1 de nov. de 2020

A cidade sen Cultura

 


Onte foi 30 de outubro. Cumpríanse 100 anos desde que "pra ledicia de todos e pra enseño de moitos"*, vía a luz o primeiro número da Revista Nós. Umha revista feita cos pés na terra que veu a colocarnos por un tempo na vangarda cultural do país e do continente. Onte celebramos, pois, a efeméride da que ben poderiamos presumir todos os ourensáns, e tenho a impresión que a situación provocada pola pandemia veu a agochar as carencias que a sociedade ourensá do século XXI posúe no ámbito da cultura, da programación e mesmo da identidade. Veu tapar as miserias das administracións e institucións ourensás que enchen a papada falando da Xeración Nós, malia son totalmente incapaces -por máis recursos e dinheiro que tenhan- de organizar un programa de actos digno dun centenario destas características.

Pero no meu maxín -e salvando todas as distancias de tempos e contidos coa conmemoración citada no parágrafo anterior- o 30 de outubro garda tamén umha efeméride que lembro con moito agarimo. Hai 15 anos organizabamos umha charla en Ourense para que o amigo Rafael López Loureiro vinhese a contarnos a súa experiencia coa dinamización e posta en valor da festa do Samain na vila de Cedeira. Facíao dentro do programa do Magosto ourensán daquel 2005 que, á súa vez, atopábase dentro do programa de actos de apoio á candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués a Obra Mestra da humanidade, que a Asociación Ponte… nas ondas! promovera un par de anos antes.

A conferencia tinha lugar no pub Turco un domingo 30 e constituía, logo, a primeira acción do programa de apoio á candidatura e tamén o primeiro acto do Samaín en Ourense, véndose así convertida na primeira cidade galega que incluía esta festa no seu calendario.

Na fronte da concellaría de Cultura estaba o Pepe Araújo, quen -todo hai que dicilo- confiou e facilitou o desenho e a organización destes actos. Aquela primeira edición do Samaín celebrouse, pois, dentro da festa do Magosto, e contou coa implicación -totalmente desinteresada- de boa parte do capital social da cidade por aquel entón. Un capital social que, por certo, foise esvaíndo paseninho, abandonado e menosprezado pola institución que pagamos entre todos.

Lembro as conversas e os debates sobre o que debía ser aquela primeira edición e as subseguintes: sobre a necesidade de ter aos colexios no punto de mira, as medidas a tomar para evitar ser arrasados [o menos posíbel] polo Halloween, se existía algumha opción de evitar que se convertira nun Entroido ou mesmo as propostas e reflexións sobre o nome da festa en cuestión ocuparon boa parte do tempo previo a aquela primeira véspera de Santos (ou hallows eve)… Os puntos de vista foron variados, e talvez mereceran umha memoria pormenorizada sobre a intrahistoria da festa. No que habia máis consenso, era na presenza dumha certa ilusión xerada polo nacemento dumha nova data no calendario festivo da cidade. Umha festa que emerxía da comunidade, con éxito de participación desde o primeiro momento e con un escasísimo custo económico naquela primeira edición.

Nos anos posteriores houbo de todo. Desde quen descubriu umha oportunidade de negocio até quen atopou un altofalante para a comunicación política… Quen decidiu reinventar (a condena constante dumha cidade sen proxecto político) "o produto" sen ter en conta o traballo anterior ou quen, como este ano, decidiu non facer nada, que sempre é menos canso que traballar.

Hai uns meses, ante a inacción do concello de Ourense, e nomeadamente da área de Cultura (cuxo mantemento cústanos un par de riles cada ano), un grupo de persoas decidimos lanzar ao ar umha convocatoria virtual para non deixarmos de celebrar a festa dos Maios. A convocatoria Cantádeme un Maio foi un éxito maior aínda do agardado, o que reforza a confianza na cidade e nas súas xentes. Pero a actitude do concello naquela altura -abandonando as súas responsabilidades e as súas atribucións, sen renunciar ás súas nóminas- desacouga enormemente a quenes cremos “que temol-a evidencia de sermol-os millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal-as forzas do espritoestán connosco, de que imos trunfar por sermor nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden…”*

Hoxe é 31 de outubro. Por vez primeira nestes 15 anos, nada vai pasar en Ourense, nin presencial nin virtualmente. E nuns días será 11 de novembro... O concello que gasta cartos e presume de apostar por ser umha referencia na intelixencia artificial, semella carecer dun mínimo de intelixencia natural que crea, traballe e aposte pola cidade á que representa e o seu patrimonio.

Na nosa cidade e na cidade de Nós a 31 de outono de 2020. "A todol-os que nos lean SAÚDE E TERRA"*

* Revista NÓS. 30 de Outono de 1920. Primeiras verbas

Ningún comentario:

Publicar un comentario