19 de xan. de 2012

A Historia nunca é obxectiva

Hoxe deume por pensar en como se recollería o pasamento de Castelao nos medios galegos cando finaba en Buenos Aires hai pouco máis de 62 anos, a cidade que o acolleu ao ter que fuxir do golpe de Estado encabezado polo xeneral Franco, que sumiu ao estado espanhol en cuase 40 anos de atraso social e cultural con respecto do resto do continente. Casualmente, o mesmo réxime do que formou parte importante Fraga Iribarne, quen na hora da súa morte é erixido en representante máximo do galeguismo e da reivindicación da identidade galega. Tamén casualmente –ou a mellor dicer, causalmente- os “xuizes” encargados de sentenciar tais cousas sulcan o mar galego na nave do autoodio, sen seren capaces mesmo de artellar 3 frases consecutivas na língua propia da “nazón de Breogán” (Pondal dixit). Ten isto a ver máis con que todos temos direito a evolucionar e mudar de opinión ou é máis ben umha hipocrisía? Lembrando as declaracións nos últimos días de Núñez Feijóo, tanto no pasamento de Fraga como no do bon e xeneroso Isaac, inclínome máis pola segunda opción.



Non vou ser eu quen xulgue a traxectoria política de Manuel Fraga Iribarne (por suposto, menos intención tenho aínda no persoal). Non cómpren demasiados esforzos para saber da súa vehemencia, do seu carácter especialmente autoritario, das súas afeccións ao dominó ou á caza, do banho de Palomares, do Ministro de Información e Turismo, das multas contra do uso do galego, de Julián Grimau, de Enrique Ruano, do embaixador en Londres, do Ministro do Interior, da matanza de Vitoria, do que pasou en Montejurra, de Reforma Democrática, de AP, da unificación da dereita espanhola, da Presidencia da Xunta de Galiza, da creación da Cidade da Cultura, da xestión do Prestige...

Que cadaquén opine sobre os feitos conforme llo permitan as súas ideas ou a súa moral. Ao meu ver, na última etapa da súa vida tivo momentos de luces e sombras (como cualquer persoa que se adique ao público), mais a súa primeira etapa, xustificaría sobradamente -numha normalidade democrática- que se tivera retirado na transición sen facer muito ruido e nunca chegara a formar parte do novo panorama político espanhol.

Hoxe, a lembranza e a memoria vounas deixar para todas as vítimas do réxime opresor franquista.

6 comentarios:

  1. Dicir que Fraga Iribarne foi o “representante máximo do galeguismo e da reivindicación da identidade galega” demostra claramente o ridículo concepto que teñen estes “xuíces” actuais (que como ben apuntas son portadores do autoodio e do rexeitamento do galego como idioma propio do país) do que para eles significa a cultura e idiosincrasia galegas.
    Por suposto que o meu recoñecemento e gratitude é para persoas que dunha forma constante e apaixonada trataron (e tratan) de construír unha Galicia moderna e orgullosa de si mesma como é o caso do recentemente finado D. Isaac Díaz Pardo.
    Finalizo tamén cunha lembranza especial para todas as víctimas que tiveron que sufrir o réxime opresor franquista

    ResponderEliminar
  2. Eu son dos que pensa que o material con que nos fixeron ten que ser dunha aleación especial, moi especial, porque non hai rasa no mundo que poida aghuantar tanto.

    ResponderEliminar
  3. Non che falta rasón, Xosecho, será que estamos feitos de sonhos e non nos decidimos a espertar

    ResponderEliminar
  4. Eu fixen a miña particular “homenaxe” escoitando o “campanades a morts” de Lluís Llach.

    Como lin non lembro onde, a Fraga o despiden con gaitas e a Garzón o xulgan, sen comentarios..... Ou si, un comentario, que Fraga Iribarne fose elixido democraticamente presidente debera ser unha das maiores vergoñas colectivas de Galicia, pero é o que houbo e o que hai. Habería que botar unha ollada en hemerotecas, pero así de repente o único caso que lembro de democracia onde un político pertencente a unha ditadura foi elixido presidente é o de Hugo Banzer. Non conto evidentemente os simulacros electorais de determinados países.

    ResponderEliminar
  5. Pois comparte logo con nós o tema de Llach sobre os asasinatos de Vitoria-Gasteiz, con Fraga Iribarne como máximo responsábel do Ministerio de Gobernación
    http://www.youtube.com/watch?v=Dz5cVlXcgYc

    Por se hai algún despistado co que pasou en Vitoria naquel infausto 3 de marzo do 1976, imos tirar de wiki
    http://es.wikipedia.org/wiki/Sucesos_de_Vitoria

    ResponderEliminar
  6. TE INVITO A VISITAR MI BLOG Y SI TE GUSTA SOLICITAR TU VOTO EN LA CATEGORÍA TU CIUDAD, MUCHAS GRACIAS.
    http://lablogoteca.20minutos.es/recuerdo-gijon-22240/0/

    ResponderEliminar