21 de xul. de 2023

Os Pillos

1995 - Marcial Dorado e Alberto Núñez Feijoo
Vai para 10 anos que vimos por vez primeira A FOTO. O retrato -que sen dúbida conheces- amosa a un dos capos do narcotráfico galego xunto a quen no momento da imaxe ocupaba o número 2 da consellaría de Sanidade e hoxe aspirar a presidir o goberno de España, despois de ter ostentado durante 12 anos a presidencia da Xunta de Galicia.

Non sei se é o karma ou son as tempestades, pero a foto de Feijoo e Dorado, que axinha tentaron trivializar naquel ano 2013 tanto desde o goberno como desde os medios de comunicación galegos, lembraba aqueloutra aparecida catro anos antes, semanas antes do proceso electoral que propiciou a chegada do "neno dos Peares" á Residencia oficial de Monte Pío. A fotografía, na que podía verse ao Anxo Quintana no iate do construtor galego Jacinto Rey irrumpira numha das campañas electorais máis suxas e trampulleiras que se lembran (con moitos paralelismos -por certo- coa actual de 2023) como se fora umha razón de peso para queimar na fogueira ao ex-alcalde de Allariz, mesmo cando Quintana nin sequera tivera responsabilidades de goberno no momento en que fora tomada a foto.

 2004. Anxo Quintana e Jacinto Rey

Pois ben, no 2013 tivemos que "aprender" co caldo diario das noticias galegas, que non era comparable a "indecente" foto de Quintana na embarcación dun constructor tirada no ano 2004 (cando o Quin non ostentaba aínda ningún cargo no goberno galego e Jacinto Rey non tinha causas xudiciais nin motivos conhecidos para avergonharse), coa "circunstancial" de Feijoo no iate dun traficante de drogas, no ano 1995 (cando Dorado acumulaba un currículo nada honorable desde a década anterior e Feijoo era Secretario Xeral da Consellaría que lle mercaba ás empresas do narco-contrabandista o gasóleo para a calefacción dos hospitais galegos).

Desde o 2013, a [silenciada] oposición e algúns [poucos] medios de comunicación, tentaron reiterada e infrutuosamente procurar umha explicación daquela foto distendida do actual candidato á presidencia do goberno untado de crema no iate dun dos capos da droga galegos e continentais. 10 anos sen que Feijoo (sen acento no primeiro "o", que xa está ben de incorreccións até na ortografía) quixera dar explicacións sobre a súa relación co narcotraficante nin sobre a importancia desta nos contratos públicos outorgados co dinheiro de todas e todos ás empresas do narco-contrabandista. Contratos que, por arte de birlibirloque desapareceran nun incendio sen demasiada relevancia.

Nestes 10 anos, escoitamos a Núñez Feijoo negar a amizade con Marcial Dorado, amais de calquera lembranza da foto e da viaxe. Asistimos tamén á súa "recuperación" dumha parte da memoria para dicirnos que foran a un sitio que "había nieve". Tampouco pareceu a sinceiridade a súa principal virtude cando nos asegurou ter roto co narcotraficante no ano 1997 (sendo identificadas conversas súas polo xuíz Vázquez Taín entre os anos 2001 e 2003). Máis recentemente, escoitámolo dicir (non sen certo bochorno) que ao non haber Google nin Internet naqueles anos, ninguén sabía das actividades ilegais do narco (cando acumulaba 10 anos de condeas, imputacións e portadas na prensa galega)… Repasando a deriva nas respostas (ou mellor dito, na ausencia delas), faise moito máis doado entender as continuas mentiras e falacias nas que Núñez Feijoo baseou a presente campanha electoral, emulando aqueloutra de 2009 coa que chegara á presidencia da Xunta de Galicia.

Cumpriron 10 anos de preguntas sen resposta, nun arrogante comportamento de quen tinha que representar a todas as galegas e todos galegos, para que Alberto Núñez Feijoo reconhecera esta manhá, en casa amiga e ante Carlos Herrera, que si conhecía a condición de contrabandista do seu companheiro de travesía. Reconhecíao -iso si- ao tempo que tentaba relativizar e minimizar a natureza delictiva como fixera semanas co antigo membro de Fuerza Nueva e actual de VOX, Carlos Flores Juberías (condenado hai 20 anos por un delito de violencia psíquica habitual e 21 faltas de coaccións, inxurias e vexacións), de quen lle pareceu máis acaído dicir que tivera un divorcio duro, talvez porque será umha das persoas que conformen o bloque PP-VOX nas Cortes Xerais para a vindeira lexislatura. Ou do mesmo xeito que o vimos coa Silvia Intxaurrondo, diante da que tentou manipular os datos sobre as pensións e, ao ser descuberto, numha sorte entre o gaslighting e a falacia semántica (con un adobio de mansplaining), proponhía "si yo estoy equivocado, le pido disculpas y si está usted espero que lo digan". Enfin, tócalle traballar -umha vez máis- ao equipo de neurolingüística de Génova 13, para edulcorar e relativizar aínda máis un relato que se torne máis dixerible para os seus, enchendo de risos e palabras doces as grellas televisivas e os actos sociais, e instaure a infantil definición de pillería en todo acto delictivo que rodee ao noso líder e ao noso partido.

Aínda así, este reconhecemento non é pouco, porque en si mesmo agocha o auto-reconhecemento das mentiras reiteradas durante todos estes anos, por máis voltas e malabares que queiran facer coas palabras. E tamén deixa albiscar un incómodo imprevisto dentro do Partido Popular, que presenta ao propio Alfonso Rueda levándolle a contraria ao xefe e reconhecendo con anterioridade que si sabía quen era Marcial Dorado, ao igual que todo mundo en Galicia.

Apoiarse no único partido do arco parlamentar que propugna no seu programa a supresión das autonomías ou a abolición de boa parte do marco xurídico que ten a ver cos dereitos fundamentais, xa non é o único punto débil de quen semanas atrás xa se vía na Moncloa. As perigosas amizades con un dos responsables da principal lacra do país nos anos 80, que causara estragos naquela xeración mentres mirabamos para outro lado, poden dar ao traste coas pretensións de Feijoo e do PP, que están perto de ver como un efecto underdog (que corre o risco de se converter nun efecto bandwagon na propia xornada electoral) acaba do pior xeito posíbel coa ansiada carreira do herdeiro de Romay Beccaría.

Creo que nesta ocasión imos deixar respirar tranquilos a Gordon Brown e a outros líderes europeos, que levan semanas vendo con preocupación o resultado do domingo. Mais xa temos dentro o virus da alburgada, do todo-vale e da crispación. Noutra ocasión habemos darlle un repaso a esta campanha, desenhada ao puro estilo de Roger Ailes e ao ditado de Steve Bannon, principal responsable deste metaverso que confunde, intoxica e crispa a umha poboación que cada vez máis, semella consumir as noticias como se fosen pastillas para durmir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario