23 de maio de 2021

O Manuel

 

En homenaxe aos heroes e ás heroínas que souberon soterrar
o odio e a dor en prol da paz dos seus fillos e hoxe seguen
agardando que lles deixemos exhumar os restos daquela
dor en prol da paz dos seus pais e deles mesmos.

Dicían que gostaba máis dos libros que das trenchas, aínda que estas últimas contribuíran coa exigua economía familiar máis do que os primeiros, que só lle aportaron cultura e conhecementos. Era alto, co pelo castanho, con un nariz prominente e con umhas mans tan grandes como o seu corazón. E talvez fora ese corazón o mesmo que guiaba aqueles dedos grosos para permitir que a gaita falara nas súas mans en cada festa da contorna na que participaba.

O Manuel foi canteiro, agricultor, carpinteiro e ocasionalmente zoqueiro. Aínda ocupou temporalmente a praza de axente executivo na comarca, malia talvez no seu interior podía máis o músico, o político ou calquera outro perfil que tivera a ver cos servizos á comunidade.

Aquel home, que vira morrer ao seu pai con á penas 7 anos de idade e que perdera umha filla con menos dun ano de vida, gostaba de falar. E moito. Naqueles anos, a casa acollía umha tertulia case diaria sobre política, agrarismo e outras urxencias para o concello, cuxa lembranza foi fagocitada pola represión das décadas seguintes. E cando non estaban aqueloutros senhores, cos que adoitaba un xesto serio e circunspecto, o Manuel vestíase de contador de historias para a familia. As nenas e os nenos escoitaban atentas e atentos cada conto, cada anécdota, seguro que máis cativados polo xeito de narralas que polo contido das mesmas, ao tempo que aprendían a non erguer demasiado a voz nin a discutir no fogar.

Despois daquel Golpe traidor do verán do 36, que enfrentou a vecinhos e familiares durante os 3 anos máis tráxicos do século XX, non volveu falar de política coas súas 3 fillas nin cos seus 6 fillos, nin sequera chegou a contarlles que fora concelleiro naqueles anos e república e liberdade, aínda que nunca renunciou a transmitirlles os seus valores nin o seu compromiso social. Aquela auto-coerción que el e milleiros como el se impuxeron para o resto das súas vidas, talvez foi o inicio da difícil reconciliación que aínda non fomos quen de concluír.

E se hoxe vira como se banalizan palabras e conceitos tan importantes para a convivencia e a paz social, lonxe de manifestar o natural enfado -que el sabía inútil- talvez se alegrara e fixera un sitio para recibir no paraugas da democracia e da liberdade aos herdeiros daqueles homes grises que máis dumha noite foron buscalo á casa para matalo, simplesmente por ter un xeito distinto de pensar.

O Manuel era o meu avó, ao que a vida non me permitiu conhecer. Hai uns días fixo 60 anos do seu pasamento e hai uns meses atopei esta pequena nota publicada no desaparecido xornal El Pueblo gallego; umha nova que me fixo viaxar no tempo ate aquel 8 de maio de 1961 e comprobar que cada ano que pasa creo entender mellor como era.

Grazas, avó, por tanto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario