Hoxe irei para a cama sen ter mui claro se os ecos que
resoan na minha cabeza sobre os recortes en Educación anunciados polo ministro Wert son produto do meu maxín ou se me
van chamar a filas para invadir Arxentina na defensa dumha empresa que ten a
maior parte dos seus domicilios fiscais nas Illas Caimán.
Vendo o programa de debate e análise da canle pública de
televisión observo, para a minha sorpresa, que as declaracións do ministro de
Educación e Cultura ocupan escasamente 2 minutos mentres o groso do programa
está centrado no “conflito” hispano-arxentino pola nacionalización de YPF e na “trastada” cometida en Botsuana
polo Xefe do Estado (presidente honorífico de WWF-Adena, por outra parte), onde foi pasar uns días pagando 37.000
euros por matar elefantes.
Deste último punto, cuase mellor non falar, resultaría
complexo crear algo máis esperpéntico ca toda a situación que está aflorando no
entorno da Casa Real.
No que atinxe á nacionalización de YPF, a verdade, si me sinto defraudado abondo.
Que o governo do meu Estado decida fechar filas para
defender a umha empresa con capital maioritariamente estranxeiro e que
ten 13 filiais en paraísos fiscais (é dicer, que non lle aporta un can ás
arcas do Estado, malia fora o propio Estado quen asumira os custes de toda a
súa infraestrutura básica e capitalización), faime sentir un chisco denostado.
Que Repsol,
privatizada na época na que nos desfixemos de todo o sector público produtivo
para deixalo nas mans dos amigos de turno, xa tivera que sufrir múltiples acusacións de irregularidades pola operación fechada no ano 1999, con Carlos Menem e J. Mª Aznar como presidentes de Arxentina e Espanha respeitivamente
e Alfonso Cortina (amigo da infancia
deste último) como presidente da companhía petroleira, provócame certo
desacougo.
Que despois de ser testigo nas últimas 2 décadas de como nos
fomos desfacendo de todas as empresas públicas que aportaban un importante
balance na xeneración de riqueza e estabilidade no conxunto do Estado [Repsol, Renfe, Telefónica, Caja Postal, Correos, Tabacalera, Endesa...], e ver como agora miramos a Italia sen entender ben por que con
maior díbida tenhen mellor crédito (outras barbaridades levaron a cabo, mais a
enerxía, en Italia, segue estando nas mans do Estado), prodúceme un sentimento
de lonxanía dos meus representantes políticos.
E que o ministro de Economía faga todas as súas declaracións
desde o estranxeiro, a Constitución fora reformada para reconhecerlle a
primacía aos mercados no destino dos fondos públicos e o presidente estea
desaparecido en máis ocasións das que o decoro o permite, motívame un profundo
malestar para con un Estado que semella á deriva cara umha intervención -aberta ou solapada- dos innombrábeis.
Para concluír, causame fondo rexeitamento o populismo sensacionalista
da presidenta arxentina e non me creo para nada as intencións de beneficiar outros
intereses que non sexan os propios ou os do contorno; mais aínda me provoca maior
desaprobación o feito de que o meu governo mobilice a varios ministros e ao
propio presidente para defender umha
empresa destas características e por outra parte considere suficiente un
comunicado de prensa para anunciar os recortes orzamentarios máis grandes da
democracia en dous direitos fundamentais como son a Sanidade e a Educación,
medidas que si son de interese xeral e si imos sufrir a maior parte da
cidadanía.
Comparto plenamente a túa reflexión.
ResponderEliminarCon toda esta chea de recortes e reformas estamos vivindo un ataque brutal contra o Estado Social e Democrático de Dereito que proclama o artigo 1.1 da Constitución Española.
Agardo que a cidadanía tome conciencia e nos rebelemos ante esta ignominia.