20 de mar. de 2021

13


 

Construír capital social non vai ser fácil,
mais é a chave para facermos funcionar a democracia¹
R. Putnam

A rede do paxaro azul acaba de dicirme que fixen un enquérito ao que respostaron 50 persoas. Quen sabe, talvez con estes datos, un chisco de Dunning, outro de Kruger e un par de xeos... ben puidera converterme nun experto demoscópico de primeira linha antes de que Baltar deixe a Deputación

Lerias á parte. Tan van como efémero, o enquérito (como ben entendistes quen participastes e quen non participastes del) non era máis que un xogo satírico sobre a penúltima arroutada do alcalde dorense, decidido a sondear entre os seus amigos quen está disposto a acompanhalo na súa particular cruzada de odio.

Por descontado que os datos que poida extraer destas consultas (el ou nós) tenhen moi pouco valor demoscópico, aínda que si poidan orientalo, animalo ou refrendalo á hora de crispar, maltratar e dividir a umha cidade que se atopa xa nos límites da resiliencia.

Por outra parte, o chío respostaba ao desacougo que sinto ao ver como estamos entrando pouco a pouco no marco da monetización da Cultura. Para alén dos postos de traballo e das plusvalías que xeran as industrias culturais (que son moitos e moi proveitosos), a Cultura non pode nin debe medirse polo número de empresarios ou de proletarios que desenvolven a súa actividade laboral en calquera ámbito cultural. A cultura determina o noso comportamento dentro da sociedade, o noso xeito de medrar e desenvolvernos como comunidade. Mesmo no ámbito económico, a cultura é quen provoca que sexamos máis ou menos creativos, emprendedores ou innovadores.

Xa no ano 2001, o australiano John Hawkes situaba á Cultura como o cuarto piar do desenvolvemento sostible, cabo da dimensión social, económica e ambiental². Pero para convertila en motor do desenvolvemento da nosa comunidade, é preciso contar con umhas políticas culturais de doble sentido, que impulsen a retroalimentación cos axentes culturais e coa cidadanía, na procura do beneficio das persoas e non do interese dos gobernantes.

O marco da incultura que se nos pretende imponher, esquece con frecuencia que o obxectivo das políticas culturais non é favorecer únicamente ás industrias ou aos creadores, nin tampouco incrementar as subvencións para as asociacións de base, nin sequera pomocionar a cultura como mercancía. O patrimonio cultural, a creatividade, as artes, a herdanza, os saberes, as tradicións, a lingua, a comunicación... forman parte inseparable de nós mesmas/os como persoas e como seres culturais. É imposible renunciar a isto fóra do autoodio, do trastorno da personalidade ou dos impulsos suicidas.

A cultura, a creatividade e a innovación xogan -pois- un papel esencial para sermos competitivas/os como país, como traballadoras/es, como empresarias/os, como industrias e como goberno.

A cidade á que alguén chamou "Atenas de Galiza" non pode permitirse esnaquizar o pouco capital social que lle queda¹, nin aniquilar ao sector cultural (tan necesario para a formación, o lecer e a identidade da comunidade), nin renegar de si mesma e das tradicións que a convertiron na actual Ourense. Necesitamos como auga de maio dumha política cultural que nos saque da UCI e impulse un desenvolvemento sostíbel da cidade das nosas fillas e dos nosos fillos³.

A ausencia de cultura (a incultura) métenos nun bucle que comeza por facernos máis influenciables primeiro e máis manipulables despois, para converternos en fanáticos que temen e critican o que desconhecen, que se informan e comunican nos grupos de whatsapp ou nos muros do facebook e que acaban por odiar o que non entenden. A humillación ou a aniquilación do diferente son o obxectivo das sociedades incultas, onde se fai máis evidente o efecto Dunning-Kruger ou -por recorrer ao noso refraneiro- a ousadía da ignorancia.

Para rematar, e como umha curiosidade caprichosa, os datos que si respostan á realidade son a coincidencia do apoio electoral que tivo a candidatura do alcalde dorense e a porcentaxe da cámara municipal que representan actualmente os concelleiros do goberno: o 13%. É dicir, case 9 de cada 10 ourensáns con dereito a voto, NON confiaron en DO en maio do 2019. E nestas mesmas porcentaxes anda o apoio (a día de hoxe) na Cámara dos 27; o que non nos permite comprender como raio pode administrarse con proveito umha cidade de máis de 100.000 habitantes. O que si entendemos mellor é a dificultade de gobernar sabendo que o 87% da poboación -cando menos- pensa distinto de ti, o que identifica a moito "inimigo" ao que humillar ou aniquilar e -por ende- deixa moi pouco tempo para traballar.

1 Putnam, Robert D., (1995), Bowling Alone: America’s Declining Social Capital, na Journal of Democracy 6 V. 6 Nº 1 (pp. LXV-LXXVIII), Baltimore, Maryland, Johns Hopkins UP

2 John Hawkes, (2001), The Fourth Pillar of Sustainability: Culture's Essential Role in Public Planning, Common Ground P/L, Melbourne

3 Fazle Hasan Abed, (2013), Ningumha iniciativa de desenvolvemento pode ser sostible sen integrarse nas culturas locais, en Culture: Key to Sustainable Development, Hangzhou

Ningún comentario:

Publicar un comentario