19 de set. de 2011

Arde Galiza

-->
O pasado mes de agosto, a vaga de lumes achegábase outra vez á cidade de Ourense e o lume voltaba a apoderarse do norte da cidade. É algo ao que –desgraciadamente- estamos afeitos nas últimas décadas. As condicións do incendio, os distintos focos e a gravidade do mesmo, fíxome revivir outro moi semellante que tiver lugar no mesmo lugar e na mesma semana de agosto do ano 2006. Entre a raiba e a tristura, por momentos vinha á minha memória aquel olor a alma chamuscada, o ruido ensordecedor do canil -onde cans e gatos pregoaban todo o alto que podían o seu nerviosismo- e o silencio cruel e duro que se instalaba no monte recén queimado, o silencio dun lugar onde acababa de desaparecer todo resto de vida animal e vexetal.

Os bailes de cifras sobre hectáreas queimadas, as respostas inmediatas e profesionais pola parte dos corpos de extinción de incendios e as declaracións dos políticos con distintas responsabilidades no asunto (mesmo os que aproveitan para ganhar un espazo nos medios de comunicación), non fan máis ca reafirmarme na postura de que o lume é un gravísimo problema que non vai facer outra cousa ca ir a máis. Que os incendios non se controlan até que non fique nada que arder é unha verdade só comparable á cuestión de que o lume é hoxe un dos principais sectores económicos do noso país.

Segue ardendo Galiza, como cantaba o “resentido” Antón Reixa hai dúas décadas, ou a mellor dicer, seguimos queimando Galiza. Por que? Cicais porque temos tal distorsión da realidade que cremos firmemente nos beneficios do lume, do mesmo xeito que cremos nos beneficios de cualquer língua que non sexa aquela pola cual existimos como comunidade cultural. É umha espléndida metáfora do que está ocorrendo no país: Queimamos o interior, o máis sagrado, destruindo todo signo de vida como querendo borrar da face da terra cualquer sinal de galeguidade. Mais ese é outro asunto, do que cómpre falar con máis amplitude.

Ningún comentario:

Publicar un comentario