23 de maio de 2022

Mapeando

Hai uns días, o presidente de todas as galegas e de todos os galegos gabábase do afortunada que é a nosa terra por acoller o “regreso” do rei fuxido. Imaxino que se tratou dun esvarón provocado polo período de práticas no que parece atoparse o presidente elixido por Feijoo, pois tampouco tinha moita necesidade de demostrar a súa devoción pola monarquía aínda que non lucira o verde na súa gravata.

Que fai tan feliz ao Alfonso Rueda ou mesmo ao Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo? Como é posible que vexan unha boa nova e umha oportunidade nun feito do que está renegando medio país, incluida a propia Casa Real que procura actuar coa máxima discreción?

É certo que o rei emérito non ten causas xudiciais pendentes. Mais tamén é certo que de termos actuado -ti ou eu- como xa está contrastado que actuou o Campechano, non habería perdón nin esquecemento para ningún de nós. As súas causas foron pechándose por umha “casual” demora que fixo prescribir os delitos (é dicir, por non pillalo a tempo) e pola inviolabilidade e a irresponsabilidade do cargo que ostentou até o ano 2014. Non sei se me inquieta máis a polisemia do termo “irresponsabilidade” ou a preocupante sensación de que o Xefe de Estado poida facer e desfacer, construir e destruir, contar ou mentir sen ter que respostar en ningún caso polos seus actos.

Por outra parte, tan sorprendente como a alegría manifestada polo Presidente, foi o xeito de referirse á visita do rei emérito. Disque ía “colocar a Galicia no mapa” e un inxenuo seriófilo coma min, non puido menos que lembrar a serie Fariña -sobre o libro do Nacho Carretero-, e imaxinar ao Sito Miñanco colocando [tristemente] a Galicia no mapa da droga, naqueles mortais anos 80.

E claro, alguén que cobra (e ben) por ser o maior representante de Galicia… debera saber que o país (comunidade, rexión, reino, provincia… como queiras chamarlle) ao que representa e que lle dá de comer desde hai umha boa pila de anos, xa estaba nos mapas mesmo antes que chegara -ao que hoxe é Espanha- o primeiro Borbón, Felipe de Franza, duque de Anjou, coronado como Felipe V no ano 1700.
Vendo este fantástico mapa de 1619, obra dos cartógrafos flamencos Gerardus Mercator e Jodocus Hondius, e xa que está tan de moda certa incapacidade mesetaria de pronunciar ben o fonema fricativo palatal xordo /ʃ/ só cando corresponde ao galego, contrasta enormemente co respecto que se adivinha nestes senhores que, no século XVII vivían a miles de quilómetros, e aínda así facían os seus esforzos por respectaren os topónimos locais. Observa como escribían o nome desa vila que son incapaces de dicir nos informativos de Madrid. E todo isto nun momento no que o castelán xa era a lingua da Coroa e ía suplantando pouco a pouco os espazos que noutrora ocuparan outras linguas.

Galicia xa estaba nos mapas na época en que a nai da Isabel "a Católica" pisaba Castela por vez primeira, época onde o nacionalismo máis rancio quere ver representado o nacemento de España (aínda que xa está máis que claro, mesmo para o Tribunal Supremo, que isto ten pouco que ver coa realidade). No 1450 Fra Mauro desenhaba un mapa que gardaba umha certa semellanza con aqueloutro realizado por Al-Ibrisi 300 anos antes para o rei normando das 2 Sicilias, Roger II, no que nomeaba ao noso territorio como Ard Galika.

E se seguiramos atrás no tempo, ben poderiamos atoparnos co primeiro reino de Europa, instaurado polos suevos no século V e do que nada soubemos na escola, coa Gallaecia como unha das principais proveedoras de ouro de Roma ou con un dos eixos comerciais do Atlántico na Idade de Ferro e de Bronce.

Casual ou causalmente, Galicia acelerou a súa desaparición dos mapas e a sustitución dos seus topónimos coa chegada dos Borbón-Anjou, aínda que seguira sendo un dos territorios máis poboados da península até ben entrado o século XIX. Precisamente foi nos mediados deste século cando se "guionizou" a historiografía oficial do recén creado estado-nación, con algumhas peculiaridades tais como a máis que curiosa tradución do termo Jalikiah por Reino de León, que o Modesto Lafuente inclúe na súa Historia General, desde umha fonte musulmana.

Os ventos semellan traer umha sensación (xustificada ou inducida) de inseguridade no colectivo e os mapas non parecen ofrecer umha solución eficaz ás necesidades cotiás, con centros de decisión globais cada vez máis alonxados da cidadanía. Cómpre mirar ao futuro de frente e traballar por recuperarmos a soberanía que semella esvaírse, entre os dedos da Constitución, polos buracos que agrandan os tratados internacionais e os marcos lexislativos aos que as e os protagonistas do artigo 1.2 da Carta Magna non somos quen de seguirlle a pista. Soberanía alimentaria, que prime a necesidade de alimentarse por enriba do oligopolio que decide cada día a que prezo está a fame. Soberanía enerxética, que aposte por umha enerxía sostible e eficiente, diante disoutro oligopolio que vampiriza os nosos recursos empobrecéndonos cada día económica, social e ecolóxicamente. E umha identidade comunitaria que nos faga máis fortes diante de oligopolios e déspotas, fomente a cohesión social e traia de volta a soberanía cara Nós.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario