31 de mar. de 2012

Deus nos libre dun "xa foi"

O
-->noso insigne presidente (bon, el non, que segue sen dar moito a cara diante dos espanhois por aquilo da economía procesal) ven de apresentar os orzamentos do 2012. Os agardados orzamentos que nos ían sacar da crise e devolverlle ao noso Estado a confianza dos mercados; os mesmos cos que se fomentaría a creación de emprego e cos que ficariamos pampos diante de tan habilidosos estrategas. A lei pola que tivemos que agardar a que pasaran as convocatorias eleitorais de Andalucía e Asturias sen que ninguén nos explicara por que en novembro todo adoecía dumha inusitada urxencia e -de súpeto- non houbo reparo en ter ao conxunto do Estado sen presupostos a cuarta parte do ano.


A fraseoloxía galega contén un dito moi acaído para as últimas (ou primeiras, depende como se mire) medidas do equipo de Rajoy: Deus nos libre dun “xa foi”. E é que, aínda que boa parte da cidadanía tinhamos serias dúbidas sobre a capacidade real deste governo para xestionar a situación actual, queriamos darlle umha oportunidade por ver cuais eran aquelas providencias tan excepcionais coas que DigoDiego prometera solventar a crise en 6 meses, naqueles días nos que a crise era culpa de ZP e do PSOE, e non como agora que seica é un problema global.

Non son momentos de moito optimismo, pois xa estabamos un chisco cabreados/defraudados coa reforma laboral, o decreto que “individualiza” as relacións laborais retrotraendo varias décadas os direitos adquiridos polos traballadores. A mesma que á parte de ser retrógada e impopular (como quedou ben claro o xoves 29), seica tampouco vai servir para crear emprego, se atendemos ás palabras da vicepresidenta e do ministro de economía. O propio De Guindos anunciou a perda de 630.000 empregos ao longo do 2012.

E con este panorama chegan os orzamentos. Uns orzamentos cicateiros, que recortan en 27.000 millóns de euros o gasto público (para despistados, umha pequena parte do beneficio que vai obter a banca espanhola co dinheiro con que os agasallamos) e que inclúe umha amnistía fiscal, que os mesmos membros deste governo tildaban de “impresentable, inxusta e antisocial” fai á penas 2 anos. Á parte do troco de opinión e da hipocrisía á que xa nos tenhen afeitos, chámame a atención a cifra que prevén ingresar por este conceito -25.000 millóns de euros-. E é que me custa crer que este “borrón e conta nova” que lle proponhen aos defraudadores fiscais sirva para que retornen a Espanha as grandes fortunas que se atopan en paraísos fiscais, e tampouco creo que vaia servir para que afloren as economías sumerxidas. Entón, para que serve? E máis, de onde sacan esa cifra de previsión? 

Ou a amnistía fiscal é un outro parche (deses que tanto lle criticamos a ZP) ou máis ben deberiamos falar dumha auto-amnistía (sería bon conhecer a listaxe das persoas que aproveiten este exercizo para branquear, a un 10%, os cuartos que lle usurparon ao conxunto do Estado).

Ningún comentario:

Publicar un comentario