11 de xul. de 2020

Agora toca aplaudir

Rematou a campanha máis insonora desde aquelas eleccións do tardofranquismo nas que se votaba, con certa discreción e sen facer moito ruido, para tentar escoller a umha parte do tercio de representantes que permitía o réxime.
No 2020, xa non hai réxime (polo menos, franquista) e xa podemos escoller ao 100% de case todas as cámaras de representación, asumindo -tamén hai que dicilo- que non imos ter a mesma información de todas as candidaturas nin sequera através dos medios de comunicación que pagamos entre todas/os.


Semella que nos están afectando os 3 meses de confinamento provocados pola COVID-19 porque, nin escoitamos demasiadas propostas nin somos quen de esixir moitas medidas que até hai 4 meses eran dumha urxencia vital. Por momentos, mesmo percibo umha mensaxe desmobilizadora, que fala da inutilidade de votar, de non meterse en política (que xa haberá quen o faga por nós) ou do bien que se vive en Galicia (quen aínda non tivo que emigrar ou pasar a pandemia numha residencia, claro)… Talvez nos recuperemos pasados uns meses e quen sabe se botaremos en falla non termos exercido o noso dereito ao voto nestas eleccións á 11ª Lexislatura galega.

No pasado confinamento -entre outras miserias- conhecimos os nomes das principais empresas coas que a Xunta de Galicia e outros gobernos do PP (sorpresa?) ten conveniada a atención ás persoas maiores no noso país. DomusVi, OrpeaIbérica (agora con Sanre, Ecoplas e a Clínica López Ibor), Amavir ou a Fundación San Rosendo son os nomes dos principais beneficiados por umha política que aposta por especular coa vellez e a atención sanitaria do mesmo xeito que décadas atrás apostou por especular coa vivenda e a construcción, abandonando ou menosprezando a quenes coidaron de nós e agardan que coidemos deles, como manda calquera código ético e moral de sentido común.

Asistimos incrédulos ao sucedido en Madrid, onde o Partido Popular comparte políticas e empresas con Galiza para a atención sanitaria e á dependencia. Alí, o Goberno da Comunidade negaba a atención sanitaria das persoas máis fráxiles da comunidade, através de escritos dirixidos ás direccións dos centros e residencias. O mesmo tridente (PP+Cs+VOX) que “se parte o peito” defendendo a vida, cando queremos regular a eutanasia ou o aborto, foi o primeiro disposto a abandonar aos nosos maiores por completo, deixando morrer sen atencións e en soidade ás persoas máis fráxiles que para a súa desgraza contraeron o CoronaVirus. Talvez umha cuestión de rendemento monetario, ao igual que ocorrera en Galiza hai 5 anos, onde a Xunta esgrimiu “razóns orzamentarias” para non pagar umha vacina, que xa existía, coa que poder evitar a morte por Hepatite C daquelas 4.000 persoas que xa non están con nós, froito daquela inaceptable decisión.

Á parte dos momentos difíciles e daqueles que por saúde mental teremos e tenderemos a esquecer, o confinamento tamén deixou na nosa lembranza un sabor a solidariedade e a ilusión. Descubrimos nestes meses o agradable desa sensación de pertenza a umha comunidade ou o pracer que produce o traballo desinteresado polo interese colectivo. Foi emocionante ver como o sector cultural volcou o seu traballo desinteresado (e moitas veces coa Administracións dándolle as costas) para seguir alimentando o espírito de toda a sociedade. Tamén foi extraordinaria a mobilización de milleiros de persoas autoorganizadas (mellor e máis rápido que moitos concellos) para ofrecer axuda de primeira necesidade ás vecinhas e vecinhos con máis apuros. Foron miles tamén as persoas que, cada día ás 8 da tarde, saíron a aplaudir ás súas xanelas en apoio dos servizos públicos, cando máis apurados vimos os recortados recursos sanitarios. Pois agora é cando de verdade toca aplaudir. Toca rendición de contas e compromisos reais nos programas dos partidos. Toca aplaudir introducindo a papeleta na urna. Toca coidar de quen coidou de nós e aillar a quen abandone aos seus maiores ou queira desfacernos como país e como comunidade.

Non deixemos que outros voten por nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario