19 de set. de 2021

O noso cole


O daquela recén criado barrio de Covadonga, chamado así en homenaxe ao Gobernador Civil e Xefe provincial do Movemento, precisaba dumha escola. Umha escola que chegaría no ano 1967, con máis présas das desexadas e con un desenho semellante á arquitectura empregada na época para a creación daquel grupo de vivendas en Guizamonde que daría paso á nova barriada ourensá.

Anos máis tarde, o colexio quedou pequeno e impúxose a construcción dun novo centro. Un edificio que se inauguraría, xa coa democracia e con umha nova apariencia, un 12 de setembro de 1981, fai hoxe 40 anos. Co gallo desta efeméride, tocoume andar estes días falando do tema e revisando materiais. E foi asi que vin 2 fotos realizadas no ano 1967, que procuraban facer umha panorámica do centro desde a súa parte sul. As imaxes son obra do José González Oliveira, un dos 2 fotógrafos asentados no barrio por aquel entón.

Coa única intención de facer umha pequena homenaxe e lembranza a todas as persoas que pasamos parte da infancia/adolescencia nalgún dos edificios deste centro educativo, ao profesorado e ao persoal do centro, tanto a quen segue con nós como a quen xa non está, deume por retocar un pouco a imaxe para encaixala un pouco mellor e máis para imaxinarlle un chisco de cor. Desculpas polo atrevemento, Oliveira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario