27 de out. de 2014

Ni un minuto más

 
Comezamos a semana almorzando con umha nova operación contra da corrupción que deixa 51 detidos, entre os que se atopan varios cargos públicos, empresarios e outros técnicos.

Non sei se se debe á desinhibición do Poder xudicial, que xa apunta sen medo aos outros poderes do Estado -como dicía esta tarde un grande amigo- ou da catarse propia dumha crise como a que estamos vivindo. O certo é que por momentos parece que chegan os tempos de mudanza tan necesarios numha sociedade farta de verse representada por títeres, mediocres e delincuentes.

Semella que os dous partidos responsables do governo no Estado desde a chegada da democracia, xogan a súa honorabilidade a umha sorte de carreira por ver quen condena antes os feitos que inculpan a algúns dos seus afiliados. Desde a “profunda vergüenza” até o “ni un minuto más” pasando polo bochornoso “unas pocas cosas no son 46 millones de españoles”, escoitamos discursos pelegríns que non fan outra cousa máis que afondar na indignación e –por suposto- na incredulidade que sente a maior parte da poboación.

Os que antonte eran exemplo de boa xestión e traballo público, hoxe están na cadea ou procesados. Os que onte eran exemplo de honestidade, hoxe están imputados ou acusados de graves delitos… Quen pode asegurarnos que os que hoxe condenan a corrupción (companheiros e defensores daqueloutros) non van estar manhá sentados no banco dos acusados?

Os parásitos da política que hoxe ateigan as cámaras de representación (e tamén os seus estómagos agradecidos que poboan tertulias televisivas) centran o seu discursos en dous eixos: quen chega primeiro a condenar (terrorismo, corrupción, violencia machista…) e o outro sempre é pior (o manido “e ti máis”). Por outra parte, vemos como seguen numha perfeita polifonía umha cantinela de críticas, insultos e descalificións contra do partido que está aglutinando o descontento do eleitorado, axudado pola estratexia errática de quen xa non ostenta a representación moral da cidadanía.

Mentres tanto, Podemos, que hoxe decidía seguir adiante co proxecto político e organizativo do equipo de Pablo Iglesias, segue recollendo apoios (chegando ás 208.000 persoas inscritas no seu web) e caminhando cara o que hai só uns meses parecía ciencia-ficción e hoxe xa se albisca máis ca posíbel.

Por certo, aínda non vimos imputado a ningún representante dun medio de comunicación… Cicais sexa o que nos falta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario