Nestes últimos meses tenho reparado no raudas que avanzan as obras de construcción da infraestrutura deportiva d’As Eiroás, amais da publicidade que xa se comezou a facer destas instalacións por parte da empresa concesionaria e da visita ás mesmas pola parte dos próceres da nosa cidade. É por isto que quero adicarlle un par de entradas ao tema, centrándome nesta primeira en umha relación do histórico dos acontecementos.
Cando no 2003 a dotación que nos ocupa ficara reflexada no Plan de Ordenación da cidade, quen aqui escribe participaba do movemento vecinhal da zona, conhecendo ben polo miúdo o proxecto en si, e mesmo participando na redacción de distintas propostas sobre o particular.
Naquela altura o planeamento definitivo contemplaba un espazo dotacional que comprendía un centro de saúde, un estadio multideportivo, un pavillón cuberto e umha piscina, deixando umha praza aberta e diáfana propiciada pola orografía do terreo; e isto -máis ou menos- foi o que contemplaba o primeiro anuncio de construcción, feito polo goberno local a conta dos orzamentos autonómicos e dun plano que dicía chamarse “Ourense cara o novo milenio” (moito fume, nunca se chegou a orzamentar un can para este fin). Desde aquela, os continuos trocos no goberno do concello e da Xunta, supuxeron continuos atrancos no desenvolvemento do proxecto.
Foron múltiples as xuntanzas que mantivemos con representantes políticos e gubernamentais de distinta cor ao longo de 5 anos e foron moitos (e moi singulares) os compromisos incumpridos por parte de todos eles:
Entre 2003 e 2004, co PP no goberno da Xunta, mesmo chegaran a presentar aos catro ventos no barrio o Ourense cara o novo milenio, con infografías e montaxes varias de como ficaría o espazo. Nunca tal vimos nin sequera orzamentado.
Posteriormente –no ano 2005- chegou á Xunta un goberno sustentado polo PSOE e o BNG. Nesta ocasión, o Xefe provincial de deportes comprometeuse en varias ocasións (no barrio e no seu propio despacho) a levar adiante a construcción das infraestruturas deportivas dentro dun Plano plurianual que comezaría a levarse a cabo no seguinte exercicio.
Finalmente, nin os uns nin os outros foron quen de cumprir con ningún dos compromisos. Os cuartos comezaron a escasear e a pelota caiu no tellado do concello (desaparecido todo este tempo e asubiando cara arriba, por non poder asumir o custo das infraestruturas). Así as cousas, no ano 2007, mantinhamos reunión co –naquela altura- tenente de alcalde para darlle a conhecer as nosas inquedanzas e reivindicacións. E bon, a verdade é que nos chegou a presentar umha proposta que -aínda que non nos convenceu demasiado- finalmente foi a que está a piques de ver a luz.
O mao desta proposta é que se trataba de outorgar a concesión a mans privadas da xestión de dous dos espazos dotacionais máis grandes da cidade (Oira e as As Eiroás) en contraprestación por asumir un parcial no custo das obras. Para outra ocasión deixo o comentario sobre o grande número de concesións que está asumindo a empresa FCC e as súas filiais (si, a das Koplovitz) na nosa cidade.
A Sabrigueira, aquel espazo mal acondicionado onde nenas e nenos podían ir brincar cando quixeran, con serio perigo de mancarse nos xeonllos vai ficar perfectamente urbanizado. Con un bon aproveitamento e con umha proxección estética moito mellor, iso si, mais con un pequeno matiz: agora, as nenas e os nenos que queiran xogar han ter que pagar o carné das instalacións ou a ficha federativa de algumha sociedade ou clube deportivo.
Por outra parte, e para que quede claro que sufrimos os paus de todas as bandas, o actual goberno da Xunta paralizaba en marzo do 2009 a Resolución de 12 de febreiro de 2009 da División de Recursos Económicos, pola que se anunciaba a licitación, polo trámite urxente e procedemento aberto multicriterio, para a redacción do proxecto básico e de execución para a construcción dun centro de saúde no Vinteún. AB-SER3-09-020 (publicada no DOG do 18 de febreiro - páxina 3.439).
Naquela zona da cidade estamos lonxe do que alguén dera en bautizar como milla de ouro, o espazo céntrico onde outrora asentara a pseudo-burguesía da cidade e onde se enterran os cuartos públicos facendo e desfacendo beira-rúas ou instalando e reinstalando mobiliario urbán. A xentrificación tamén chega a Ourense. E, lóxicamente, non vai ser a Rúa do Progreso (polo de agora) quen sufra as súas consecuencias. Toca agardar por uns orzamentos que non chegan e por uns políticos que pensen a escala e perciban o concello de Ourense como algo máis ca un solar na praza Maior onde empregar aos seus achegados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario