23 de feb. de 2021

As mimosas no Entroido

Hai un par de semanas, pouco antes do santo Antón, recibín umha mensaxe dun bon amigo para dicirme que xa rachaban as mimosas na beira do Minho, sinal inequívoca de que o tempo do Entroido estaba por chegar.

Non sei ben nin como nin cando chegaron as mimosas ao noso país, aínda que si tenho lido sobre o uso da súa madeira nos caminhos de ferro e na elaboración de estacas ou zarros, facendo bon o nome co que se designa a esta leguminosa no seu lugar de procedencia.

Xa na Exposición de Agricultura de 1857, o Duque de Osuna presentaba 6 exemplares de acacia dealbata entre os centos de especies presentes na feira e, quen sabe se apartir de entón, esta especie arbustiva fixadora de terreos, deu en inzar por todo o territorio até asentarse dun xeito case dominante no noroeste peninsular, invadindo comunidades vexetais inalteradas ate o momento e converténdose numha das modificacións antropoxénicas sufridas pola masa forestal galega. Modificacións por mor das cales, acabamos de descubrir -através dun estudio publicado na revista Nature- que os galegos están entre os bosques de menor integridade ecolóxica do continente.

Contodo, fomos desenvolvendo a habilidade de introducir ás mimosas até no ciclo festivo e, portanto, na nosa oralidade. Velaquí como o acervo patrimonial vai acumulando elementos de toda índole numha sorte de conxunto poliédrico que, con distintos discursos, relatos ou visións, sempre fala de nós. Fala de nós e fala dos nosos devanceiros, pero tamén daqueles que están por vir. Fala dumha cultura viva, capaz de adaptarse aos tempos e aos hábitos sen renunciar á esencia nin a ese atavismo cultural que semella formar parte do noso código xenético. E fala tamén da capacidade de adaptación dos nosos costumes ao medio e ás condicións de cada época, sexan estas cales foran.

A pandemia da COVID-19 (talvez o acrónimo máis empregado da Historia) está a piques de provocar o que non acadaron os distintos réximes opresores dos séculos pasados. Nin a guerra incivil provocada polo golpe dos nacionalistas espanhois, nin a dictadura do xeneral Franco, nin a educacion como-dios-manda conseguiron evitar que a nosa sociedade celebrara esa conxunción de festividade pagá e relixiosa, de libertade e represión, de ritual e anarquía, que nós conhecemos como Entroido. Está tan embutida no noso ADN cultural, que pode adaptarse, mudar ou transformarse a calquera contorno que sexamos capaces de crear, introducindo micro-costumes ou pequenos elementos que han facilitar que a tradición siga sendo iso mesmo: umha tradición viva e non un elemento arqueolóxico.

Talvez por todo isto, polo respecto ás sociedades que nos precederon e que souberon adaptar a festa do inverno ás diversas condicións relixiosas, políticas ou meteorolóxicas, debemos facer un esforzo aínda maior para reinventar, só por este ano, a nosa festa máis querida. Con un plus de creatividade, con un extra de sons e con un feixe de cores que suplan as ausencias que imos ter que asumir nestas semanas previas á Coaresma. Será polo ben da comunidade, asumindo con responsabilidade o coidado de quen coidou de nós e tentando que non falte ninguén para o vindeiro entroido, polo menos que non sexa por causa da nosa imprudencia ou da nosa insensatez. E talvez -quen sabe- sexamos capaces de enriquecer aínda máis a tradición, facendo que asimile un novo ingrediente que -no vindeiro século- sexa percibido como inseparable do resto de elementos que conforman o acervo lúdico e patrimonial do noso Entroido.

 

*Publicado no espacial sobre o Entroido do xornal O Sil. 2021

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario