23 de maio de 2022

Somos tontos

 

O salmantino Ignacio Sánchez Galán, presidente e conselleiro delegado de Iberdrola, veu a demostrar antonte nun acto en Sagunt (Valencia) o pouco que empatiza coa realidade do país que lle dá de comer, ao chamar "tontos" (así, sen interpretacións nin medias tintas) aos 10 millóns de consumidoras/es que pagan o prezo abusivo ao que nos están cobrando a [necesaria] luz nos últimos meses. Pouca empatía, pois é preciso termos en conta que entre eses 10 millóns de contratos con tarifa regulada (PVPC) atópanse as familias con menos recursos que, para acollerse ao bono social coas rebaixas fiscais aprobadas polo Goberno, han ter contratada esa tarifa. E como o INE informa de 18,7 millóns de fogares no ano 2020, cabe entender que falamos de máis da metade da poboación do Estado.

Pero isto semella importarlle máis ben pouco ao presidente dumha das 10 empresas enerxéticas máis grandes do mundo (pouco vale laiarse agora do que puidera ter sido o sector eléctrico espanhol de continuar sendo público), quen seguro está convencido de non ter gozado de ningumha vantaxe para ter chegado a ocupar o cargo que ocupa. O verdadeiramente prioritario para el agora é manter un pulso co Executivo que lle permita a el e aos seus seguir ingresando dinheiro fácil por enriba das posibilidades de todas e todos nós.

Sánchez Galán é umha desas persoas, de apariencia amable e cordial, que podemos atopar en numerosos foros deses que tenhen como máximo común divisor ao Poder do reino borbónico. Á súa presenza nos padroados do Museo do Prado, da Fundación Príncipe de Asturias ou do Real Instituto Elcano, súmanse as Fundacións Carolina, COTEC, o Aspen Institute ou o CEC (o think-tank das grandes empresas espanholas). Comparte, pois, espazos de diálogo con un bo feixe de nomes que se repiten no IBEX35 e nos centros de decisión do Reino. Nomes e apelidos que van medrando xuntos desde a infancia sen que este feito tivera chamado nunca a atención dos meritócratas e dos liberais que acumulan umha sabedoría interxeracional para renegar do público mentres só saben disparar con pólvora do rei; sempre vencellados a estes espazos e sempre atentos de velar pola Orde e o interese xeral desta súa patria.

E sabedes o que penso? Que talvez tenha razón. Fomos tontos cando permitimos que os sucesivos gobernos regalaran os nosos recursos e a nosa enerxía aos seus amigos coa excusa de que un mercado libre sería beneficioso para os consumidores.
Fomos tontos cando o ano pasado, na forza do verán, vimos como os especuladores da enerxía baleiraban os nosos encoros ponhendo en perigo o medio ambiente e mesmo as nosa vidas por acadaren umha maior tallada da súa especulación cos nosos recursos.
E está por ver se seremos aínda máis tontos converténdonos en alfotalantes das mensaxes que nos envíen desde os seus medios de comunicación para defender única e exclusivamente os intereses das escasas ducias de persoas que controlan o oligopolio da enerxía.

Lonxe de Valencia, que ven a ser como Ourense pero ao revés, o noso alcalde voltou a avergonharnos coa súa enesima perda de control, provocada por un narcisismo patolóxico e umha baixa autoestima. A cidade de Nós, de Valente ou de Feixoo (o importante, non o que lle puxo acento ao apelido) non acaba de atopar o fondo da foxa no que coller pulo para comezar a saír da "tontería".

Somos tontos cando observamos a política e as eleccións como se foran un partido de fútbol, deixando que as nosas paixóns vexan penalti onde non hai nin falta ou desexen que o pior equipo do campionato ganhe o torneo.
Somos tontos cando xustificamos -sen pedirlle explicacións aos nosos representantes- que a Xunta de goberno do noso concello chegara a estar formada por tan só 3 persoas dun total de 27, que decidiron e deciden onde se gastarán as maiores inversións da nosa Historia, propiciadas pola ausencia de orzamentos nos últimos anos.
Somos tontos… Ao mellor, un pouco si.

Ningún comentario:

Publicar un comentario