28 de mar. de 2022

O dedo e a lúa

 

Nas Cortes Xerais non hai terroristas, polo menos de ETA. Por máis que este enunciado poida parecer tan evidente como a ausencia do Sol nas noites “iluminadas” da Carreira de San Xerome, compre lembralo para desmentir os bulos e filfas que percorren os faladoiros do país de Lafuente. Pola contra, quen si agroma cada vez con menos complexos e en maior número, son as/os franquistas; deputadas e deputados de principios relaxados, que semellan estar implantando a “nova orde” dun futuro Gilead ibérico, ese país distópico que só parece preocuparnos ao atopármolo no libro da Margaret Atwood ou na serie da HBO.

Nos escanos das Cortes sentan as persoas que ostentan a representación da soberanía do Estado através das circunscripcións que marca a lei electoral (para analizar con vagar e con tino isto das circunscripcións, verdadeira nai do anho do sistema electoral espanhol e non o método de reparto, como erróneamente pretenden que creamos). Este sistema democrático, ao que Espanha está pouco afeita na súa Historia, fai que ocupen as 350 cadeiras do Congreso e as 208 [+57] do Senado xentes de distintas sensibilidades e ideoloxías, acordes coa pluralidade política que propugna a Constitución de 1978 no artigo primeiro como un dos 4 valores superiores do seu ordenamento xurídico.

O electorado que escolle a un deputado non é nin máis nin menos soberano que o que escolle a outro representante, por máis que un leve garabata de cor verde, sexa a 3ª xeración de vividores da política ou tenha todos os mestrados que puidera conseguir nos envases de yoplait. Ese respecto cara a soberanía do Estado tradúcese no respecto cara a Cámara e máis cara as deputadas e os deputados que ocupan cada un dos escanos parlamentarios. E a ausencia deste, non reflicte outra cousa que o desprezo total cara a “soberanía nacional” que, conforme ao artigo segundo da Constitución de 1978, reside no pobo, do que emanan os Poderes do Estado.

E para que os Poderes emanen do pobo, como manda a [sacrosanta, cando convén] Constitución espanhola, é preciso que o pobo soberano manifeste o seu sentir, cousa que fai escollendo periódicamente a 1 dos 3 poderes: o Lexislativo. O Executivo e o Xudicial cumprirán co mandato constitucional sendo un reflexo do expresado pola soberanía do pobo nos únicos procesos electorais en que escollemos directamente (máis ou menos) a un tercio dos Poderes do Estado. E así son as reglas do xogo, e pretender mudalas en plena partida cando estas non nos favorecen, convértenos nuns trampóns, por máis voltas que queiramos darlle e por máis medios que actúen como altofalantes da nosa linha estratéxica.

Poderiamos seguir desmontando boa parte dos artigos dumha Constitución que só parecen defender aqueles que se decataron do ben que se vive con umha norma básica que non tenhen que cumprir. Umha Constitución que chega aos 43 anos con umha necesidade de aggiornamento que comunique á lei básica coa soberanía á que di representar e que en [cada vez máis] grande número non a entende ou non comparte os seus contidos.

Pero non querería converterme en dedo nesta entrada que fala precisamente diso. Á parte dos xogos de comunicación política que nos convidan a deconstruir o vello proverbio chinés, gustaríame alertar sobre a excesiva frecuencia coa que centramos a nosa atención no movemento do dedo, sen sermos capaces nin tan sequera de percibir a grandiosidade da Lúa. Dun xeito inconsciente, acompasado, case hipnótico… imos dixerindo todo o que nos contan a “ritmo dixital”, engadindo umha componhente de fe que non só fai que creamos todo o que di o noso gurú, senon que esteamos dispostos a defendelo dun xeito incuestionábel, mesmo ponhendo en xogo o noso dedo e a lúa de todos.

A Lúa:
Mentres os presos da extinguida organización ETA anunciaban que deixarían de facer os Ongi etorri, actos de benvida e exaltación que causaban dor entre as vítimas, Pablo Casado asistía a un acto relixioso para rezar pola memoria dun dos dictadores máis sanguinarios do século XX.

O Dedo
Pero o obxectivo do discurso politico seguía estando en ETA. Xa non existe hai máis de 10 anos, xa ninguén leva escolta para evitar atentados, xa non hai minutos de silencio… Pero para os populistas e os alporizantes do arco político, o problema de España segue sendo ETA. E non dubidan en empregar ás vítimas como armas arroxadizas, do mesmo xeito que empregan a Constitución, mentres se pasan polo forro boa parte do seu articulado ou presumen de patriotas mentres agochan os seus cartos en paraísos fiscais.


A Lúa:
O concello de Ourense ten demostrado umha pésima xestión política e administrativa nos últimos anos, cuxas consecuencias estamos pagando toda a cidadanía (votantes, abstencionistas e medio-pensionistas). A ausencia dun proxecto de cidade e a conversión do concello nun organismo que xera problemas á/ao administrada/o, desembocaron na situación actual dun goberno en minoría que perde millóns de euros en axudas doutras administracións mentres gasta o que nunca se gastara en ideas de taberna. A única cidade galega que non ten un plan de urbanismo deste século e que non consegue fixar poboación, atopándose ao bordo de pasar a ser a 4ª cidade de Galiza.

O dedo
Temos un alcalde “peculiar” que ten a cidade patas arriba, o capital social ourensán enfrontado co concello e os plenos municipais convertidos numha mala imitación dun programa de tele-lixo. Aínda que leve razón en moitas cousas, pérdeno as formas. Faise necesaria, logo, a aparición dun perfil político máis “serio” e respectuoso que pola calada mantén un goberno do que formou parte nos útimos 6 anos, sendo responsábel da situación actual. Se o dedo marca ben o ritmo, acabará traspasándolle ao alcalde peculiar a responsabilidade da mala xestión política dos últimos 2 mandatos e recollendo a suma necesaria para manter outro mandato máis o [des]goberno da cidade das Burgas

Ningún comentario:

Publicar un comentario