6 de ago. de 2022

Taburete

Y como ocioso de sus labios pende,
Al blando taburete se acomoda,
Y à los chismes inútiles desciende.

Bartolomé Leonardo de Argensola. Rimas. S. XVII


Taburete é umha palabra de catro sílabas. Como de catro sílabas tamén son ridículo, estulticia, renegado, Celidonio, Gudinsalvo e aínda niñojesús ou dorensano.

Hai taburetes altos e taburetes pequenos. Ao igual que hai celidonios que mandan un pouco de máis e celidonios que obedecen un pouco de menos. Do mesmo xeito que hai complexos que se quitan con umha visita ao psicólogo e outros que se pegan como lapas e hai que saber sufrilos en silencio… ou mellor, tentar que os sufran os demais.

Taburete é un galicismo castelán que serve para designar un asento que non ten respaldo. O “Diccionario de autoridades“, publicado no primeiro tercio do S. XVIII co obxectivo de “limpiar, fijar y dar esplendor” á lingua castelá (algo que axinha se converteu nun lema excluínte para as outras linguas peninsulares) defíneo como umha “Especie de asiento como una silla, con la diferencia de que es raso y sin brazos, y el respaldo para reclinarse más estrecho. Guarnécese de baqueta, terciopelo, tafetán y otras telas, clavadas a la madera. Algunos dicen taurete.

Nos últimos tempos, e mercede á forte (case exclusiva) presenza do castelán nos medios de comunicación e no ensino, estase incorporando o seu uso ao galego, aínda que a nosa lingua xa contara con palabras abondo para denominar este elemento, tais como tallo, banqueta, mesote ou mesmo trabizo. A este respecto, cabe evocar o pailanismo de provincias, aquel conceito que servía para identificar ás persoas acomplexadas, da periferia peninsular, que aprenderan a presumir do alleo antes que do propio, aínda que nin conheceran nin souberan apreciar o produto que vinhera de lonxe, principalmente do centro da Meseta.

É umha mágoa que o paso do tempo non convertera numha triste lembranza do pasado a aquelas persoas que sempre senten umha fonda admiración por calquera cousa que chegue con acento distinto do seu. Estas persoas, capaces de sacrificar umha peza de pan do país, feita en forno de lenha, por umha barra de masa conxelada apurada no microondas, son as mesmas que, cando falan en galego, non saben sentar en cadeiras a mirar pola xanela, e cando usan a mal chamada “lingua común” son incapaces de colleren ao neno no colo ou ir ao monte na procura de xestas e carqueixas para faceren o Maio.

Son as mesmas que aprenderon a renunciar a calquera indicio da súa Cultura, rexeitando toda expresión musical que -dentro dos seus complexos- poida soarlles con acento propio, sempre e cando haxa calquera oferta que axude a limpiar, fijar y dar esplendor ao nacionalismo lingüístico e ao patrioterismo egoísta e provocador de bandeiras nos pulsos e contas correntes en Panamá.

Pero por máis seda que lle ponhas ao macaco, non vai deixar de ser un primate. E por iso, o máximo ao que poden aspirar é a provocar umha mestura de tenrura e vergonha allea cando pretenden imitar un acento que non é o propio con resultados moi lonxanos dos desexados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario