O SimCity é un simulador cuxo obxectivo consiste na construcción dumha cidade e a administración dos seus recursos. Creado no ano 1989, o videoxogo acadou altos niveis de popularidade na década dos '90 e nos primeiros anos do século XXI, inspirando e propiciando a aparición de novos e variados simuladores que ocuparan umha boa parte das pantallas que nos rodean.
As primeiras etapas do xogo, daquelas primeiras versións, consistían en definir a tipoloxía do solo, crear fontes de enerxía abondo e abrir vías de comunicación que levaran luz, auga e transporte a toda a cidade. Por desgraza (para quen crera estar diante dun "programa de xestión municipal" e non dun simples divertimento) o simulador non permitía escoller o tipo de material empregado nos pavimentos, pois os algoritmos do xogo eran os que eran e os obxectivos… non ían moito máis aló de pasar o tempo enganchado á pantalla dun computador. En calquera caso, ese era o problema (ou o acerto) de Maxis, os creadores do SimCity, que se convertía na experiencia máis cercana a un "proxecto de cidade" que puido ter a maior parte das persoas que tenhen conformado a Corporación Municipal ourensá. E este é o NOSO problema.
Voltando ao mundo no que a próstata xa non che permite dormir a noite dun tirón, cumpriría ponherse no lugar das/os responsables da política municipal, amais de entender os procesos democráticos, para tentar comprender as decisións -ás veces tan arbitrarias ou contraditorias- que se toman na Casa Grande ourensá.
Tanto na confección dos orzamentos como na xestión diaria dos recursos de todas e todos, afloran ás claras os tipos de políticas elixidas polos diferentes gobernos. Gobernos que -temos que lembrar- actúan como representantes do electorado, que non deixa de ser dono total dos recursos, amais do responsábel último das accións políticas dos seus representantes. E daí as diferenzas sustanciais. Hai gobernos que á hora de investir os cartos públicos priorizan as políticas sociais, pois consideran que o primeiro é garantir uns servizos básicos para toda a cidadanía. Outros gobernos apostan pola inversión en infraestruturas, porque cren que umha cidade con mellor loxística ha ter máis e mellores posibilidades de competir no mercado global. E tamén hai gobernos que prefiren gastar en comunicación, porque consideran que iso atraerá máis persoas foráneas á cidade, quenes -á súa vez- gastarán abondo para compensar o que xa se ten gastado na creación do relato.
Lóxicamente, non vou tirarlle lexitimidade a umha ou outra opción (aínda que tenha moi claras as minhas preferencias e non queira pensar que as inversións poidan ter máis a ver co enriquecemento privado dalguén que co ben común). Para iso está a cidadanía, que é quen lle outorga ás súas e aos seus representantes a potestade de definir como se xestionan os nosos recursos e como se desenha a cidade. Se acaso, amola un chisco escoitar os laios -umha vez que "xa foi"- daquelas persoas inhibidas, que prefiren non meterse en política… porque todos son iguais… e polo menos, fan algo… Todas e todos temos o dereito (case diría, a obriga) a equivocarnos, pero non é xusto ter que sufrir a manida pregunta de "como temos chegado até aqui?" por parte de quen non quixo escoitar no seu momento, enxordecido polo excesivo volume das orquestras ou posuído dumha ledicia ignorante que lle impedía preocuparse por outra cousa que non fora o seu propio bandullo.
Nestes días, vexo con certo pesar como o nauseabundo cheiro do chapapote inunda as rúas do centro da cidade como se umha marea negra tivera chegado ao parque de san Lázaro. O olor marchará (polo menos até os días de moita calor) pero quedarán as consecuencias da intervención que, cando menos, son preocupantes polo que podemos extraer de múltiples estudos ao respecto, que achacan aos solos de asfalto un incremento importante da temperatura ou a liberación de aerosois orgánicos lesivos para a saúde, aumentando a contaminación até nun 300%.
É umha cuestión de preferencias na inversión. Talvez o negro do asfalto campe mellor coas luces LED. E talvez por iso tamén, as actividades de conciliación do concello de Ourense pechan "a negro" no verán (outra máis), alegando falta de orzamento cando acaban de aprobar 600.000 eurazos para as luces do Nadal. A ver como lle explico agora á minha filla iso do aforro enerxético e de que hai que apagar a luz cando non é precisa…
Hai uns anos, cando quen suscribe mantinha umha relación cotiá co concello de Ourense, era habitual escoitar falar da preferencia polos pavimentos de lastro do [daquela] enxenheiro municipal Segundo Alvarado, non permitindo que a negritude viscosa do chapapote ocupara as rúas do centro da cidade. E algo de verdade debía haber nisto pois, desde a xubilación de Alvarado, os adoquíns (tan habituais nos centros urbanos europeos) foron desaparecendo progresivamente en cada reforma ou remendo que o noso concello acometía no centro da cidade. O pavés, colocado con mellor ou pior sorte, está sendo substituído pola negra cor do chapapote, que seguro vai facilitar a rodadura dos vehículos a motor, ao tempo que ha de intensificar a calor e a contaminación no centro da cidade.
Tempos virán nos que sexan outras as persoas que ocupen os postos técnicos e políticos do concello, diso pouca dúbida hai. O que se vai facendo necesario é ir baixando o volume dese ruido infernal que non nos deixa pensar e tomarmos consciencia da responsabilidade que temos sobre a cidade que lle imos deixar ás nosas fillas e aos nosos fillos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario