9 de out. de 2011

De consultas e demáis

-->
Está ben acolledora a cidade vella de Ourense nestas inusuais noites quentes de outubro. A forza da pedra, a austeridade (esa sí é austeridade e non os recortes que propón algún) na arquitectura das súas rúas, as xoldas comedidas, o arrecendo a mil sabores e umha temperatura perfeita, fan que as noites ourensás se convirtan no escenario perfeito dumha velada inesquecíbel.

Hai uns días, compartindo conversa e terraza con un bon amigo, saíu a colación o debate sobre se debemos ou non permitir opinar aos pais sobre o currículo escolar, ás familias das vítimas do terrorismo sobre a política antiterrorista... A verdade, mesmo me sorprendeu un chisco a disparidade de criterios ao respeito, até o ponto de me prantexar se estarei sendo engulido por algún buraco negro que me desconecte da realidade. 

Entendo que as linhas e accións políticas a implementar nas distintas áreas dos governos deben vir desenhadas polos representantes políticos (a quen votamos e pagamos para iso), contando co asesoramento técnico e administrativo preciso (postos que tamén mantemos relixiosamente). E así imos decidindo cada 4 anos as linhas políticas que queremos desenhen os nosos espazos vitais, tentando que a maioría parlamentar reflicta o máis fielmente posíbel a maioría social, cousa que –certamente- non sempre se consegue.

Umha cousa é a democracia participativa, e outra ben distinta o populismo e a demagoxia de empregar as consultas de certos seitores para xustificar as medidas que queremos implementar sen atrevernos a prantexalas abertamente. Totalmente exemplificante foi a recente reforma da Constitución, que lle daba aínda máis poder aos mercados e que aprobaron dun plumazo sen querer escoitar opinión algumha da cidadanía.

Claro que, postos a facer demagoxia, tamén poderiamos aludir á consulta vinculante en casos tais como os construtores na redacción dos plans de urbanismo; os emigrantes nas accións da política exterior; os parados sobre a política laboral...

Non quero rematar sen traer aquí a popular cita de Henry Ford, sobre consultas vinculantes a usuarios: “Se tiver perguntado aos meus clientes o que precisaban, terían respostado que un cabalo mellor”. Pois iso, menos demagoxia e cadaquén que se adique ao seu labor.

1 comentario:

  1. Ó final consultan so as cousas das que de antemàn saben a responsta, e esa resposta, sen ningunha dúbida, soe beneficiar ós que preguntan... e así nos vai

    ResponderEliminar