Despois dalgúns meses sen atender a bitácora, decídome a retomar o contacto para dar continuidade a umha entrada sobre a xestión do deporte e da actividade física por parte das administracións públicas.
Nos últimos tempos venho observando con preocupación o caminho incipiente da privatización dos espazos públicos e da prohibición do seu uso para xogos infantís. Xa chegará o tempo de contratar á mesma empresa concesionaria para que organice un congreso no que se analice por que os nenos de hoxe en día non xogan na rúa ao igual que as pasadas xeracións... mesmo pagaremos umha consultoría para diagnosticar os motivos da desaparición progresiva dos nenos nas rúas. Esta circunstancia desnaturalizadora e deshumanizante preocúpame e moléstame en demasía, e máis aínda porque semella caminhar cabo da evolución social e do desenvolvemento mal entendido.
Ás veces parece que non acabamos de asimilar que nós mesmos fomos nenos, así como os nenos de hoxe serán adultos e do mesmo xeito que nós desapareceremos (a maior parte) sen deixar máis pegada na Historia do que umha partícula de pó cósmico na atmosfera terrestre.
Queixámonos da escasa capacidade de socialización dos nosos nenos, da súa dependencia da DS, da PSP ou doutras plataformas audiovisuais e dixitais. E facémolo mentres non lles permitimos baixar á rúa (polos perigos que acarrea) nin xogar coa terra (porque se manchan e poden metela na boca). Os xogos de sempre que, facendo boa á Historia, seguen a ser moi atractivos para os máis pequenos aínda que moitos pais se resistan a asumilo, fican reducidos a un espazo escolar, museístico ou propagandístico. Os pais e avós do futuro só terán a posibilidade de aprender a rodar un aro ou lanzar un trompo nos 15 minutos que lle toque o monitor de turno na actividade programada por algumha institución. Ao rematar a actividade, acabouse. Saen ás rúas (onde non poden xogar), pasan por diante de locais sociais e centros cívicos (onde non poden facer ruido) e chegan á casa (onde os seus pais aínda non voltaron do traballo e se o fixeron non tenhen azos para enredar con eles). É máis cómodo [onde vai parar!] acender a televisión e deixar que lles vaia entrando pola vea, paseninho, toda a información que a sociedade considera que precisan os seus novos membros para non seren "antisociais".
Asemade, empregamos os nenos como atrezzo fotográfico para acompanhar aos políticos de turno na inauguración ou presentación dun programa cualquer. Para isto si serven. É habitual mobilizar desde o concello aos centros de ensino da cidade para que acheguen até a praza maior a algúns centos de escolares aos que agasallar con algumha cousa menor mentres acompanhan –ilusionados e de verdade, que na infancia todo é sinceiro- ao político que non consegue trascendencia doutro xeito. Esta estampa convértese na imaxe do absurbo cando -de tarde- eses mesmos nenos son reganhados por quereren desenvolver os mesmos xogos e actividades no mesmo espazo matutino.
Noutra tesitura atópase a concesión do complexo deportivo d’As Eiroás, onde os pequenos do barrio e arredores van deixar de gozar dun espazo de xogo históricamente abandonado pola Administración para observar umhas estruturas ben desenhadas e ben dotadas que ocupan a totalidade do terreo e ás que non poderán acceder de non ser pagando ou pertencendo a algún clube deportivo, o que enraíza con ese costume enfermizo de querer deixar nas mans de federacións e clubes deportivos os desenhos das políticas e estratexias da educación física da sociedade. Umha prática que semella tan pervertida como sería deixar as políticas sanitarias nas mans das farmacéuticas, a xestión das bibliotecas nas mans das editoriais, as políticas de vivenda nas mans das inmobiliarias ou a xestión cultural nas mans das distribuidoras artísticas (ups!).
As Administracións tenhen que facilitar e promover a actividade física entre a cidadanía como fonte de saúde e benestar. Garantir espazos libres e/ou dotacionais para o xogo e o exercicio, e non cargar no erario público a actividade deportiva derivada do espectáculo e da actividade económica dos deportistas profesionais e das empresas do deporte. Teremos que ver se de verdade nos interesa que os espellos nos que se miren os nosos fillos sexan aqueles deportistas que sitúan a súa residencia fóra de Espanha (aínda que compitan baixo a súa bandeira) coa única intención de evadir impostos, aqueles que cobran as primas por ganhar mundiais en paraísos fiscais, aqueles que desde moi cedo aprenden que infrinxir as reglas de xogo non é mao se non se inteira o xuiz ou aqueles que anteponhen o rendemento deportivo á saúde ou ao desenvolvemento persoal. Os ídolos que escollamos para os nosos fillos han ser os faros que alumeen as vidas dos responsables da sociedade do futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario