27 de xuño de 2016

A lexislatura do Decreto

 
Desta parece que foi. Non sei ben se a visualización do vencedor eleitoral veu por méritos propios ou porque baixamos o nível nas esixencias que até o pasado 20D lle faciamos ao futuro inquilino da Moncloa. O caso é que Mariano Rajoy eríxese no claro vencedor desta convocatoria eleitoral, constituíndo a única candidatura que medra en votos, porcentaxe e escanos. Así as cousas, todo parece indicar que ficará outra temporada por Puerta de Hierro; iso si, con muitos máis apuros dos que probablemente aínda non reflexionara ninguén no PP e tirando de Decreto para poder gobernar.

Sobre o estrepitoso [e máis que curioso] ridículo que fixeron o 100% das enquisas non vou engadir nada. A estas horas hai centos de análises e opinións ao respeito para outros tantos gustos. Desde a abstención ou o medo provocado polo BREXIT até algumha teoría conspirativa, todo ten cabida no día seguinte da frustración. E digo frustración porque a necesidade de catarse ven de instalarse nas sedes de boa parte dos partidos, incluíndo á forza que acadou máis votos. Eis umha breve resenha particular sobre as 4 forzas máis votadas:

PP. Sen dúbida, o vencedor das eleccións. A volta a casa do eleitorado conservador e mesmo un trasvase importante desde o PSOE, provocaron un resultado que nin eles mesmos agardaban, como se puido comprobar no caótico discurso improvisado de Rajoy na pasada noite. Cousa á parte é como vai xestionar un governo sen maioría parlamentar. E como vai dialogar coas forzas que leva anos ignorando. Por outra parte, e malia algún “listillo” xa quixo convalidar o resultado eleitoral con umha sentencia xudicial, cómpre non esquecer os centos de imputados, procesados e condenados por corrupción que produce o aparato. Un aparato que tamén está imputado por este mesmo conceito, constituíndose no primeiro partido da democracia en ostentar tan deshonrosa distinción.

PSOE. Salva os mobles porque consegue manterse como 2ª forza. Pero faino baixando en votos e en escanos. Umha nova perda de apoios que elimina o chan eleitoral dun partido que está a piques de entrar na UVI. “Mírate los pies y desharás la rueda” ponhía Cervantes na boca de Cipión. E máis lles valería ir mirándose os pés e analizar porqué non se detén a sangría que leva 3 convocatorias eleitorais fulminando os mínimos históricos do partido. En Galiza temos o exemplo claro dumha forza que cuando entrou nesa mesma dinámica, non daba feito a procurar responsables externos... E os resultados non tenhen sido moi bons.

UP. A forza que máis perdeu. Porque foi a única que reconheceu uns maus resultados e porque a totalidade das enquisas facían albiscar que Iglesias sería o [inverosímil] novo inquilino da Moncloa. A coalición non foi quen de multiplicar, nin siquer de sumar os votos que acadaran as 2 frontes o pasado 20D, facendo boas as suspicacias de Llamazares. Toca, pois, reflexionar sobre por onde e por que se van os votos que acaban de chegar.  O desentendemento do votante de esquerdas, que leva décadas apostando por IU (calquera que sexa os resultado), pero non confía nesta nova coalición é umha posíbel leitura. Outra sería o abandono dun eleitor máis volátil que o pasado 20D escolleu umha opción que agora non ve clara. Á parte destas análises, halles vir ben umha cura de humildade, madurar cabo da cidadanía, abandonar a endogamia e ir construíndo un discurso fiable, amparado polo traballo parlamentar desta lexislatura.

CS. A direita voltou á casa. O partido laranxa igual que reparte, recolle votos de todos os lados, aínda que é maior a sangría do que a recuperación. Nesta ocasión erixiuse como o partido máis débil diante do reparto de escanos, o cual non debera ser ningumha escusa para desculpar o mau resultado acadado, perdendo apoios en número de votos, porcentaxe e escanos. No xeito no que xestione o previsíbel acordo co PP está boa parte do futuro do partido de Rivera. Un partido demasiado personalizado no seu candidato e que corre o risco de acabar como a UCD e UPyD.
  
O ELEITORADO, NÓS MESMOS. Sobre a orientación de voto de cadaquén, como é lóxico, non hai nada a dicer. O que si me ven desacougando máis cada vez é o maniqueísmo e a futbolización da política. A conversión dos líderes políticos en estrelas mediáticas que nos convidan a estar “comigo ou contra min” está provocando que non conhezamos os programas de governo nin siquer os demandemos. E mesmo esteamos dispostos a xustificar o seu incumprimento (se existiran) como se do noso equipo de fútbol se tratara. O triste é que deste comportamento non depende a consecución de ningumha Copa deportiva, senón o ensino, a sanidade e a calidade de vida dos nosos filllos.

Consulta aquí os resultados oficiais ou aquí os resultados por concellos



Ningún comentario:

Publicar un comentario