Teño unha casiña branca
N’a Mariña entre loureiros.
Teño paz e teño amor.
Estou vivindo n’o ceo.
Con estes conhecidos versos -inmortalizados anos máis tarde por outro ourensán de Bande-, Filomena Dato respostaba ao seu bo amigo Alejandro Pérez Lugín cando este lle perguntaba por que non quería ir vivir a Madrid, no marco dumha entrevista publicada o 24 de abril de 1912 no xornal La Voz de Galicia. A "interviú" coa que Lugín quixo sorprender á esquiva autora ourensá non ten desperdicio, nin polo contido nin polo estilo co que está redactada. Desde que Lugín colle un coche nos xardíns de Méndez Núñez, naquela manhá chuviosa de abril até a chegada ao pazo de Moruxo, onde a "boa, inxenua e noble" Filomena rexeita con graza a entrevista ao tempo que lle dá un caldinho de grelos, que "é gloria mesmamente".
Eses mesmos versos, que ben puideran formar parte de Follatos, (publicado 2 décadas na imprenta ourensá de Antonio Otero Moldes), son os que tres anos máis tarde selarían a historia de amor entre Carminha e Gerardo no remate de La casa de la Troya, umha das novelas máis lidas da literatura espanhola, escrita polo propio Pérez Lugín. Non quero procurar os paralelismos da relación entre Lugín e Dato cos protagonistas da Estudiantina, que nin me corresponde nin tenho conhecementos abondo para facelo. O que si esperta máis o meu interese é aquel eixe cultural das Marinhas, -feminino e feminista- no que confluían Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, Fanny Garrido e á nosa Filomena Dato, eixe ao que ben poderiamos sumar -na súa periódica visita estival- ao propio Alejandro Pérez Lugín, quen acaba falecendo na mesma comarca e tamén no mesmo ano que a autora de Follatos.
Filomena Dato Muruais nace en Ourense o 26 de xullo de 1856, sendo a maior dumha familia de 3 irmás e 2 irmáns. Da súa vida privada, pouco se sabe, aínda que se tedes interese podedes consultar a interesante obra do investigador ourensán Fernando Román "Filomena Dato. A poeta galega de entre séculos", editado pola tristemente desaparecida Duen de Bux e que podedes atopar na libraría La Quinta, da rúa das Caldas. Medra intelectualmente na órbita de Lamas Carvajal e do Heraldo Gallego, onde talvez Filomena comece a forxar a súa personalidade desde o feminismo e desde o galeguismo, para se trasladar anos máis tarde ás Marinhas, onde se instala, mercede á súa irmá Aurelia e ao seu cunhado (delegado do goberno en Galicia) Juan César Patiño Pita da Veiga, no pazo de Moruxo, lugar no que permanecerá até a súa morte no ano 1926.
Dato foi reconhecida en multitude de concursos, acadando notoriedade con varios premios no certame literario de Ourense no 1887 por -entre outros- o seu poema "Defensa das mulleres", onde reivindica o papel das mulleres na Historia e co que 4 anos máis tarde abre o seu libro Follatos, que conforma -xunto a Cantares gallegos e Follas novas- a tríada de obras publicadas en galego por mulleres durante todo o S. XIX.
Os que negan â muller
intelixencia e talento,
a millor contestaceon
cicais que fose o disprecio.
¿D’ ónde sacaron qu’ as almas
teñen com’ os corpos seuso?
Onte fixo 167 anos do seu nacemento. E en Ourense, a cidade que viu nacer á ilustre escritora, nada soubemos da efeméride. Nin nada saberemos, do mesmo xeito que nada se pensou para conmemorar no presente ano 2023 os centenarios do pai da antropoloxía fisica, Santiago Genovés, ou da historiadora e arquiveira Olga Gallego. Do mesmo xeito que nada se fixo noutro centenario, o do nacemento de Antón Tovar, poeta senlleiro da Limia afincado na cidade das Burgas. Nin grande conmemoración houbo do centenario de Nós, a publicación periódica máis importante e trascendente da Historia de Galiza, cuxo primeiro número foi editado en Ourense pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, naquel 30 de outubro de 1920. Por conmemorar, nin sequera tivemos tempo de lembrarnos do noveno centenario da cidade, que tivo lugar no pasado ano 2022 e que pareceu non importarlle a ningún dos responsables da cultura na cidade e na provincia.
Uns responsables irresponsables que non respectan a súa identidade nin a súa Historia, que non son capaces de reconhecer os ombros sobre os que caminhamos cada día, e o que é pior, non son quen de transmitir umha chisca de ilusión e confianza no futuro porque -talvez- non se atrevan a mirar a un futuro do que nin eles nin os seus van formar parte.
Así, enxordecidos polos decibelios das orquestras, cegados polo glamour de baixo consumo e pensando en como menosprezar ou ridiculizar ao vecinho que pensa distinto, é como imos pasando os anos nesta cidade que noutro tempo se autonomeara Atenas de Galiza e hoxe nin sequera é quen de escribir o seu nome correctamente.
Que Filomena Dato tenha recibido máis homenaxes organizadas polo concello de Bergondo (onde está soterrada) ou pola Deputación da Corunha que por calquera das institucións da cidade que a viu nacer… non fala moito nin moi ben destas últimas. E máis cando podemos atopar paralelismos en José Ángel Valente ou mesmo en José Gil, por exemplo.
Ao fío do exposto, quixera rematar lembrando o monolito a Curros Enríquez, aquel exvoto que os seus admiradores quixeron adicar ás ondinas do Minho para que velaran pola inmortalidade do bardo celanovés e que fora instalado aos pés da ponte vella o 24 de maio de 1913, participando daquel acto as persoas promotoras e patrocinadoras da iniciativa. No acto queimaran incenso sobre o exvoto e leran diversos textos de Curros, nas voces de Antonio Rey Soto e de Sofía Casanova (un ano antes de se converter na primeira reporteira de guerra espanhola), deixando para o peche do acto unha salve á Virxe dos Remedios rezada por Filomena Dato. Posteriormente, soterráronse diversas obras de Curros por baixo do monolito canda un acta que dicía:
En la ciudad de Orense, el día 24 de mayo de 1913, a las seis de la tarde por iniciativa del escritor orensano Eugenio López Aydillo, por el diario Heraldo de Galicia, de Orense, los abajo firmantes consagraron en la ribera rocosa del Miño, frente a la ermita de la Virgen de los Remedios y al lado del Puente Romano, un exvoto con la siguiente inscripción. «Exvoto que los admiradores de Curros dedican a las ondinas del Miño, para que velen por su inmortalidad», quemando, sobre él, incienso en honor del glorioso poeta
O caso é que o monolito desapareceu no ano 1935 sen saber ben nin como nin cando. E aínda que houbo varios chamamentos para a súa reposición, nunca tal ocorreu, dándose o caso tan tradicional nas institucións ourensás de asubiar cara arriba mentres deixamos ir pasando.
E é por isto que en Ourense non poderemos atopar esculturas adicadas a umha das máis grandes figuras das nosas Letras. E tamén por isto non fomos quen de manter o "Volter" -a taberna-museo que albergou o nacemento dos "sete artistas galegos"-, nin sequera un espazo que interpretara aqueles anos (non tan lonxanos) nos que Ourense ocupaba un lugar capital no mundo das Artes. Os mesmos tristes motivos polos que -nun alarde de petulante insolencia- fomos quen de eliminar a Cultura do noso concello ocupando o seu lugar con "artes e festexos", un binomio que soa tan vacuo e anticuado como aquel coros y danzas que a Sección Femenina da Falanxe empregara como instrumento propagandístico dun réxime dictatorial inculto e covarde que tamén se acomplexaba fronte a calquera manifestación cultural que non puidera entender ou controlar.
Na foto de Pacheco, publicada en Vida Gallega o 30 de setembro de 1913, pode verse á Filomena Dato á esquerda do monolito, canda Sofía Casanova (á dereita) ou Rey Soto (por tras do mesmo).
![]() |
Publicado na Revista inviable, nº 52 e 53 (xullo e agosto de 2024)
Ningún comentario:
Publicar un comentario