13 de nov. de 2014

#Falacia

 
Hay un hecho innegable… que en Cataluña
hay más catalanes que independentistas M. Rajoy

Hai outro feito innegábel: en Espanha hai máis espanhois
que votantes do PP (na mesma proporción, aprox.)
traducidos en 186 deputados. Dito popular


Empregar datos falsos pode respostar ao atrevemento provocado pola ignorancia ou a un discurso falaz que procura o perxuízo doutra persoa ou grupo.
Empregar estes mesmos datos cuando se sabe obxectivamente que se está mentindo ou faltando a verdade é –a todas luces- un fraude malintencionado.
Manter o mesmo discurso cuando o tema a tratar forma parte do contorno persoal ou profisional é, ademáis, un engano con premeditación.
Se ao anterior engadimos o feito de tirar beneficio propio da falacia, cústame atopar calificativos que definan semellante mezquindade, máis aínda cuando os protagonistas son ou aspiran a seren representantes da cidadanía na labor de gobernar e administrar a sociedade na que vivimos. E esta definición serve tamén para os bandullos agradecidos que copan os platós de televisión convertidos en altofalantes dos seus amos.

Cuando o Presidente Rajoy sai a declarar sobre un dos temas máis peliagudos (por non dicer o problema gordo) que ten hoxe o reino de Espanha, esgrime umha batería de argumentos falaces e contraditorios, forzado pola mala xestión do principal problema territorial do Estado desde a II República e pola inacción que ten amosado desde que chegou á Moncloa hai agora 3 anos.
Despreza os datos de participación para tentar empregalos posteriormente no seu beneficio, pásalle a iniciativa á oposición como se dun xogo infantil se tratara e reafírmase no seu estado de pasividade como se a estupidez fora umha corrente filosófica. Contodo, isto non debera collernos por sorpresa, pois nestes 3 anos fomos vendo como se fixo realidade a posibilidade da “ruptura de España” (noutrora, ameaza reiteradamente cacarexada polo propio Rajoy), como se incrementou a díbida por enriba do 100% do PIB (malia os recortes, e máis recortes e máis recortes) ou como aumentou o desemprego até números insustentábeis (a pesar da súa promesa de comezar a arranxar todo en 15 días).

O político que non quer facer política fai ouvidos xordos aos millóns de cidadáns que se venhen manifestando de xeito continuado en Catalunya, incapaz de ofrecerlles umha alternativa política dialogada; converte en dogma a lexislación, esquezendo as súas obrigas e responsabilidades á hora de lexislar e gobernar (ergo, de facer política) e nega reiteradamente as evidencias, convencido de que umha mentira repetida até a saciedade chega a converterse en verdade.

Desde primeira hora da manhá do pasado domingo 9-N, puidemos ver através da internet (as tv estatais trataban a nova con máis reparos) colas de centos de persoas ante as mesas eleitorais facendo caso omiso das declaracións de ilegalidade, das ameazas de represalias por parte da vicepresidenta do governo ou da propaganda que os convidaba a non participar nun acto fraudulento, por non falar dos “da bandeira do polo” que andaban tentando facer das súas. Non querer ver o ambiente festivo e reivindicativo que viviu Catalunya, con máis de 2 millóns de cidadáns por enriba da lei e reclamando o protagonismo da política através dun diálogo que nos secuestraron pouco a pouco sen darnos conta, só pode entenderse desde a petulancia ou desde o rédito eleitoral que o partido do governo poida tirar desta situación no resto do Estado.

Desde a Moncloa e desde as tertulias televisivas, que xa actúan como parlamentos “de baratillo” non se está tendo en conta que o conflito en Catalunya afecta a toda a sociedade. Millóns de persoas con nomes, apelidos e vidas privadas que asisten asombrados e desamparados a un debate estéril entre un pequeno feixe de políticos e voceiros loitando por acadar maior poder nas institucións.

Os discursos represivos e ofensivos ou as medidas “castigadoras” non axudan na resolución do conflito, antes ben, acrecentan o problema. Para alén de saber se vai ser Rajoy, Mas ou Junqueras quen tire máis rédito eleitoral do proceso, o verdadeiramente grave é a fenda social que se está provocando entre espanhois e cataláns, cada vez con pior solución. Estamos afeitos a ver aos políticos insultándose pola manhá e saíndo de festa xuntos pola noite; mais á xente de a pé, cuando escollemos un discurso, cústanos máis mudar de opinión… é como se escolleramos a marxe da linha na que queremos estar e consideremos un fracaso persoal a volta atrás. Esta circunstancia vese acrecentada cuando -ademáis do discurso- asumimos umha acción, como pode ser pendurar umha bandeira na nosa xanela ou no peto da chaqueta... Cualquer ataque contra o que isto representa afonda na radicalización da nosa ideoloxía, e isto –entre outras muitas cousas- é o que lle está pasando á sociedade catalá.

Corren tempos difíciles; a definición dun modelo produtivo que xenere riqueza, a recuperación da soberanía ou un novo pacto territorial (quen sabe se un novo proceso constituínte) precisan de homes e mulleres de Estado, políticos sen díbidas contraídas que saiban xenerar o novo espazo xeográfico, sociopolítico e administrativo no que han vivir os nosos fillos. E agora mesmo… aínda non temos superado as teles de plasma nin as roldas de prensa sen perguntas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario