25 de maio de 2015

#OídoCocina


Entre o rescate aos bancos imposto polo BCE que Rajoy nos quixo vender como umha vitoria persoal e a sentencia de que “España es una gran nación y los españoles muy españoles y mucho españoles” tivemos que sufrir ducias de discursos baleiros e puerís que mesmo humillaban á nosa intelixencia e amosaban un forte desconhecimento da realidade que se vive no conxunto do Estado.
Hoxe, á penas 4 anos despois de que o PP acadara a maior victoria eleitoral da historia, o partido da gaivota sofre un dos maiores reveses, perdendo toda opción de revalidar governo [nas actuais circunstancias] nas Cortes e na maior parte do territorio. Aos populares acompáñaos un partido en perigo de descomposición que aínda non se deu por aludido, aínda que siga lonxe de recuperar a súa base eleitoral. O chamado bipartidismo en Espanha (que supostamente representa a 2 xeitos de entender a política) acada un pírrico 52,07 % de apoio eleitoral, o que pon en perigo mesmo un pacto [antinatural] entre as 2 forzas que se repartiron os governos do Estado desde a morte do dictador.

O sábado tocou facer umha análise previa das eleccións, así que hoxe vai logo umha breve leitura (con perdón) do que ocorreu na xornada de onte:

 
PP. Numha estrutura desideoloxizada, o único leit-motiv é o Poder, e no momento en que se perde, automáticamente medra o sector crítico dentro da mesma. Está por ver como se vai xestionar desde Génova esta circunstancia; semella pouco do gusto e do estilo de Rajoy convocar un congreso extraordinario antes das xerais para escoller novo candidato, aínda que as voces críticas van medrar día a día dentro do partido. Os populares perderon cuase todo os governos nas prazas grandes despois de deixar polo caminho o apoio de cuase 2 millóns e medio de votantes, con respeito das municipais do 2011.

PSOE. A estrutura que cre que non pode desaparecer simplesmente polo feito de ser centenaria. Para alén dos erros (e mui graves, ás veces) cometidos ao longo dos seus 136 anos de historia, os socialistas van afrontar as xerais sendo a 3ª forza en muitas prazas. A falla dun candidato claro e convincente ou a deriva dos discursos e das actuacións políticas nos últimos anos, van pasando fatura por parte dun eleitorado renovado e sen compromiso de fidelidade co partido da rosa. Por ver está se van asimilar a mensaxe do eleitorado -que non queren acabar de entender- e comezar a construir o novo espazo de diálogo na centralidade do taboleiro xunto a outras forzas e sensibilidades que están chegando ao mapa político.

Podemos. Todo parece indicar que estaban errados os que vendían a pel do lobo antes de cazalo. Semella que a marcha de Monedero das responsabilidades da estrutura e o apoio (explícito ou implícito) ás candidaturas municipalistas reforzaron a aposta eleitoral polo partido dos circos. Resulta complicado extrapolar os votos obtidos por esta opción, do mesmo xeito que os acadados por outras forzas como IU ou ANOVA. O 1.800.000 votos acadados nas distintas eleccións autonómicas (á parte de Andalucía e as nacionalidades históricas) pode dar umha idea á baixa dos números nos que se pode mover esta forza de cara ás xerais. O que si parece claro é que o futuro pasa por seguir explorando este tipo de alianzas e ir vendo o que ocorre nos decisivos meses que se aproximan, noemadamente coa estratexia de comunicación, tan ben desenhada polo equipo de Iglesias.

Ciudadanos. Entra en cuase todas as comunidades (agás Navarra, Castela-A Mancha e Canarias) e convértese numha alternativa máis polo centro-direita, aínda con posibilidades de medre se se executa a fusión/absorción de UPyD, e quen sabe se algumha fusión máis. Aínda así, os resultados falan dumhas porcentaxes mui lonxanas das previsións que lle daban algúns enquéritos, cicais polos movimentos nas últimas semanas entre uns candidatos de orixe incerta ou a preferencia do eleitorado de votar “ao orixinal” . Só por ponher un exemplo, o partido de Rivera superou en só 400.000 votos a IU e á penas 1 millón a ERC (estes últimos, só en Catalunya, e acadando 800 actas máis de concelleiro ca o partido laranxa). Semella que desta non imos ver a Rivera como candidato á Moncloa da principal forza do centro-direita.

IU. O primeiro partido "tradicional" que asumiu a rexeneración no seu seo, renovando persoas, discursos e consellos inteiros, para alén de participar abertamente en candidaturas de unidade popular. Parece que non sufriu tan grande revés como lle vinhan pronosticando a maior parte das enquisas. Nos resultados oficias perde -con respeito a 2011- 380.000 votos, aínda que habería que engadir umha parte proporcional do acadado polas candidaturas municipalistas, nas que mesmo pode acadar lgumha alcaldía (como a de Ferrol).

BNG. Desde o ano 2003, a forza frentista ven deixando de conectar co eleitorado elección tras elección, malia as análises internas sempre achacaron esta circunstancia –umha e outra vez- a elementos externos ou conspiracións contra do nacionalismo galego. A Asemblea de Amio no 2012 desencadeaba a ruptura máis grande do partido, provocando o nacimento de 2 novas forzas no panorama político galego (ANOVA e CxG). Será desta que se dean conta que levan 12 anos perdendo escanos, votos e porcentaxes ou seguirán co vitimismo? O nacionalismo galego precisa máis definición ideolóxica e un novo espazo de encontro. O mapa político do país precisa del.


A modo de feche, un par de cuestións concretas que me chamaron a atención no panorama estatal.

Desafección polos partidos. Manuela Carmena e Ada Colau eríxense no símbolo (en feminino) dun novo xeito de facer política. Por primeira vez na historia, as 2 cidades máis grandes do Estado van ter umha alcaldesa que non pertence a ningún dos grandes partidos. Aínda máis, a direita (a espanhola e a catalá) perde as 5 cidades máis grandes do Estado e só numha delas (Sevilla) o candidato que pode optar á alcaldía e do PSOE. Está por ver como resultará a experiencia, mais a ilusión e o compromiso político xenerado na cidadanía xa pagou a pena.

Castela A Mancha. Aínda mudando as normas do xogo e a baralla… Cospedal non consegue revalidar a súa maioría na comunidade manchega. Ás veces, aínda adaptando as normas a beneficio propio, o eleitorado pode darche umha sorpresa en forma de chasco.

Candidaturas nacionalistas. EH-Bildu perdeu o concello de Donostia e CiU o de Barcelona, pero nos números xerais, as forzas nacionalistas de Catalunya e Euskadi viron incrementado o apoio do eleitorado.

Resultados en Catalunya. Un resultado terco e persistente que o nacionalismo espanhol segue sen querer ver fálanos dumha maioría social en Catalunya que quer opinar sobre a súa relación co Estado.

Xàtiva. Parece que nesta ocasión, a corrupción si xogou un papel importante. Rus, un dos últimos casos casposos de corrupción, non vai poder demostrar as súas cualidades para contar en unidades de millar, nin votos ni noutra cousa, pois sufriu un serio batacazo, pasando de 7.333 votos (o 46,19% e maioría absoluta) a 3.550 (21,95% e 3ª forza no concello).

E manhá, o punto de vista sobre o que pasou na vella Auria.


Ningún comentario:

Publicar un comentario