No acervo de elementos que enche o meu maxín hai un pequeno
espazo para aquel slogan de finais dos ’80 que –polo menos a umha parte da
mocidade- nos devolvía un orgullo de seu para coa cidade e cos seus festexos. O
león dos Enríquez deixaba a espada e abandonaba o escudo para mergullarse de
incógnito nas festas e asistir aos concertos de distintas agrupacións musicais
que até aquel entón só podiamos ver na televisión.
Co paso dos anos (e das festas) a minha percepción da
xestión dos espazos de lecer foi madurando, entendendo e asimilando o contido
lúdico e cultural das festas, máis tamén a importancia antropolóxica e
económica. Todo isto, claro está, a desenvolver e ponher en valor desde a linha
política escollida polo governo municipal de turno, que é quen representa o
sentir da cidadanía ourensá.
Non me excita demasiado a santificación do pasado; entre
outras cousas porque son máis da opinión de que cualquer tempo pasado sempre será
pior que o que está por vir; interésame máis traballar pola vida da minha filla
que sentir morrinha da minha infancia. Emporiso, sinto un grande desacougo que
vai medrando dun ano para o outro. Non sei se é polo rosmón que me está
volvendo a idade, pero a percepción que tenho é de que as festas ilusionan menos
cada ano que pasa... mesmo me atrevería a dicer que molestan máis ao conxunto dos
cidadáns.
Este ano observo con certa perplexidade (hai que reconhecer
que non inesperada) a anulación do mercado medieval (un experimento máis dos
últimos anos, que semella axinha pasará á Historia) e a cancelación do espazo
habitual dos feirantes. Circunstancias estas que sumadas ao conxunto de
actividades que conforman o programa festivo falan dumha programación [ancorada
no século XX] que non soubo evolucionar conforme aos tempos e ás demandas da
cidadanía.
Renunciar ás atraccións dos feirantes ten un punto de disparatado. Para alén da propia actividade que por si suponhen as barracas, desistir de obter ingresos por este conceito e substituilo por umha nova partida de gastos no conxunto das festas non deixa de ser –cando menos- sorprendente. Aínda que –tamén é certo- este comportamento ten un aquel común no ADN galaico, que renuncia a aproveitar o monte producindo riqueza para crear un novo sector económico [con data de caducidade] baseado na súa queima e destrucción. A sensación de ridículo medra en tanto imos vendo como van desaparecendo actividades creadas e desenvolvidas anos atrás, xerando a sensación de que o programa festivo non foi desenhado en base a ningún criterio nin a ningumha reflexión amparada nas linhas políticas que poidan emanar dun proxecto de cidade concreto.
O desacougo vese incrementado cuando constatamos como o
Concello é quen de crear normas autolesivas que dificultan e/ou imposibilitan diversas
accións que xa tinhan o seu lugar no calendario festivo e cultural da cidade. A
recente esixencia da contratación dun plano de evacuación e prevención de
riscos para todas as festas parroquiais do municipio -que ven a significar un
importante gasto extra para as comisións de festas (as máis das veces
xestionadas por persoas coa maior das vontades, pero con escasos recursos)- veu
provocar xa neste ano a desaparición de diversas festas desta índole no termo
municipal. Estes festexos, convertidos hogano nos eixos do escaso capital
social que queda neste concello, ven deste xeito como é o propio concello quen
propicia a volatilización dun dos núcleos fundamentais da organización social,
“que facilita a coordenación e a cooperación para un beneficio mutuo [...]
permitindo reconciliar interese individual e interese xeral” (Putnam, 1995) da
cidade e dos seus habitantes.
Hai uns anos, numha das escasas reunións do [estéril]
Consello Municipal de Cultura, quen aquí suscribe chegou a proponher a Avenida
da Ribeira Sacra como espazo feiral, para a instalación das atraccións e dos
feirantes: por ser un espazo céntrico (no actual termo municipal), por xerar
menos molestias vecinhais ca outros espazos e por constituir un dos espazos nos
que se levan a cabo cada ano 3 das intervencións máis populares da cidade (os lanzamentos
de foguetes das propias festas de Ourense e da Ponte). A resposta naquela
altura da persoa responsábel da concellaría de Cultura e Festas foi que a
titularidade deste vial era do Ministerio de Fomento, por constituir o tramo
urbano da N-120, o que non fixo máis que facilitarme umha nova resposta en forma
de pergunta: ao atoparse esta vía dentro do rueiro da cidade, como é que aínda
non se solicitou a recepción da mesma? E aquí seguimos. Os anos pasaron e a
situación segue sendo a mesma, con umha actividade cotiá a ritmo de culebrón,
que fai que os anos pasen sen que mude práticamente nada, e umhas festas que
máis semellan umha dor de cabeza anual que o principal programa festivo da
cidade.
A evolución das festas de Ourense non deixa de ser
preocupante. Cicais deberiamos deixar de preocuparnos e comezar a ocuparnos por
desenhar e crear umhas festas que sintamos nosas e que axuden a proxectar
orgullo de cidade. E se, ademáis, poden aportar algo á maltreita economía
ourensá e a mellorar a imaxe da mesma... pois mellor, oiga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario