Un pico, un roce, un momento de efusividade, amizade ou boa relación… Algo sen mala fe, ao que non debemos darlle máis voltas porque "non foi nada". Así soaría o popurrí de excusas que, combinadas entre si, tentaron conformar umha coartada repetida en ducias de ocasións para xustificar o acoso televisado ao que tivemos que asistir o pasado domingo por parte do presidente da Federación Espanhola de Fútbol á traballadora da propia Federación, Jennifer Hermoso.
Aínda que non gustes do fútbol, nin sequera viras a final do campionato mundial feminino celebrado en Australia, seguro que tiveches ocasión de deglutir reiteradamente e por distintas vías o primitivo comportamento de Luis Rubiales (o -polo de agora- presi do fútbol patrio), que evidenciou -dito sexa de paso- a [enorme] fenda existente entre as dúas Espanhas.
Umha fenda que pouco tenhen a ver co vello discurso dos rancios e casposos de banderitas nos pulsos e contas correntes en Panamá, senón co antagonismo entre umha nova sociedade plural, diversa e feminista e outra vella sociedade machista, falsa e clasista que, envolta en bandeiras de alcanfor, non é quen de asumir que xa forma parte do pasado.
Un ordinario presidente da RFEF que vinha de facer o ridículo no palco de autoridades (lugar que un imaxina da diplomacia e do saber estar), tentando amosar coas súas mans o que hai que ter para ganhar un partido, aínda que a única bóla existente no campo fose aquela coa que as bravas mulleres da selección espanhola acadaran a súa primeira copa mundial. Umha vitoria ben merecida, por máis que ninguén lles tivera feito demasiado caso no medio século da súa Historia, alén das apariencias que temos que manter a diario no que atinxe aos asuntos da Igualdade.
A minha escasa confianza no deporte sucesor do circo romano, fai que non me preocupe tanto o comportamento do rancio senhoro actuando como llo pedía o corpo e a mente, ao agarrar da cabeza e imponher un beixo a umha subordinada súa, mesmo en contra do Protocolo de actuación fronte á violencia sexual da propia RFEF (cousa, por certo, que nunca se lle ocorrería facerlle a ningún "macho" que ocupara un lugar xerárquico semellante ao de Jenni Hermoso na empresa do fútbol espanhol). O que máis me alerta é que tiveran que pasar 4 días para comezaren a se equilibrar as xustificacións coas críticas, tanto por parte de clubes de fútbol como de medios de comunicación, opinólogos de todo tipo ou mesmo doutros companheiros deportistas. 96 horas até que -talvez- forzados pola decisión da FIFA ou as declaracións do presidente do goberno, o universo xerador de opinión do Estado espanhol comezara a reaccionar, demostrando que non é quen de crer no discurso que aparenta no día a día. 5.760 minutos nos que deu tempo a que nos forzaran 345.600 veces con "piquitos" acosadores dun segundo de duración.
O cavernícola con nome de viñeta de Forges (daqueles anos nos que "non era nada" fumar na consulta do médico, tirar as cabichas no autobús ou zascarlle á túa muller se non se comportaba como era debido) meteu a zoca. Ou non. Talvez o problema non estea no comportamento rancio, machista e casposo do presidente do fútbol espanhol, senón en que nin o propio Rubiales nin moitos dos senhoros que saíron na súa defensa nos días posteriores, entenderon nin entenden que tanto a conduta do domingo como o vergonhento conato de desculpa do día seguinte, son as dun troglodita (con perdón para os habitantes da Idade das cavernas) e que nesta sociedade na que tentamos reducir as vítimas e as mortes por acoso e por violencia sexual, moitos dos problemas que provocaron fondo sufrimento ao longo dos anos comezaran por beixos que "non eran nada".
Ningún comentario:
Publicar un comentario