Chega o Entroido. E faino rodeado de verdadeiras
entroidadas, mais non nos espazos de festa espallados ao longo do país e no
resto do Estado, non. Este ano, as entroidadas ocupan as primeiras páxinas dos
xornais, as aperturas dos noticiarios televisivos, os consellos de dirección
dos bancos e a prática totalidade das institucións, desde a Moncloa até a Generalitat
valenciana; da Casa Real aos tribunais.
Por momentos chego a prantexarme se a situación que vivimos
non será umha especie de reality ao
estilo do show de Truman ou algún tipo de concurso xaponés que premia a
quen ten máis aguante mesmo por enriba da dignidade. Ten delicto ver como Rajoy -o mesmo que tinha tanta présa en
chegar á presidencia espanhola para arranxar esta catástrofe provocada por Zapatero- leva desaparecido desde a súa
toma de posesión, disque por “economía procesal”, termo xurídico que grosso modo consiste en obter sempre o
máximo beneficio, co menor desgaste do órgao xurisdiccional (home, xa podía
comezar a desgastarse algo este senhor, que idade xa ten para traballar no seu).
Aínda que isto é pouco se o comparamos co Alberto dos Peares, quen despois de 3 anos sen
cumprir ningún dos obxectivos sociais, económicos ou laborais cos que ganhou as
eleccións en Galiza, presentarase novamente aos comicios autonómicos como o rei
do mambo para arrasar nos resultados; iso si, depois de deixar o país sumido en
umha situación económica desconhecida para todos os galegos e umha crispación
lingüistica inexistente até a chegada de Núñez
Feijóo ao governo.
A isto podemos somarlle a sentencia que “como Deus mandou”
declarou non culpables a Camps e a Costa (aínda que todo o mundo, eles incluidos, saibamos que son totalmente
culpables); a fundación sen ánimo de
lucro coa que se lucraba Urdangarín
e a súa familia (polo menos) ou a circunstancia de ver a Garzón sentado no banco dos acusados mentres os responsables de
numerosas dictaduras do mundo morren na cama sen ter sido xulgados polos crimes
cometidos;
E hai máis, muito máis: 5.000 euros que cada cidadán
espanhol puxo estes últimos 2 anos –de fondos públicos- para “salvar” á
banca, aos responsables da situación que sufrimos na actualidade; as reformas
lexislativas que miran cara atrás, ás veces mui perigosamente, circunstancia
involutiva que ocorre por primeira vez na democracia; aeroportos que se abren
con gastos mutimillonarios e mesmo con custosas campanhas publicitarias sen ter
previsto en ningún momento ser punto de saída ou chegada para ningún tráfico
aéreo; Cidades da Cultura que
consumen a totalidade dos recursos económicos e culturais afogando a propia
Cultura do país; fillos que herdan directamente dos pais cargos que seguen a
denominarse democráticos ou alcaldes que baixo a apariencia de “boa persoa”
renuncian ás súas atribucións, aínda que vexan incrementadas as súas
retribucións, demostrando escaso interese polo bon funcionamento do seu concello.
Un ano máis, os que gostamos do Entroido brincaremos coas
ilusións, coa inversión dos roles, coas fantasías... mais será á penas por uns
días, momentos concretos durante un par de semanas. O Mércores de Cinsa
quitaremos o disfraz e voltaremos a ter o aspecto habitual. E isto sería o
desexábel para todos, que deixen de nos enganar e de destruir o noso espazo
vital. Que quiten as súas carautas e se –de paso- marchan ben lonxe e nos
deixan tranquilos, pois mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario