua que non sexa a nosa, só nos falta por descubrir quen está facendo caixa, porque a sobreelevada factura dos excesos que estamos vivindo no último par de anos, xa sabemos abondo que imos ter que pagala entre todas e todos nós.

Mentres sigo tendo que agardar longas esperas e colas na rúa para acceder ao Rexistro do meu concello (algo que non ocorría 10 anos atrás, por exemplo), observo con incredulidade a renovación do firme no parque de San Lázaro… por terceira vez en pouco máis de 20 anos [Ka-ching!]. E mentres as organizacións sociais da cidade non dan abondo a compartir alimentos básicos coa multitude que acode na procura dun pouco de esperanza, alguén sobe o volume das orquestras máis caras do mercado (que pagas ti e pago eu, claro) para que non escoitemos as miserias e as necesidades das nosas veciñas e dos nosos veciños [Ka-ching!].

O último arrouto que sufrimos nesta cidade, a mesma que nos prometeran ía ser referente da IA (por certo, nada voltamos saber do tema, á parte da factura que tamén tivemos que pagar polo antollo do momento [Ka-ching]), foi a de devolvernos unha parte insignificante dos nosos cartos en forma de bono, para gastar “en cubatas” xusto antes das eleccións. Tanto ten se a túa nómina a media xornada é de 600 € ou de 6.000 € ao mes (como, por exemplo, a subvención mensal que recibe o alcalde de Ourense). Todas e todos imos recibir a mesma cantidade para termos claro canto é o que vale a nosa soberanía (ou o noso voto), polo menos para algúns.

A arroutada de lanzarlle “al pueblo” desde a xanela virtual do concello 10 millóns de euros, para que poidamos consumilos a razón de 100 € por persoa no comercio adherido á campanha, deixa tres interrogantes para un profano da economía e do dereito como é quen suscribe. E preocúpanme, claro que me preocupan, porque os cartos tamén son meus e gustaríame que se investiran en algo produtivo para a cidade da minha filla e que non se gastaran nos caprichos dun adolescente frustrado.

  1. Que tratamento fiscal que van ter os 100 € entregados ás/aos menores de idade? Sabemos que todas as persoas receptoras dese bono terán que declaralo no vindeiro IRPF… agás as/os menores de 18 anos, que non tenhen obriga de facer esta declaración; xa que logo, que se prevé para esta circunstancia? Sería francamente decepcionante e un moi mal exemplo que umha administración pública soltara ao mercado irresponsablemente máis de medio millón de euros en dinheiro negro.
  2. Preveuse a repercusión destes bonos na variación de prezos? Algúns sectores (ou mellor dito, algúns comercios) xa viron a oportunidade de faceren caixa ao saber que imos gastar umha cantidade extra en menos dun mes, o que está provocando umha especulación cos prezos por enriba do habitual, podendo darse a circunstancia de prexudicar aínda máis ás economías máis vulnerables.
  3. Non sería máis rendíbel un plan de emprego ou algún outro proxecto máis elaborado? A Deputación de León, por exemplo (sen entrar en comparativas demográficas totalmente descompensadas), ven de convocar un plan de emprego con un custo de 5,5 millóns de euros -pouco máis da metade do que imos tirar aquí en bonos- que vai producir 900 postos de traballo. Non parece difícil imaxinar o que sería máis produtivo para o comercio local dumha cidade que sigue escalando en número de desempregados e con un dos soldos medios máis baixos do Estado, se un bono de 100 euros para gastar en 15 días ou 1.500 postos de traballo.

O goberno máis derrochador da Historia está gastando os nosos cartos por enriba das nosas posibilidades, pagando mesmo por enriba dos prezos de mercado (a saber a que se debe isto) e prexudicando con este comportamento tanto ás arcas públicas como ás abusadas contas da cidadanía. Mentres o resto do mundo está debatendo sobre como paliar os efectos da mudanza climática e organizamos numerosas campanhas na procura de concienciar ás xeracións futuras sobre a necesidade urxente de reducir o consumo enerxético, nós, a ex-cidade da IA, incrementamos esaxeradamente o consumo de electricidade e de instalacións eléctricas efémeras. Mentres seguimos a procurar visitantes na procura de relax e tranquilidade, a ex-cidade termal sobe extremadamente o volume da fanfarria para non ter que falar da ausencia total dun proxecto de futuro para umha cidade que esmorece pola total falta de espectativas. Mentres renunciamos á ledicia de todos e ao enseño de moitos, propagado un 30 de outono de 1920, naquela vella Auria, a ex-cidade de Nós reparte os cartos que non ten como un novo rico, mentres a media das pensións dumha das cidades máis envellecidas do Estado a duras penas supera o llimiar da pobreza.

Pero talvez sexa cousa minha… Da idade ou algo así. Talvez o que precise a minha filla (e as/os nosas/os fillas/os) tan só sexa subir 5 minutos numha pasarela mecánica, cos tímpanos medio perforados e un riso forzado que vaia preparándoa para un futuro no que a máxima aspiración siga sendo que o cacique de turno poida colocala numha mesa calquera da rúa do Progreso ou da Praza Maior.



 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario