19 de dec. de 2015

Que nos trae até aquí?

 
Que a “reflexión” sexa por imperativo legal é un tema sobre o que gostaría escoitar debater a algumhas das mentes lúcidas do país. En cualquer caso, e xa que hoxe toca pensar no sentido do voto de manhá (ou no vexetal que consumiremos, emulando a un dos perfís máis visitados do twitter desde o pasado martes), deume por pensar no diferentes que son estas eleccións das celebradas hai 4 anos. Muito ten mudado o panorama, as propostas, as formas… mesmo o xeito de vestir. E varios son os motivos que poderiamos esgrimir para entender esta circunstancia, mais por ocupar o tempo nesta xornada de reflexión, atrévome a bosquexar algumhas razóns que poden axudarnos a entender que foi o que nos trouxo até aquí.

Sobre os resultados de manhá, voltaremos a escoitar máis umha vez (aquí pouco vai mudar) os discursos vencedores de todos os líderes. Na realidade, esta 12ª convocatoria eleitoral a Cortes deixará un Congreso no que vai ser difícil artellar un governo apoiado mesmo por 2 forzas, un problema en Catalunya que ameaza con enquistarse e non ter solución se non se intervén axinha ou a situación inédita de ver varias forzas nacionalistas baixo o paraugas dun partido estatal. A grande dúbida é sobre a postura que vai adoitar o PSOE se finalmente PODEMOS consolida o sorpasso ao partido da rosa.


 
Patrimonialización do público
Dumha beira están quen levan no ADN a crenza de que o governo (entendido como Poder) lles pertence, razón pola que non van perder o tempo en explicar as súas intencións nin realizar propostas de governo.

Doutra, aqueles que por medo a perder apoios entre o eleitorado se afixeron a non contar as súas propostas, mesmo a non ter un programa de governo. Son dous e están en cada un dos dous por completo*; asumindo a dualidade, a ambigüidade e o populismo como umha proposta de governo en por si.


Futbolización
O debate político abandonou definitivamente os parlamentos para instalarse nas tertulias televisivas en prime time. Para isto, o establishment creou uns novos actores en forma de political-showman que amiúdo ultrapasan o código deontolóxico do grupo de comunicación para o que traballan, defendendo posicións totalmente incendiarias e tentando alinhar ao maior número de hooligans por tras da súa verdade absoluta.

Paralelamente, temos a un Presidente agochado por tras dun plasma que, cuando decide saír, convértese –tristemente- no primeiro presidente da democracia agredido por un cidadán. Un presidente que prefire facer de comentarista futbolístico antes que participar nun debate político ou que ri e presume de anunciar medidas que empobreceron a boa parte da cidadanía. Por outra parte, non é o único especime curioso. Un continuo desfile de líderes políticos por televisión bailando, cantando, tocando algún instrumento, contando chistes ou mesmo entrando con chamadas ao vivo en programas de cotilleo substituiu á seriedade esaxerada que noutros tempos se lle esixía ás/aos representantes da soberanía do Estado.


Intereses de partido
Aínda que a Constitución do 78 di que somos un Estado democrático (dentro dese trabalínguas que lle atribúe o Artigo Primeiro), o certo é que a soberanía –que reside no pobo- só escolle representantes directamente nun dos tres poderes do Estado. E faino, ademáis, através de listas fechadas que priman a capacidade de elección dos partidos políticos por enriba da dos eleitores. E aí se acaba a participación democrática da cidadanía española, a mesma na que disque reside a soberanía.
Son os partidos os que confeccionan as candidaturas que temos que votar íntegramente. E son esas mesmas candidaturas fechadas (do partido que conforme governo) as responsables de decidir quen vai conformar o Poder Executivo e máis o Poder Xudicial.


Toma de consciencia
Vivimos entre a conspiración e a infoxicación, conceitos que dificultan a percepción dumha realidade que pouco a pouco vai mudando o noso status, convertíndonos en seres que non poden disponher nin do seu tempo nin das súas vidas. Unhas vidas entregadas ou hipotecadas a un modelo neoliberal mui afastado do desenvolvimento científico e humanista. 

Porén, a fraxilidade dumha sociedade débil diante do Poder, convértese en aguillada que estimula a reacción social en época de crise, formándose e tomando consciencia da realidade mui por enriba da “clase” política. Velaquí a espoleta que rompe definitivamente o cordón umbilical que unía ao Estado/governo paternalista coa noutrora sociedade dependente.


E aquí estamos
Nesta ocasión hai máis protagonistas. O taboleiro político vai mudar as cores e quen sabe se a centralidade, como demandaba un dos protagonistas meses atrás. Apartir de manhá, comprobaremos que nada é eterno na política. Aprenderemos que o diálogo e a negociación non é pior ca o rodillo das maiorías absolutas para governar un Estado. Chegaremos tamén –quen sabe- a desilusionarnos polas políticas (ou a falla delas) levadas a cabo por este ou aquel partido.

Pero xa non nos quitarán a ilusión nin o interese polo debate político que agromou nas acampadas do 15M. Non desprezarán as nosas esperanzas, encarnadas pola ocupación “cidadá” de múltiples governos municipais. Xa non saberán enganarnos porque aprendimos a non esquecer e sorrir, porque agora sabemos que si se pode… 

* Agustín de Hipona

Ningún comentario:

Publicar un comentario