28 de mar. de 2022

Non quero que me queimen

 

Xa me preocupou tempo atrás que o concello suicida que pagamos entre todas e todos aprobara umha Ordenanza na que prohibía de facto os magostos populares, por non ofrecer a posibilidade de facer lume en todo o casco urbano a ninguna persoa -física ou xurídica- que non fora o propio concello de Ourense. Por certo, que a Ordenanza sigue sen mudar, aínda que isto xa lle acarreara máis dumha dor de cabeza aos fenómenos que administran e gobernan a cidade de Nós.

Pero o de hoxe vai máis aló. É a propia institución, de boca dun alcalde que hai que lembrar, non deu ningún golpe de Estado para ocupar o seu posto, quen nos propón un novo incendio que dea que falar nas redes sociais mentres as nosas fillas e os nosos fillos seguen abandonando un territorio mal xestionado que non é quen de manter nin sequera a súa poboación. Propón o preboste umha “innovación” na única festa que até agora foi incapaz de organizar nos 2 anos, 7 meses e 3 días que leva no cargo e despois de ter recibido umha subvención, como gusta de chamar aos soldos, de arredor de 150.000 € (en nómina). A “innovación” disque consiste na pretensión de revitalizar a festa dos Maios, converténdoa nalgo así como as Fallas pero ao revés

Aínda que non sexa 1 de abril nin 28 de decembro, e no mesmo teor ca outras propostas que chegan de cando en vez da praza Maior, soa a leria… ou a irresponsabilidade… ou a suplicio… ou a umha mestura de todo isto. Ben pudera ser un conto para botar umhas gargalladas de non ser porque a cidade segue esmorecendo sen saber canto tempo máis imos ter que aturar a un goberno que non goberna, a unha cámara que non escoita á cidadanía ou a un alcalde que semella gozar procesionando o santo mentres repenica as campás ao mesmo tempo, sen saber a quen corresponde a imaxe nin como ten que mover o badal.

Non gustaría de investir máis tempo (que parece ser o fin desexado do protagonista) en analizar ocorrencias, aínda que si querería engadir que me parece umha alegoría fantástica do que está acontecendo na nosa cidade. O que xa non sei é se quedarme co feito dun alcalde acomplexado ponhendo como exemplo umha festa doutra cultura para falar dumha das máis importantes da nosa ou coa imaxe icónica da queima dun dos piares fundamentais do patrimonio cultural, lúdico e festivo das e dos ourensáns.

Eu non quero que me queimen.

Quero que me queiran
que me coiden,
que me canten,
que me paseen.

Que me adornen con flores,
con sorrisos,
con amor,
con agarimos.

Que me enchan de vida
e recenda o meu corpo;
e fale o meu xuízo
pola voz do meu pobo.

Que me vistan de primavera
Que me deiten no río
que me planten na praza…

Pero que non me queimen

Porque a minha voz e o meu vestido
o meu recendo e o meu tento
son a esencia mesma
da cidade e das súas xentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario