![]() |
LA NOCHE 11-Feb-1964 ANTROIDADAS, por Lavandeira |
Hai umhas semanas, pouco despois de escoitarmos o tradicional Kölle Alaaf 1 no punto de partida do Fastnacht -o entroido máis madrugador do continente- conheciamos polos medios a negativa da Xunta de Galicia a concederlle ao entroido da cidade de Ourense o reconhecemento de interese turístico solicitado no pasado mes de marzo con umha inusitada présa provocada pola inminente convocatoria electoral.
Por máis que o entroido ourensán mereza un reconhecemento deste tipo (que non vou entrar agora nin na valoración nin na natureza do mesmo), o fastío chega máis umha vez cando descubrimos que nin sequera o concello de Ourense, a estrutura [política e administrativa] que mantemos entre toda a cidadanía con non pouco esforzo, conhece se existe este interese. E digo isto porque a día de hoxe -en pleno 2024- non temos datos de visitantes (nin intención de recollelos), non temos umha estimación obxectiva e realista do número de persoas que participan en cada Entroido, non sabemos canto interese suscita a nosa festa en buscadores web e non temos un proxecto de festa común en todo o termo municipal (nin a menor intención de crealo).
![]() |
La Región 22-Feb-1966 O Entroido en Untes |
Despois de organizar o mellor entroido da historia, precedendo á mellor cuaresma da historia, e de tirarse os mellores selfies da historia no mellor inverno e na mellor primavera da historia, o goberno municipal máis derrochador da nosa Historia (isto si é certo), decidiu procurar un reconhecemento deses que campan nos carteis, aínda que non sirvan para moito máis. Polo apresurado da solicitude e polo escaso contido do expediente, sería lóxico pensar que foi algumha ocorrencia da intelixencia artificial (da nosa, que tamén vai caminho de ser a mellor da historia). Seguro que soaba ben na súa cabeza, pero a súa inconsistencia provocou que fora esfarelándose polo caminho ante a falla dun proxecto sólido e serio, que disque é algo que molesta en demasía aos responsables municipais, quenes prefiren apostar sen dúbidas pola I+Dea recibida numha foto do whatsapp, nun video do tik-tok ou nalgún comentario de bar.
E aquí estamos, ante un novo "mellor entroido da historia", sen reconhecemento de interese turístico, con facturas pendentes de pago da edición anterior e sen sequera un proxecto de festa que faga entender á Axencia Turismo de Galicia en que consiste o entroido de Ourense e porqué merece ser declarado de interese turístico.
![]() |
La Región 15-Feb-1972 Entroido en Seixalbo |
Tradicionalmente, o concello de Ourense comeza a pensar no entroido á volta do Nadal. Polo tanto, non é até a semana do 7 de xaneiro que a capital do Entroido debuxa as linhas estratéxicas e programáticas "do mellor Entroido de Galicia e o que máis xente aglutina no Norte de España" (pudorosas declaracións provocadas talvez pola ignorancia e por teren viaxado pouco). Así as cousas, pouco máis podemos facer que depender das inercias arrastradas de anos anteriores e do traballo creativo e ilusionado dun decrecente capital social que dificilmente mantén o pulso na que debe ser a única cidade europea que renunciou a ter umha concellaría de cultura.
É un misterio comprender o porqué improvisamos as festas entre a inercia e a casualidade, aínda que xa conhezamos as datas do calendario festivo completo para os vindeiros anos. Non sei se pesará máis a nosa idiosincrasia, a tradición e os costumes ou quizais o gas radón que dorme entre as nosas pedras, aínda que tenho para min que o principal motivo ha ter máis a ver coa falla de organización na estrutura municipal que tradicionalmente careceu dun proxecto de cidade e dumha optimización das áreas e dos postos de traballo que pagamos entre todas e entre todos.
Menos mal que o entroido nunca dependeu dos gobernantes, nin sequera daqueles que non quixeron acabar con el. O entroido vístese, séntese e vívese sen necesidade de declaración de interese turístico nin do populista de turno arrogándose a organización da mellor festa da historia.
Que a graza da nosa señora da Cachucha,
o amor da bica de millo
e a comunhón do licor café
estea con todas e con todos vós.
E que o Espírito do Entroido
vos acompanhe.
Podedes ir en paz
Don Álvaro (Voda da Pita)
1 Colonia é de todas/os en idioma kolsch. En Colonia, a cidade máis poboada de Renania do Norte-Westfalia, o entroido arrinca tradicionalmente o 11 de novembro ás 11.
![]() |
Anos 60 - Grupo de mulleres de Cudeiro no Entroido das Eiroás Imaxe cedida por Marisa González |
Ningún comentario:
Publicar un comentario