19 de nov. de 2021

Ficar para sempre

 

O malo de non ler é que has ter que fiarte do que che conten, ou -dito doutro xeito- non terás argumentos para confrontar o que diga calquera indocumentado. E nesta cidade á que temos o curioso costume de chamarlle a Atenas de Galiza, contamos con máis perfumarías que librarías.

Por iso, cando se nos di que Ourense foi “noticia nacional” sen entrar a valorar canto nos custou esa cabeceira nin de onde saíron os cartos que a pagaron, non somos capaces de opinar con criterio propio sobre se realmente é tan bo que falen dun aínda que sexa mal, nin temos criterio abondo para saber cales son as necesidades desta cidade ou en que se podería ter empregado esa “inversión publicitaria”. En resumo, ao non termos nin sequera imaxinado cal sería o noso proxecto de cidade ideal, habemos agardar a que o noso líder (o mesmo que se encarga de lembrarnos periódicamente que non nos metamos en política, pois xa se encarga el de meterse por nós) abra a boca para revelarnos cal será a palabra de Deus que teremos que repetir como papagaios.

Do mesmo xeito, cando se espalla a dúbida sobre 1.000 traballadoras e traballadores públicos nun chío, que mesmo seriamos quen de rechouchiar mentres arroutamos o gas da cervexa que tomamos mentres vemos o partido, non nos prantexamos nin a súa veracidade, nin a súa legalidade, nin sequera a súa ética. Compartimos e punto, persuadidos de que dominamos as novas tecnoloxías e a política municipal, todo de vez e a golpe de polgar.

Así, cando alguén di que todos os políticos son iguais, axinha nos apuntamos ao slogan, como se iso evitara que o colectivo de pais/fontaneiros/homes/avogados/mestres…. ao que pertencemos, quedara fóra deste ditame indecente; inconscientes de que este tipo de consignas só perseguen devolver un orde divino ás institucións, deixándoas novamente nas mans dos delincuentes profesionais que levan xeracións sabendo convencernos de que está chovendo mentres mexan por nós.

E cando escoitamos a alguén glosar heroicidades sobre o seu paladín, ao que atribúe sen dubidar “a razón que ten en moitas cousas“, esquecemos que até un reloxo escangallado é quen de sinalar a hora correcta 2 veces cada día.

Hoxe Ourense está en alerta. E menos mal que nos demos conta antes de que nos ardera a cabeza, porque o cú xa o temos máis que chamuscado. Cousa á parte vai ser a seguinte fase, na que tenhamos que ponhernos dacordo sobre a cidade que queremos para as nosas fillas, asumindo que poden convivir distintos modelos sempre que procuren o ben común.

En boa medida, o que ocorre en Ourense é consecuencia dun abandono secular por parte das administracións e dunha resposta desidiosa por parte da poboación e dos axentes sociais. Umha administración local que se blinda con umha burocracia esperpéntica diante dun administrado que non sae do seu asombro ao ver como a estrutura administrativa e política que mantén acaba converténdose no seu inimigo, amais do principal atranco para o desenvolvemento económico, social e cultural da cidade e da provincia.

Os movementos fan prever que as vindeiras eleccións xerais, talvez antes do que algúns quixeran, van ver agromar diversas candidaturas independentes co único obxectivo común de fuxir da pobreza e do abandono, candidaturas uniprovinciais que ben poden chegar a abater o que non conseguiu ningún proxecto político até o momento: desmontar o bipartidismo e debuxar un inesperado mapa político no conxunto do Estado.

Sexa como for (que esa é análise doutro artigo) hoxe Ourense -como onte A Marinha- sae á rúa para lanzar un S.O.S. A quen queira escoitar, pero principalmente á súa cidadanía, que comeza a rebelarse contra a posibilidade de ver os seus berros convertidos en estertores.

  • A cidade da Xeración Nós xa non pode tolerar máis o desmantelamento e o abandono do tecido cultural ourensán.
  • A terra do Padre Feixoo xa non pode consentir máis a especulación nas políticas urbanísticas e a degradación do medio natural.
  • A cidade de José Ángel Valente non quere nin pode permitir que a mediocridade siga ocupando os postos de decisión da nosa vella Auria, destruíndo por completo a nosa identidade e autoestima mentres a única alternativa que deixan á cidadanía segue sendo a de “alongarse, como único xeito de ficar para sempre“.

Ningún comentario:

Publicar un comentario