29 de abr. de 2020

#NonNosCanceles

Precisamos da cultura, polo que debemos axudala a facer frente a esta conmoción.
Temos que avaliar o impacto da crise, iniciar unha reflexión conxunta e levar
a cabo iniciativas coordenadas. A UNESCO ten a plena intención de desempenhar o
seu papel neste proceso, conforme ao seu mandato.
Audrey Azoulay
Directora Xeral da UNESCO

A cidade de Nós xa non é a nosa cidade. O "N" vai retorcéndose pouco a pouco como querendo tornar nun berro de S.O.S., a cada barbaridade (no sentido grego da palabra) que escoita, a cada coitelada que sente como parte da "xeración" máis aplaudida e menos escoitada da historia local.

Escribía Florentino Cuevillas no primeiro número da Revista Nós sobre o pouco que ten “d’agradabre nacer n-unha d’estas épocas en que o mundo cambea de pruma ou de dentes…”. En Ourense débenos estar tocando mudar a pluma, os dentes e até a pel, porque as novas que chegan cada día do noso concello fan dubidar sobre a veracidade das mesmas e do bo tino de quen as propugna.


Mentres a práctica totalidade do mundo chega a un consenso sobre a necesidade de artellar accións dirixidas a impulsar o sector cultural (que se enfrenta a unha crise sen precedentes consecuencia da pandemia provocada pola COVID-19) através dunha reunión on-line convocada pola UNESCO o pasado 22 de abril con representantes políticos de máis de 130 países; o concello de Ourense sae ao paso desmarcándose deste consenso planetario e cancelando, na mesma data, toda a Cultura no termo municipal por máis de medio ano. Semella que o actual goberno municipal prefire apostar por converterse no protagonista dos programas de tele-lixo ou conseguir que Ourense sexa o referente de todas as risas e escarnios no panorama estatal polas súas medidas absurdas, extravagantes e disparatadas.

A este rumbo erradío cara a cidade da incultura (agravado aínda máis polo que representa no centenario da Xeración Nós), podemos engadir a sorpresa provocada polo feito de incumprir a práctica totalidade das medidas extraordinarias que a Rede de teatros, auditorios, circuitos e festivais de titularidade pública trasladaba o pasado 7 de abril ao Ministro de Cultura, entre as que se incluían un amplo programa de accións en ámbitos como a contratación pública, a Seguridade Social, a financiación empresarial, as subvencións públicas, os impostos ou o fomento do sector escénico e musical. E digo sorpresa porque o Auditorio Municipal (cuxo titular é o propio concello de Ourense) é socio desta Rede.

En consonancia co relatado nos puntos anteriores e cos debates e acordos existentes en medio mundo no actual período de crise sanitaria e económica, semella doado colixir na necesidade de artellar e procurar medidas para evitar, dentro do posible, a interrupción da actividade cultural durante o confinamento e nos meses inmediatamente posteriores. Lonxe disto, o actual goberno municipal, como quen reinventa o concepto kitsch dos beléns de Nadal ou anuncia a construcción de ranhaceos de 80 pisos, proclama alegremente a cancelación do acceso á cultura no curto prazo para a totalidade da cidadanía ourensá, dirixindo a nave cara o decaemento do ecosistema cultural ourensán e -en consecuencia- cara o triste buraco da incultura.

A Cruzada deste goberno municipal semella ter uns obxectivos políticos claros e teimudos, na procura de acabar co tecido cultural e máis co capital social desta cidade, eliminando -de paso- a formación dun espíritu crítico no noso concello. De non ser así, faise difícil entender como o concello de Ourense, que goza da maior disponibilidade de Tesoureiría da súa Historia ou que ten a maior disponibilidade de recursos técnicos, loxísticos e humanos (con perdón polo de recursos) de todo o territorio, sexa incapaz de manter umha mínima acción cultural, deixando todo o protagonismo ás/aos axentes culturais (tanto persoas como colectivos ou empresas) que, por iniciativa propia e cos seus cada vez máis mermados recursos, están desenvolvendo e procurando vías alternativas para garantir que a Cultura siga viva na cidade que alguén chegara a denominar “Atenas de Galiza”.

Ourense, no centenario da primeira edición da Revista Nós

Ningún comentario:

Publicar un comentario