Na medida en que o agro vai suspendendo a súa fertilidade e a escuridade vai suplantando progresivamente á luz do sol, sabemos que vai chegando o tempo de defuntos. Un tempo que ten lugar entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno e que -de diversos xeitos ou con distintos nomes- non deixou de se celebrar nunca no noso país.
Dentro do ciclo festivo tradicional, novembro é o mes adicado á lembranza daqueles seres que xa non están con nós pero seguen na nosa memoria. Vemos como os cemiterios se enchen de flores e de luz, participando dumha tradición da que tantas veces renegamos. Cremos firmemente que é o momento no que pode aparecer a Santa Compaña (aínda que só sexa nos contos darredor da lareira) e aprendemos dos nosos maiores que non debemos recoller a mesa pola noite nin apagar as brasas do lume para que as ánimas dos nosos defuntos poidan comer e quentarse cando venhan visitarnos.
Por outra parte, é doado comprender que un territorio líder na produción dun dos últimos alimentos ofrecidos pola terra antes do seu parón biolóxico, convirta á castanha no alimento por excelencia do tempo de defuntos, con celebración gastronómica, lúdica e comunitaria incluída, ao redor da popular festa do Magosto.
Talvez un colar de zonchos sería un elemento que simbolizara moito mellor que un disfraz de "todo a 100" o sincretismo, a identidade e a multiculturalidade que conviven nunha festa que fusiona dentro de si tradicións e rituais célticos, romanos ou xudeo-cristiáns.
Do mesmo xeito que nos custaría imaxinar á vecinhanza das nosas aldeas -4 ou 5 séculos atrás- tallando cabazas, realizando desfiles ou confeizoando maios para expoñelos no adro da igrexa parroquial, tamén parece que nos últimos tempos non somos quen de entender umha festa sen Combo Dominicano ou sen foguete "fijo y volador". Cousas da evolución (ou da involución), pero o caso é que son as mesmas datas as que seguimos celebrando e as que seguen abrindo a caixa das emocións a pouco que ranhemos na superficie.
Neste sentido, o céltico Samain, a véspera de Todos os Santos ou en inglés All Hallow's eve (ou mesmo en inglés deturpado polos emigrantes do continente americano: halloween) é umha das datas marcadas no noso imaxinario, aínda que tradicionalmente fora a noite do día 1 para o 2, comprendida entre Santos e Defuntos. Os meus pais, a quen lembrarei especialmente nestas datas, nunca lle chamaron Samain (e menos aínda Halloween) a ningumha destas datas, pero nunca deixaron de esquecer os ombros sobre os que caminharon mentres estiveron neste mundo nin as ánimas de quen transmitiu no seu ADN a nosa identidade e o noso patrimonio.
Publicado en La Voz de Galicia o 31 de outubro de 2023
Ningún comentario:
Publicar un comentario