19 de out. de 2011

Glamour de escaparate

Esta semana, a actualidade ourensá veu marcada –polo menos para algúns- polo desenvolvemento dumha nova edición do Festival de cinema. Non sei se é que me vou facendo maior e áspero ou o Alzheimer comeza a facerme as beiras; mais o caso é que cada ano tenho menos constancia da celebración deste evento.

A percepción que tenho –por suposto, totalmente subxectiva- é que a trascendencia caiu en picado conforme ían pasando os anos e as distintas edicións do festival, diluíndose numha prestidixitadora sorte de alfombras vermellas, glamures de alugueiro e fotos compartidas, centrando cicais demasiados esforzos nas cerimonias de inauguración e clausura e perdendo forza para desenhar as linhas estratéxicas do festival.

Reinventamos, reestruturamos, reorganizamos, recriamos.... mais o festival segue sendo o mesmo buraco no que cada ano se colan entre 60 e 100 millóns das antigas pesetas (xa non sei escribir pesetas sen colocarlle o adxetivo diante), sen acadar o reconhecemento ansiado no sector nin a trascendencia desexada na propia cidadanía.

Se viaxamos atrás no tempo até o ano 1996 -primeira edición do OFF- e facemos umha comparativa do que ten evolucionado o sector audiovisual nestes 15 anos, atopámonos con que a produción audiovisual na cidade non sufriu grandes mudanzas (agás custosos e esporádicos exemplos), a formación mesmo diminuiu e a exibición... bon, xa só existe umha empresa que xestiona a exibición cinematográfica na cidade de Ourense. Ante isto, as cuestións son evidentes: que queda do cinema na cidadanía? Que sabe do festival un vecinho d’A Carballeira ou do Val do Regueiro? Conste que non pretendo –nin de lonxe- censurar as accións culturais minoritarias; mais cando umha actividade non emana dumha demanda social importante, só ten cabida dentro dumha programación anual como elemento divulgador, formador ou estratéxico, circunstancias que –lamentablemente- non cumpre o noso OUFF.

Lamento imenso o desaproveitamento destes 16 anos. Que non se convertera na plataforma real de promoción do audiovisual galego e/ou numha referencia peninsular do cinema independente. Que non se erixise no principal promotor das producións audiovisuais na cidade e provincia. Que non tiver umha linha clara e continuada sobre a temática do festival. Que non apostara por umha programación continuada na que se crera como elemento dinamizador ao tempo que formador. Que non facilitara a formación e a distribución das nosas producións e dos novos valores...

E mentres seguimos mantendo o noso particular glamour de escaparate, a Administración local vai comezar un novo exercizo sen liquidez abondo para asumir a dívida acumulada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario