28 de maio de 2015

Ourense falou, saberemos escoitar?


Ourense tamén votou en clave de primarias, arrastrada pola forte influencia do resto do Estado e pensando nas Xerais. Se atendemos aos números globais, o eleitorado dun censo minguado pola situación de precariedade laboral que vive a cidade non sentiu a mesma motivación que hai 4 anos para achegarse ás urnas e podemos comprobar como a participación se viu reducida en cuase 5.000 votos ou o 4% ao respecto daquel 2011.


Nun primeiro repaso polo conxunto do Estado é de salientar que nos ámbitos urbáns, nomeadamente nos que se configurou umha alternativa municipalista que xenerou ilusión, viuse incrementada a participación e reducido o número de votos nulos ou en branco. Chaman a atención especialmente os casos de Barcelona (86.155 papeletas máis, o 4,64%) ou Cádiz (+8,38%). Pola contra, aquelas cidades onde non existiu alternativa de unidade popular ou esta non conseguiu conectar co eleitorado como era de agardar, viron como se incrementaba o número de eleitores que escollían ficar na casa.


Se atendemos ás eleccións autonómicas, tamén podemos comprobar o incremento de participación e os votos a candidaturas. A leitura é a mesma: viuse incrementado o número e a porcentaxe de votos en todas as comunidades que celebraron comicios, agás na Rexión de Murcia (-1,22%) e na Rioxa (+1,45%), nesta última debido á merma de poboación, pois si recolleu umha maior porcentaxe de sufraxios a respecto do seu censo. É Podemos a razón que pode xustificar esta circuntancia? Cual idea que sai pola xanela, como o título do blog, aventuraríame a dicer que así é; o partido de Pablo Iglesias convertiríase na razón dumha maior participación naqueles lugares que concorre ás eleccións ou apoia a determinadas candidaturas. Aínda que, claro está, isto non deixa de ser umha idea peregrina sen ningumha validez científica.

Centrándonos na cidade de Ourense, dicer que o PP sufriu un importante revés –aínda que pequeno en comparanza con outros lugares do país e do Estado- que amparado polo descalabro dos socialistas sitúan a Xesús Vázquez como o principal candidato á alcaldía da terceira cidade de Galiza. Aínda que nun principio poida parecer que non vai ser doado un governo amparado por tan só 10 concelleiros, tan lonxe da maioría absoluta, a animadversión do grupo socialista (máis aínda de Barquero, quen presumiblemente vai ser o seu portavoz) contra o líder de DO e a súa política de bloqueo e crispación praticada nos últimos 4 anos, fai pensar en que o grupo municipal do PSOE poida chegar a ser o aliado dos populares en cuestións de primeira orde, como os orzamentos ou o urbanismo. Haberá que estar pendentes do que ocorra coa aprobación dun máis que necesario PXOM, que cicais se convirta en moeda de troco xunto a outras cuestións máis de índole laboral.


Seguindo con umha primeira leitura, semella que DO foi quen de acadar o apoio de indignados e desencantados coa política, acumulando votos sen umha clara definición ideolóxica daqueles eleitores que non querían votar aos partidos tradicionais. Pero se afondamos un pouco, podemos observar que a suma de votos que perden PSOE e PP, menos a cifra de eleitores que decidiron ficar na casa, suma 12.792, un número de sufraxios que se reparten entre as forzas emerxentes, mais que se van nomeadamente a DO, que capitaliza este descontento (+8.922). Por outra parte, a suma de votos acadado por EU e PUM+J no 2011 máis os votos que se deixa no caminho o BNG soman 5.349, cuase a cifra exacta dos apoios acadados por OUeC (5.478). Aquí o perfil ideolóxico indícanos que a boa lóxica levaríanos a repartir estes votos con AINA e CxG, que suman nestas eleccións 2.842.


Por adicarlle umhas linhas a cada umha das candidaturas máis votadas, habédesme permitir que siga escribindo un chisco máis


PP. Desde o ano 1991 non tinhan os populares umha representación tan baixa na cámara municipal. Porén, a ausencia dumha forza que aglutine o voto pola esquerda vai provocar que poida governar en minoría, se non se dan pactos que en boa lóxica deberan pasar pola dimisión dalgúns actores en diversas forzas.

PSOE. Xunto ao BNG sufriu o maior revés que mesmo eles podían imaxinar. 8 anos de governo cheos de imputados, alcaldías e tenencias ou orzamentos prorrogados pasáronlles fatura aos 2 partidos que sustentaron o governo municipal. No caso do PSOE volta aos números do ano 2003, malia as piores novas son que custa percibir umha remontada no futuro próximo

DO. Ao non existir umha lista de unidade popular que capitalizara o voto do eleitorado indignado, e despois dos atrancos sufridos pola experiencia de OUeC e da caída da candidatura de Ciudadanos na capital, o partido de Jácome acadou monopolizar boa parte destes sufraxios.

OUeC. A experiencia municipalista na cidade sufriu de diversos atrancos, algúns probablemente froito da inexperiencia ou da improvisación e outros –ao meu ver- de erros estratéxicos no proceso de formación da candidatura. As boas intencións, que non se lle poden negar a un grupo de xente que traballou arreo e coa mellor das vontades, non abondaron para encabezar umha alternativa de governo que agora si se confirma como posíbel. Só a suma de votos de AINA e CxG (2.842), dentro de OUeC durante boa parte do proceso, elevaría a 8.320 os sufraxios recibidos por esta candidatura, aos que –de seguro- habería que engadir outro bon feixe de votos que se perderon polo caminho entre as tensións internas percibidas pola cidadanía. Umha última reflexión sobre as candidaturas municipalistas no conxunto do Estado é que acadaron mellor resultado aquelas que se conformaron de entrada arredor dun candidato.

BNG. Na cidade sofre a desaparición progresiva que se confirma no resto do país, ademáis da desafección crecente entre o seu eleitorado municipal nestes últimos anos, nomeadamente na experiencia de governo. Estas circunstancias provocaron que o BNG deixe a institución municipal despois de acadar actas de concelleiro ao longo dos últimos 24 anos

A cidade falou, como gostan de dicer os analistas políticos. Cousa á parte é se os partidos saberán escoitar o que quixo dicer e non se perderán en discursos baleiros e interesados para xustificar a cadeira dentro da súa estrutura política.



Ningún comentario:

Publicar un comentario