Onte facía 3 meses. E tamén 1 ano. Aínda que os tempos son abondo
difíciles, a ilusión semella que quer facerse un oco na minha vida. Por umha
parte, a Lara que –para alén de
tópicos- lle deu sentido á minha existencia e por outra, o 15-M que veu a dar un toque de atención para os que pensabamos que
cuase todo estaba perdido.
A minha falla de estudos impede que atope o cualificativo co
que definir os sentimentos que afloran en min cada manhá cuando vexo espertar á
pequena; estarricándose no seu berce como querendo reclamar o seu propio espazo
neste mundo de individualidades e overbooking,
ao tempo que acompasa estes movimentos cos xestos máis simpáticos e agarimosos,
de quen está descubrindo novas sensacións. O agasallo final do seu abrir de
ollos e o seu sorriso ao descubrirme frente a ela... iso si que me fai entender
o que realmente importa nesta vida.
Doutra banda, o cansino debate sobre se iso que demos en
chamar 15-M está esgotado, se está
manipulado, se son terroristas, se patatín, se patatán... ven a confirmarme que
realmente estamos inmersos no ansiado período de revolución, e algo si debemos
incordiar os que nunca contamos para nada. Se este movimento de concienciación non
tivera a forza que realmente posúe, non tería asumido propostas súas ningún
partido político, non se perdería 1 minuto debatindo sobre o particular nin
sobre temas até agora –cúmplicemente- evitados e tampouco se tería lexislado
específicamente para tentar frear a trascendencia na rúa e nas redes sociais
desta marea que ten a ver con umha parte da poboación muito máis grande do que
nos queren facer crer as previsións máis optimistas.
A ilusión está nas rúas, no noso contorno, e sen necesidade
de Coca-Cola.
Ningún comentario:
Publicar un comentario