27 de ago. de 2021

Auga a prezo de ouro

 

Cómpre apelar á memoria daqueles ourensáns que, na segunda parte do século pasado, viron como as súas aldeas, xunto as súas casas, os seus torreiros e os seus camposantos, desaparecían atuadas para sempre no fondo daqueles encoros que se construían en aras do interese xeral e que chegaban portando promesas de riqueza, prosperidade e modernidade para a nosa Terra.

No que atinxe á riqueza e á modernidade, Ourense á penas recibiu a pedrea. O que si sufriu, pola contra, foi umha nova onda migratoria que -máis umha vez- alonxaba dos seus fogares a milleiros de persoas na procura dun pan que non eran quen de producir nin os xestores do territorio nin os prodixiosos encoros que convertían a auga pública galega en electricidade para a Meseta. Aquela foi a primeira navallada. A maldita casualidade fai que, ao tempo que no Val do Salas se inauguraba o primeiro grande encoro, a "Terra da Chispa" rozaba o medio millón de habitantes*, emprendendo desde entón un descenso poboacional suicida que provocou a perda de máis dun tercio da súa poboación até converterse na actual Ourensanía, a provincia onde a auga ten o prezo do ouro, con un censo lixeiramente por enriba dos 300.000**, a media de idade máis alta do Estado e un río - o Minho- cuxa vacía soporta o maior número de estruturas de captación de auga por metro cadrado en toda Europa.

A segunda navallada tivo lugar coa privatización da empresa que dispuxo case de balde dos recursos galegos até finais do século XX (en consonancia coa privatización de todo o sector eléctrico en Espanha) poucos anos despois de que o domicilio fiscal da eléctrica galega fora trasladado para Madrid sen que ninguén dera umha explicación coherente ao respecto. O tempo confirmou o que xa moitos presaxiaban naquel entón: a desnacionalización do sector, lonxe de beneficiar ao consumidor, favoreceu a creación dun oligopolio que acarreou pingües beneficios a umha presa de amigos despois de termos asumido entre todos os custos das súas infraestruturas.

A especulación, a traición (fiscal e social) e as prácticas totalmente insensatas e fraudulentas dun oligopolio avarento que non alcanza a discernir entre o uso e o abuso, convertindo un gasto necesario nun luxo case inasumíbel por boa parte da poboación, conforman a terceira navallada. É asombrosa a [sabida] impunidade coa que actúan estas empresas aproveitando até a última gota dos encoros para producir umha electricidade moi barata mentres emiten as facturas máis elevadas da historia. Un abraio que medra se temos en conta as consecuencias medioambientais e ecolóxicas, alén da decisión irresponsable que consiste en privar dalgumha das principais balsas de carga ao servizo de extinción de incendios en pleno mes de agosto.

E a todo isto, que di o goberno? A deslealdade dumha companhía que esqueceu de onde ven, onde medrou e como se enriqueceu, atopa o seu parangón na Administración que escolle defender os intereses dumha empresa antes que os da soberanía constitucional emanada do pobo. Ter a 2 ex-Presidentes e a un feixe de ex-Ministros sentados nos consellos de Administración das empresas eléctricas, cobrando "por enriba das súas posibilidades" e das súas atribucións, parece ser un bo cortalumes ante calquera virus democrático que queira turrarlle das orellas á industria da enerxía.

Mais esta indecencia trascende a todos os niveis, técnicos e políticos. O presidente da Deputación de Ourense é -á súa vez- vicepresidente de Femembalses, a asociación que se autodenomina como entidade dedicada a "impulsar, coordenar e promover accións en defensa dos intereses dos municipios afectados polos encalcos". Pois ben, o baixo nivel histórico do encoro de Salas, amais dos baleirados repetidos ao longo da xeografía espanhola nas últimas semanas, non provocou nin un simple comentario por parte desta asociación ou chiringuito até o pasado 24 de agosto, día no que decidiu pendurar un [insulso] comunicado no seu web, quen sabe se provocado pola mención do Marcos Guimarey no xornal do pasado domingo. Tampouco o seu vicepresidente (que é o noso presidente) nin o seu portavoz na Deputación, que -á postre- é o alcalde do concello no que se asenta este encoro na Baixa Limia, foron capaces de emitir un chío ao respecto.

Talvez alguén estea preparando a súa xubilación ou, cando menos, non queira perder a oportunidade de gozar dumha xubilación diferente á da inmensa maioría dos ourensáns, que se negan a aceptar un futuro cheo de lume, lodo e ruinas.

Estas accións, non sei se ilegais, pero si completamente inxustas, irresponsables e desleais, non poden quedar como unha proba para testar onde temos a linha de resistencia. De ser así, virán máis e cada vez teremos menos soberanía e máis aguante para obedecer o que marque "democráticamente" a macroempresa que quede co noso territorio en propiedade. As diversas Administracións, os 3 poderes do Estado e mesmo a cidadanía ten que tomar boa nota e emprender as accións necesarias para defender a integridade e a soberanía do pobo (a de verdade, non a dos parásitos con bandeiras no pulso) e abrir o debate cara a modernización do país através da recuperación do control do sector enerxético e do noso BOE, aínda que 4 ou 5 "desocupados" tenhan que renunciar á súa xubilación dourada nun consello de administración.

En España, o 100% da electricidade da que dependemos case cada instante das nosas vidas está en mans privadas. Aínda que nada nos digan os políticos e pouco os medios de comunicación, este é un feito pouco habitual no contexto planetario, onde menos do 40% da potencia eléctrica instalada en todo o mundo está en mans completamente privadas. Mentres Alemanha recupera pouco a pouco a xestión pública das súas redes eléctricas cara un mix basado en renovables, a presenza do estado espanhol na industria quedou reducida ao 20% de Red Eléctrica (é dicir, a quinta parte dun transportista e operador do sistema, sen capacidade de produción nin decisión sobre o sector eléctrico).

Nunha sorte de predestino, co baleirado dos encalcos afloran as pantasmas, restos dun patrimonio asulagado en nome do interese xeral que ven lembrarnos o pouco que beneficiaron ao País estas intervencións e o moito que encheron e seguen enchendo os bolsos dos de sempre.

* Instituto Nacional de Estadística-INE (Ourense 1950. Pob. de feito 467.903 Pob. de dereito 494.283)

** Instituto Nacional de Estadística-INE (Ourense 2020. Pob.: 306.650)

Ningún comentario:

Publicar un comentario