Estamos no ano 30.000 a. de C. Entramos no Paleolítico
superior e asistimos ao dominio do homo
sapiens en Europa, amparado polo desenvolvemento de novas técnicas ou polas
primeiras artes rupestres atopadas en Lascaux e Altamira.
Imaxinemos por un momento que aqueles homínidos xa manexaran
o mesmo sistema monetario que o gran capital nos foi metendo nos miolos de xeito
impasíbel, renunciando á fortaleza e estabilidade da comunidade para abrazar a
escravitude dun sonho neoliberal disfrazado de bens materiais que nunca
posuiremos. E postos a imaxinar, pensemos que a moeda manexada hai 32.000 anos
era o Euro. Nesta tesitura, non é difícil suponher que as persoas encargadas de
decorar as covas nas actuais Dordogne ou Santillana del Mar percibían umha paga
por tal labor (ao gusto do leitor se quer seguir desenvolvendo o rol e pensar
en convocatorias, concursos públicos, prevaricacións...).
Por continuar coa leria, imaxinemos que o pintor ten un asesor
financieiro cuxa labor básicamente consiste en agochar 1 € por cada segundo transcurrido na vida do artista, tentando así contribuir o menos posíbel ao
mantemento do lume e a loxística da súa comunidade, que xa haberá de sobra quen
o faga. Cren que non tenhen por que compartir co resto da comunidade esas
chapas numeradas que tanto traballo lles custou ganhar. E chegado o caso de que
os investigaran ou os forzaran muito, pedirían a entrada noutro clan que
respectara máis os “dereitos do individuo”.
Así iría pasando a vida do noso amigo até o día do seu
pasamento, momento no que (con umha esperanza de vida de 60 anos e unha vida
laboral de 30) tería defraudado á comunidade 946.080.000 €. Aquilo debeulle
provocar umha suba nos niveis de avariciosa, convertíndoo no primeiro dumha
saga que aprendeu a roubar 1 € por segundo e que continuou até os nosos días.
Hoxe, umhas 1.500 xeracións depois daquel homínido evasor, a saga familiar leva
“aforrado” arredor dun billón de Euros por defraudar ao conxunto das sociedades nas/das que foron vivindo.
Agora deixemos de imaxinar. Voltemos á realidade. Esa cifra
– 1 billón de Euros- é a cantidade que a Comisión Europea reconhece alcanza a evasión e a elusión fiscal no territorio UE28... cada ano. A cifra, que pode
conter todos os calificativos que se nos ocurran (inconmensurable , infame,
inmoral, criminal...) permítenos facer paralelismos cos números que non deberan
deixarnos impasibles:
1.- Para xuntar esta cantidade , tardaríamos 32.000 anos, a un
ritmo de 24.000 € ao día.
2.- Na vida da minha filla de 4 anos e uns meses lévanse
defraudado na Unión Europea 546.393.600.
3.- Ou aínda outra. A maior parte dos evasores son grandes
corporacións multinacionais e/ou financieiras. Se só contribuiran co 25% (como
facemos os pobres) ás arcas dos seus propios Estados, teriamos un “extra” anual de 250.000.000.000 € na UE28, o
que nos daría –por exemplo- para cubrir as 3/4 partes do total da díbida "inabarcábel" de Grecia ou cubrir as 14 pagas anuais de 27.254.492
persoas percibindo o salario mínimo interprofesional de España.
E muitas outras contas (todas elas rozando a inmoralidade) que se
nos poden ocorrer empregando esas cifras. É por isto que me molesta enormemente
cuando cualquer salvapatrias de pouca monta tenta vendernos fume ao ritmo de
discursos insultantemente falaces sobre a economía, a inflación, as primas de
risco ou o nível de vida por riba das posibilidades de non sei quen. Ía sendo
hora de mandar para a súa casa a estes parásitos institucionais e ver se son
capaces de producir ou xerar algún tipo de riqueza sen depender de soldos
xenerosos, contratos ilícitos ou sobres en B que –á postre- saen dos petos de
toda a cidadanía.
Realmente, o preocupante e se a maior parte da sociedade é consciente, e no caso de selo..... Quere cambialo......��
ResponderEliminarAí levas razón, amigo Carlos... Aínda que, pensando que a inmensa maioría das operacións son efectuadas por mui poucas mans, ten sentido crer que a maioría social debería querer mudalo, aínda que só fora por non sufrir agravio comparativo a respeito da fiscalidade. Cousa á parte é a desidia á hora de esixirlle medidas aos nosos representantes, claro...
ResponderEliminar